Corno, corna

Corno de cazador achado na Estrada (Pontevedra). Colección do autor. Fotografías de Alba Vázquez Carpentier.

Tamén foi moi frecuente en toda Galicia fabricar instrumentos semellantes ás bucinas empregando o corno dunha vaca ou dun boi, denominándose entón cornos ou cornas. A voz corna aparece na maioría dos dicionarios galegos como sinónimo de bucina, excepto no de Carré (1972): “Bocina. Concha marina en forma de gran caracol. V. Buguina. Instrumento músico rudimentario, hecho con un cuerno, que usan algunos pastores de la montaña.” En canto a corno, aparece tamén desde Porto (1900) coa acepción de cuncha mariña, bucina, pero no de Eladio Rodríguez (1958-1961) dáse tamén como especie de bocina feita dun corno.

O procedemento para fabricar unha corna é tan sinxelo como baleirar o corno do óso que leva dentro e cortarlle a punta. Aínda puidemos achar algunhas coplas tradicionais que falan deles:

As mozas do Santo Arriba

tocan o pandeiro novo,

as mozas do Santo Abaixo

tocan coa punta dun corno 1

[CPLB, 47]

Ehí vai Curuxeiras

deixaino pasar

que vai tocalo corno

i eu vou merendar

[CTC, 52]

Ás veces os cornos labrábanse na súa parte exterior con tallas ou motivos alusivos ao seu uso, incluso houbo quen os pintaba de diferentes cores. Empregábanse para o mesmo que as buguinas: a comunicación de sinais. Usaron deles as leiteiras, peixeiras e panadeiras para anunciar a súa chegada a unha aldea; tamén foi moi frecuente empregalos para avisárense entre os veciños da presenza do lobo ou dos ladróns, para os pastores recadaren o gando da aldea, así como para reunir á xente da aldea para calquera xuntanza ou en xeral para calquera outro tipo de sinalizacións. Lisón Tolosana refire como no Cebreiro o alcalde pedáneo tocaba un corno para xuntar a xente da aldea: “si es una cosa urgente que me mandan a mí para hacer constar a los vecinos, lo toco dos veces a la noche…; lo toco dos veces y ya saben que es urgente, y se van directamente a mi casa. Si se toca una sola vez ya saben los vecinos que es para mañana, que es para asunto de caminos, traída de agua, luz, partijas de monte.” 2

Nas monterías que se realizaban para a caza do lobo tamén se empregaban as cornas para escorrentar estes animais cara aos foxos. Na igrexa se San Francisco de Betanzos (século XIV) aparecen numerosísimas representacións de cornos en mans de cazadores, tanto no sartego de Pérez de Andrade como nas paredes da propia igrexa. Covarrubias (1611) indica que: “Los caçadores y los correos, usan destas bocinas, o cornetas; y aunque algo más groseras las tañen los que convocan el ganado de cerda, y lo llevan y traen al campo”. Pablo Pérez Costanti corrobora esta nova para Galicia: “Muy comunes fueron en nuestro país, especialmente en comarcas montañosas, las batidas de lobos, que consistían en rodear con extenso cordón, formado por un gran número de hombres, con toda clase de armas, un sitio habitado por fieras, y estrechar más y más las distancias, haciendo ruido con toda clase de objetos para echar la caza. Cuando un lobo trataba de huir por un flanco, aturdido con la gritería de las gentes y el sonar de tamboriles y cuernos, buscaba salida por otro lado [...]. De tiempo remoto datan las monterías, cual lo evidencia uno de los decretos dictados a principios del siglo XII por el Arzobispo compostelano Diego Gelmírez.3

Co mesmo fin que cornos, cornas e buguinas, usáronse tamén en Galicia unha especie de cornetas [341] fabricadas enteiramente de metal que se adquirían nas tendas especializadas. En Rozabales (Maceda de Trives 4, Ourense) “Toca una cuerna de metal por las mañanas e la xente solta o ganado5; nalgúns entroidos desta zona montañosa de Ourense aínda hoxe se empregan estas cornetas de metal; noutros entroidos ourensáns como o de Sarreaus as máscaras portan tamén cornas.

