A gaita de fol ao longo do século XX. A gaita de fol contemporánea

Gaita de fol do obradoiro Seivane (Cambre, A Coruña). Fotografía por cortesía do Obradoiro.


Non podemos rematar esta sección sen comentar algúns aspectos estruturais da construción das pezas sonoras das gaitas de fol así como a súa evolución ao longo do século XX, pois os tipos que vimos de describir desapareceron como tais ao longo desta centuria, principalmente a partir dos anos 1940, sendo substituídos por unha nova tipoloxía que ben podemos denominar gaita de fol contemporánea.

Ata principios do século XX cada zona mantiña un tipo particular de gaita de fol, un repertorio característico, unha dixitación particular etc. Este fenómeno mantívose seguramente durante séculos, propiciado tanto polo propio modelo de sociedade, como pola lentitude nas comunicación dunhas áreas con outras, lentitude que se mantivo practicamente no mesmo nivel desde hai séculos e séculos. Deste xeito, existían obradoiros que producían gaitas de fol só para pequenas zonas, manténdose as características propias de cada área porque os artesáns aprendían ou imitaban exclusivamente, igual que os gaiteiros, tipos propios da súa zona.

A partir do primeiro terzo do século XX esta situación comeza a trocar. As comunicacións fanse cada vez máis doadas e os intercambios máis frecuentes, a poboación rural empeza a urbanizarse e a desprazarse dunhas zonas a outras, o modelo de sociedade muda moi considerablemente. Pouco a pouco, a cultura tradicional galega, froito dunha evolución cunha taxa de cambio moi baixa, vaise fragmentando a un ritmo cada vez máis acelerado ata que, a finais do século XX, achamos xa a cadea de transmisión oral completamente fendida e desintegrada. Este proceso de ruptura co pasado afectou fortemente aos nosos instrumentos musicais e dun xeito particularmente violento ás gaitas de fol. Tanto é así que, no momento actual, a maior parte dos novos intérpretes carecen de contacto cos gaiteiros de tradición. A falta de mestres enchoupados na nosa tradición oral fai que estes novos instrumentistas descoñezan por completo o tipo tradicional das gaitas de fol da súa zona, o seu repertorio e dixitación propios e outras importantes características zonais. En troques, áchanse mergullados nunha corrente uniformizadora que dita un tipo único de gaita de fol para toda Galicia, unhas tonalidades predeterminadas e axustadas a un temperamento case total da escala, ademais dun repertorio estándar e unha dixitación característica (aberta), fenómeno este último que comeza agora a solucionarse co emprego cada vez máis frecuente da dixitación pechada. Este proceso ten tamén unha cara positiva, pois facilitou que uns gaiteiros puidesen tocar con outros e a introdución da gaita de fol galega en moi diversas agrupacións instrumentais.

No que aos talleres de gaitas de fol se refire sucede exactamente o mesmo. Practicamente non coñecemos ningún obradoiro actual que herdase os seus coñecementos e siga os ditados dun artesán asentado na tradición oral galega. O normal actualmente é que o novo artesán tente acadar para os seus instrumentos unha escala cromática e de temperamento igual á vez que imita tipos morfolóxicos, tímbricos e melódicos modernos xa xeneralizados por outros artesáns de máis renome que si mamaron dalgún xeito a tradición. Este fenómeno carrexa unha crecente homoxeneización dos carácteres. Por se isto fose pouco, a preponderancia de dous focos ou escolas de fabricación de gaitas de fol, unha a de Antón Corral e outra a iniciada por José Seivane, que é con diferenza a máis poderosa, reforza de xeito significativo a progresiva uniformización.

Vexamos en máis detalle cales son as características tipolóxicas que se viron transformadas coa ruptura da cadea de transmisión oral en Galicia.

Primeiramente, precisemos que os punteiros das gaitas de fol galegas constan todos, como xa dixemos e sen excepción ningunha, de oito furados dixitais, sete na fronte e un posterior para o polgar da man superior. Estes furados crecen gradualmente en diámetro segundo descendemos cara ao remate do tubo sonoro, agás o furado correspondente ao meniño da man inferior que é lixeiramente máis pequeno que o inmediatamente superior. Esta continuidade nos tamaños dos furados é un patrón invariable que observamos en todosos punteiros antigos que tivemos a oportunidade de estudar ata a data. Este patrón non se conserva nos punteiros modernos, pois os calibres interiores e o tamaño dos furados foron trocados en aras da consecución dunha escala pobremente cromática que, por outra parte, non é en absoluto necesaria para a interpretación da nosa música tradicional, posto que o modo menor é practicamente descoñecido e sistematicamente evitado polos gaiteiros tradicionais 1. A variación nas normas construtivas dos nosos punteiros xunto coa uniformización dos patróns tímbricos e de afinación a que viñemos asistindo nos últimos 50 anos, conduciu a unha dificilmente reversible perda de variabilidade e empobrecemento das escalas e timbres propios das gaitas de fol galegas, que presentan agora uns sons perceptiblemente máis baleiros en harmónicos, e febles en volume, que as de tempos pretéritos.

Máis abaixo dos furados tonais, xa cara ao remate do punteiro, practicábanse antigamente un número variable de furados non tonais, as denominadas orellas. O número máis frecuente nos punteiros antigos é o de tres, malia que son relativamente abundantes os que só contan con dúas, e hai documentados algúns raros exemplares con catro e ata cinco orellas. Hoxe por hoxe todos os punteiros levan, de xeito invariable, tres orellas. Este pequeno detalle, aínda que non ten grande importancia, si é moi sintomático do proceso de uniformización do que estamos a dar conta.

