Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio da Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n. CP 15707
Santiago de Compostela
aemigracion@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 143 | +34 881 995 148
Noticia

Un seminario destaca o carácter simbólico do Consello de Galiza, no setenta aniversario da súa creación

“O Consello de Galicia foi a alternativa dun grupo pequeno de exiliados galeguistas e republicanos necesaria para poder actuar na recuperación da democracia en España”. Así perfilou Ramón Villares esta entidade presidida por Castelao cando se cumpren 70 anos da súa creación. Esta efeméride dalle sentido a un seminario do Consello da Cultura Galega (CCG), Os exilios ibéricos en clave comparada, que remata mañá sábado coa análise doutros exilios coetáneos, os de Cataluña, País Vasco e Portugal.

O 15 de novembro de 1944, Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Alonso ríos crearon en Montevideo o Consello de Galiza para “gardar, manter e defender a vontade do pobo galego”, tal e como figura na súa acta de constitución. “Había moitos enfoques para estudar o Consello de Galiza, pero consideramos que era oportuno ver o significado no seu contexto” apuntou Xosé Manuel Núñez Seixas, profesor na Ludwig-Maximilians Universität de Múnic, na inauguración desta cita. Foi o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen na súa palestra inaugural explicou a relevancia e características desta entidade. “Naceu como representación do goberno galego e dos políticos exiliados” apuntou na súa intervención centrada na primeira etapa desta entidade, que situou entre a súa constitución en 1944 e os anos posteriores á morte de Castelao. No seu relatorio describiu unha entidade caracterizada por ter un grupo de pequeno de apoios, unha desvantaxe de representación e, polo tanto, de recursos, en comparación con outros exilios.

Entre os fitos desta entidade citou a experiencia da revista Galeuzca, dun ano de duración e impulsada polo propio Castelao; pero sobre todo, o seu carácter para promover a presenza de Galicia no diálogo cos exilios para recuperar o paso á democracia. “Foi un fideicomisariado que gardou temporalmente a última vontade do pobo galego” apuntou Villares no seu relatorio. Ao tempo, desenvolveu os cometidos do Consello de Galiza: “falar de igual a igual co goberno vasco e cos cataláns, e defender ideas parecidas e análogas a eles, como é o dereito de autodeterminacion (descartaban o independentismo) e si unha unión pacífica de todos os pobos de España ao tempo que avogaba por unha democracia política de pobo”. Para Villares, o Consello de Galiza foi “unha institución esencial”.

Os exilios a análise en tres seccións
Na primeira sesión situouse o debate no terreo teórico. Fernando J. Devoto, da Universidade de Bos Aires, ofreceu un relatorio encamiñado a diferenciar as figuras do emigrante con respecto do exiliado. A dimensión histórica e transnacional chegou da man de Xosé Manuel Núñez Seixas, da Ludwig-Maximilians Universität en Múnic. Pablo Yankelevich, do Colexio de México, cun relatorio titulado “Experiencias de exilio na historia recente de América Latina”.

Xa pola tarde, Andrea Acle-Kreysing, da Ludwig-Maximilians Universität en Múnic, ofreceu unha ollada transversal sobre os exilios centrándose no exiliados europeos e a cultura antifascita na Cidade de México e Bos Aires. Desde a Universitá degli Studi diVerona chegará Federica Beragna, quen exporá o relatorio titulado “O exilio de nazis, fascistas e colaboracionistas logo da Segunda Guerra Mundial”. Víctor Santidrián Arias, da Fundación 10 de Marzo, pechou a primeira xornada abordando o caso galego dentro do exilio comunista internacional.

A xornada do sábado: a perspectiva comparada
Mañá sábado pecha o o seminario cunha mesa que permite coñecer os exilios ibéricos. Do caso portugués falará Víctor Pereira, da Université de Pau et des Pays de l’Adour.; do vascos farao Óscar Álvarez Gila, da Euskal Herriko Unibertsitatea, e do catalán explicarao Ángel Duarte, da Universitat de Girona. Canda eles, Emilo Grandío, da Universidade de Santiago de Compostela, abordará o caso galego, tomando como exemplo a figura de Salvador de Madariaga.