O uso dos cornos como aerófonos para a emisión de sinais é antiquísimo e está documentado desde o neolítico; desde entón a súa forma e uso non mudaron apreciablemente. Os hebreos chamáronlle historicamente qeren e os xudeus modernos, despois de miles de anos, seguen hoxe a facer uso ritual dun gran corno de carneiro, o shopar, nas súas celebracións na sinagoga; quizais por iso a Coca do Corpo de Deus coruñés do século XVIII levaba enriba “un judío o fariceo con una bucina en la boca y un letrero en las espaldas6.

Os romanos desenvolveron tres tipos de aerófonos de lingüeta membranosa: o lituus, a tuba e o cornu; fabricábanse de metal e empregábanse para emitir sinais durante a guerra, malia que a tuba tamén se facía soar en celebracións e ritos civís. O cornu aparece citado por Estrabón [Xeografía, III, 3, 7] xunto co aulòs, un tipo de óboe, en mans dos habitantes do noroeste peninsular a principios da nosa era, aínda que seguramente o instrumento ao que se refire esta información só se parecía ao cornu no seu tamaño e quizais tamén no seu son. É posible que a difusión do uso dos cornos por Europa acontecera grazas ás influencias dos pobos de cultura celta, pois estes adoitaban empregar uns grandes cornos rectos, os carnix, fabricados en bronce e rematados nun pavillón que representaba a cabeza dun lobo ou xabaril, na península aínda se conservan algúns restos deste tipo de instrumentos. Con todo, a grande extensión que ocupan os cornos desde Sudamérica a Oceanía (digeridoo) e a súa extensiva presenza en toda África central baixo unha variadísima morfoloxía 7, pensamos que indica que o seu uso debe ser moito máis antigo, seguramente paleolítico, aínda que o material con que eran fabricados, madeira e corno, impediu a súa conservación.

O caso é que as representacións de cornos son abundantísimas en Europa desde o medievo, e tamén son moi frecuentes en Galicia. Temos cornos, por exemplo, nas igrexas de Santa Baia de Banga (s. XII) e San Fiz de Cangas (s. XII). En San Francisco de Betanzos (s. XIV) aparecen moitísimos asociados a escenas de caza e incluso nun dos nervos da cúpula un home toca dous simultaneamente. Tamén podemos ver anxos tocando o corno na fachada de Praterías da Catedral de Santiago de Compostela (s. XII) ou mesmo no retablo da Expectación da catedral de Tui (s. XVIII) onde aparecen ricamente ornamentados.

En todas as culturas onde se empregan o seu son ten unha importante compoñente máxico-relixiosa. Na Europa altomedieval o son da trompeta e dos cornos simbolizou a palabra de Deus, de aí que sexa moi frecuente contemplar como os anxos dos retábulos e pinturas de igrexas e catedrais portan nas mans cornos ou fan ademán de tocalos, e tamén é frecuente a conservación de modelos orientais en marfil ricamente tallados, os olifantes. Carlos Rei observa que no imaxinario popular o son dos cornos tamén se identificou co inferno 8; nestas coplas aparecen mencionados o corno e o clarín, denominación coa que se coñeceron algunhas trompetas pequenas na península ibérica ata o século XVIII:

Tocan o clarín en Rante,

o corno en Soutopenedo;

vinde para Rante, mozas,

que aquí non existe o inferno

[IMLTG, 166]

