Instrumento do día

Serrón

Os serróns dos carpinteiros están formados por unha lámina de aceiro temperado e flexible, se esta lámina se pon en tensión e se refrega cun arco de violín ou se bate un pau, produce un característico son que pode ser modulado en diferentes notas segundo a folla do serrón se curve máis ou menos, permitindo así a execución de melodías cun son certamente orixinal. O serrón así usado nunca foi un instrumento musical amplamente empregado en Galicia malia que si temos informacións de algunha xente que o toca ou xente que o viu tocar en circos ou en feiras e mercados por ambulantes.

Segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs este instrumento pertence ao grupo dos idiófonos refregados de placas independentes (132.1). En Galicia foi un instrumento de homes, usado principalmente como diversión ou en “petit comité”, moi poucas veces en actuación públicas, e desde logo non é citado nunca polos portadores e portadoras dentro dos instrumentos musicais.

Unha versión interactiva do libro

Este web é a versión interactiva do libro Os instrumentos musicais na tradición galega de Pablo Carpintero Arias [ fb ] e publicado orixinalmente en papel pola Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta versión interactiva, promovida polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, explota as capacidades multimedia e de organización de Internet para difundir universalmente o acervo musical da cultura galega. Ler máis

Máis contidos da edición impresa: Prólogo, Proemio, Agradecementos


Patrocinadores e colaboradores