A actividade na traxectoria do Consello da Cultura Galega
A realización deste seminario sitúase nunha liña de traballo do CCG de ocuparse da Galicia do exterior. Unha acción en que desenvolve un papel moi destacado o Arquivo da Emigración Galega, que leva desde o ano 1992 traballando como un centro de documentación, investigación e difusión referencial no ámbito da emigración e do exilio.

Nesa estratexia encádrase a edición do poemario Pranto matricial, que Valentín Paz-Andrade dedicou á memoria do “irmán Daniel” á súa morte. Máis recentemente, no mes de xuño, tiveron lugar varios actos conmemorativos doutra efeméride, a primeira edición de Sempre en Galiza, que se presentou o 2 de xullo de 1944 no salón do Prince George´s Hall de Bos Aires. Este ano tivo lugar un acto institucional no Parlamento galego, no que se presentou unha aplicación para dispositivos móbiles que consiste na edición dixital aumentada do texto e mais contidos adicionais (estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.), e se fixeron lecturas colectivas do texto.
DESTACADOS
A partir do día 3 de novembro estará na Casa da Cultura da Baña, tamén coñecida como a antiga Obra Pía.
Neste concello a pegada da acción filantrópica dos seus emigrantes está presente en tres edificios emblemáticos para os seus habitantes: a xa mencionada Obra Pía, fundada polo indiano Rafael Díaz, a comezos do século XIX; a Casa-escola de Seoane, na parroquia de San Xoán de Barcala, obra da sociedade de instrución "Unión Barcalesa" e o Colexio Cuba, construído pola sociedade habaneira "La Baña y su Comarca".
Promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, "Luces de Alén Mar", continúa o seu percorrido polos concellos galegos para difundir o labor dos nosos emigrantes a prol da educación en Galicia.
Consulta a nosa web e poderás coñecer datos tanto dos edificios escolares como dos seus promotores, que tanto ben fixeron pola formación educativa dos bañenses.
Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega
Congreso Santiago, 28 de setembro-1 de outubro de 2016
Documentos, fotografías, obxectos, películas....calquera formato que recolla a historia da emigración serve. O Arquivo da Emigracion Galega recupera este patrimonio no marco dun proxecto que abre novos camiños. Agora, o Concello de Ribadeo abre unha vía permanente para documentar o legado da emigración. Neste folleto tes toda a información.
A publicación que xuntou a intelectualidade galega residente en Arxentina nos anos 20
Campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes
Entre Arxentina e Galicia, máis de 1600 cartas para coñecer as relacións de Seoane cos intelectuais das súas dúas patrias.
publicacions








Ver todas
Últimas NOTICIAS
09/08/2018
"Luces de Alén Mar" visita Ares
07/07/2017
O Consello da Cultura Galega recupera material da emigración no marco do Ribadeo Indiano
30/09/2016
A 26 Conferencia Anual da AEMI conclúe coa reivindicación das migracións como elemento clave da Historia da Humanidade
07/06/2016
Posta en marcha no Concello de Ribadeo do Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega
27/11/2015
Morre Xosé Neira Vilas, voz da emigración
05/11/2015
X Ciclo de conferencias organizado pola Cátedra UNESCO 226 sobre Migracións, da Universidade de Santiago de Compostela
23/09/2015
O Consello da Cultura Galega participa na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) en Turín
14/11/2014
Un seminario destaca o carácter simbólico do Consello de Galiza, no setenta aniversario da súa creación
11/11/2014
Publicada xa a Guía del nuevo emigrante
07/11/2014
Aberto o prazo de inscrición para o seminario que estuda os exilios ibéricos en clave comparada

Consello da Cultura Galega en Facebook Consello da Cultura en Twitter

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205