Esta noite á meida noite

ouvín tocar o clarín,

eran os anxos do ceo

que viñan acá por min

[CPLB, 77] Limia Baixa

Fóra do contexto relixioso, na Idade Media os cornos foron moi empregados para transmitir sinais. Os vixiantes das torres das murallas usábanos para dar diferentes anuncios, entre eles as horas da noite ou sinalar os recibimentos de personalidades 9. É posible que a este uso corresponda o tocador de corno que aparece no pazo de Fefiñáns (s. XVII) en Cambados (Pontevedra). Estes vixías recibían o nome de aguaitas, en francés antigo gaites, e de feito existen na península ibérica moi numerosas torres denominadas “Torre del Aguaita”. Posto que os aguaitas empregaban tamén outros aerófonos soprados, Franz Diez na súa obra Etymologisches Wortterbuch dei Romanisches oprachas 10 suxire a derivación da forma “gaita” dun vocablo occitano coa significación de “espreita, vixilancia, vixiante ou sentinela”, apoiándose na locución portuguesa “na primeira gaita” (á primeira hora da noite). Tamén Menéndez Pidal, seguindo a opinión de Díez, aceptou esta hipótese, pero tratando de buscarlle unha mellor fundamentación 11. O tema aínda está sen resolver pero o certo é que en Galicia os cornos, como moitos dos instrumentos soprados coa boca (clarinetes, óboes, frautas etc.), poden recibir o nome de gaitas, documentándose esta denominación para os cornos de cabra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e tamén por Fr. Martín Sarmiento: “llaman así hacia el seixo al cuerno o asta, v.g.: las dos gaitas del carnero12.

Os cornos, cornas e buguinas non se consideran na nosa tradición como instrumentos musicais propiamente ditos, pois non poden facer melodía, son simplemente útiles de traballo que conservaron a súa función medieval de aparellos de sinalización, agora substituídos maiormente polas bucinas dos barcos ou dos coches no caso dos oficios ambulantes como panadeiros, peixeiros, butaneiros etc. Hoxe en día, unicamente no folión de Antroido da parroquia Mormentelos (Vilariño de Conso, Ourense) se conserva o uso dos cornos dentro dun marco ritual: os grandes tambores de antroido son acompañados por cornos, trompetas e cornetas de metal que seguen co seu son os toques que os tambores interpretan.

O poder máxico dos cornos aparece sempre asociado a eles, tanto á súa voz como ao propio corno. En Galicia atribúenselle virtudes contra os maleficios, e así foi frecuente atarlles nos pulsos dos nenos cornos de vacaloura ou levar corniños nos petos como amuletos contra o mal de ollo. Tamén se penduraba un corno de carneiro ou de boi detrás da porta ou dalgunha fiestra para escorrentar as meigas.

Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs estes aerófonos de lingüeta membranosa pertencen ao grupo  423.111 dos cornos naturais con furado bocal terminal.

Ver notas
  1. [1] O “Santo” é unha capela propiedade do pobo que, sita no medio da aldea, divide a esta en dous lugares: Santo Arriba e Santo Abaixo.
  2. [2] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), pp. 132-133.
  3. [3] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 101.
  4. [4] Actualmente aínda Manzaneda.
  5. [5] Lisón Tolosana. Op. cit. p. 138.
  6. [6] González Montañés, J. El Corpus en A Coruña, en: http://www.xente.mundo-r.com/juliomanta/coruña. Consulta novembro 2008.
  7. [7] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, p. 307-459.
  8. [8] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa, p. 165, nota 129 no orixinal.
  9. [9] Homo-Lechner, C. Sons et Instruments de Musique au Moyen Age. Archéologie musicale dans l’Europe du VIIe au XIVe siècles. Ed. Éditions Errance. Paris, 1996, pp. 17-18.
  10. [10] Franz Díez, F. Etymologisches Wortterbuch dei Romanisches oprachas.  Bonn, 1887, p. 452.
  11. [11] Menéndez Pidal, R. Poesía juglaresca y orígenes de las literaturas románicas. Madrid, 1957, pax. 50, nota 2.
  12. [12] Sarmiento, M. Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1973, p. 401.
Patrocinadores e colaboradores