Os torneados dos punteiros antigos eran normalmente moi sinxelos, a maioría deles teñen unha mesa lixeiramente ornamentada que dá paso ao fuste, completamente liso e estilizado, que vai medrando en grosor ata rematar nunha lixeira campá. Soamente uns poucos exemplares posúen, cara ao remate e normalmente por baixo das orellas, algún ornamento en forma de anel. A moda moderna impón o inexplicable costume de tornear constantemente un anel saínte entre a zona dos furados tonais e a das orellas. Un reflexo máis do proceso de uniformización.

Outro aspecto sumamente interesante é a afinación das escalas producidas polos antigos punteiros galegos. Como unha descrición detallada das mesmas faríanos saír do obxectivo central deste traballo, conformarémonos con dar unha idea xeral sobre como eran estas escalas antigas, o que xa fomos adiantando na descrición dos diferentes tipos de gaitas de fol que vimos de facer.

Sempre observamos nos punteiros antigos tres notas perfectamente concordantes: a tónica, a dominante e a tónica superior. Esta concordancia é ansiada polos gaiteiros; sen ela o punteironon afina” e debe ser arranxado ata conseguila ou senón trocado por outro. Nos punteiros antigos temos perfectamente documentada unha marcada tendencia cara a unha subtónica lixeiramente máis alta do normal na escala diatónica temperada de referencia, característica completamente perdida nos punteiros actuais nos que esta subtónica se converte sistematicamente nunha sensible a unha distancia de medio ton da tónica. Tamén o terceiro grao da escala amosa nos punteiros antigos unha marcada tendencia á gravidade, malia que non ata chegar aos estremos de xerar un ambiente case de ton menor como ocorre nas gaitas de fol xabresas e trasmontanas. Hoxe por hoxe na escala “estándar” só se conserva unha pequena diverxencia deste grao respecto á escala temperada, o que fai que perda una grande parte do seu encanto e carácter propiamente galego.

As pequenas variacións que temos observado na afinación do cuarto grao dos punteiros antigos procedentes da maior parte de Galicia non inflúen de xeito importante no ambiente tonal creado polos graos primeiro, terceiro e quinto. Só nas gaitas de fol antigas procedentes da Mariña Central este grao é notablemente máis alto que o temperado; como consecuencia, estas escalas producen unha curiosa sensación, sobre todo nos requinteos, e podemos dicir que teñen unha personalidade propia moi marcada e axeitada para melodías que fan a tónica neste grao.

As pequenas desviacións que se observan nas afinacións do sexto e sétimo graos si que determinan, de xeito absolutamente decisivo, a aparición de escalas con sabores certamente particulares, sabores sempre potenciados pola gravidade do terceiro grao e a sensible. En concreto a marcada desviación cara ao grave nos sétimos graos nas gaitas de barquín e nas de ronquillo da zona de Pontevedra, así como nas gaitas asturianas, fainos pensar na conservación nelas dun tipo de escala que debeu ocupar noutrora gran parte, senón todo o noroeste peninsular.

Aínda que dentro da mesma zona predominaban o mesmo tipo de desviacións respecto da escala temperada, compróbase facilmente que cada gaiteiro, dentro da escala propia da súa área, acadaba unha tímbrica e unha escala peculiar que lle eran características e que o diferenciaban dos demais. Mesmo cando dous gaiteiros veciños empregaban punteiros moi semellantes senón idénticos, saídos das mesmas mans construtoras, as xentes dos lugares daban diferenciado perfectamente entre un e outro, tanto pola súa escala característica como polo seu timbre particular, xeito persoal de interpretar ou mesmo polo seu repertorio. Na determinación destas escalas particulares inflúen: a construción do punteiro, o tipo particular de palleta empregado (tradicionalmente cada gaiteiro construía sempre a súas propias palletas) e o tempero 2. Este é propio de cada gaiteiro e determina de xeito decisivo a afinación dos graos sexto e sétimo da escala que son os máis sensibles á presión interna do fol. Estes graos, xunto co terceiro que é moito menos sensible ao tempero, son os que finalmente dan sabor especial a cada escala.

Canto ás palletas, sufriron igualmente o proceso de homoxeneización coa aparición, aproximadamente nos anos 1970, dun tipo de follas triangulares e alongadas, moi semellante ás palletas do moderno óboe, sen parecido ningún coas palletas tradicionais galegas. No caso dos pallóns, a cana está a ser agora practicamente substituída por outros materiais sintéticos desenvolvidos no taller da familia Seivane e que, aínda que posúen un son bastante parecido aos usados tradicionalmente, ao estaren presentes na maior parte das gaitas de fol que se escoitan, uniformizan o soar dos roncóns de todos os gaiteiros.

Como xa dixemos, ao contrario dos gaiteiros doutro tempo, as novas fornadas de gaiteiros carecen de todas as características propias da súa zona, e o que é aínda peor: ignoran a súa existencia. Equipados con gaitas de fol extremadamente similares cando non idénticas, fornecidas con palletas e pallóns fabricados en serie por un artesán especializado, con punteiros que emiten escalas case perfectamente temperadas agás no terceiro grao, e cun timbre absolutamente semellante, estes novos gaiteiros interpretan pezas dun repertorio común empregando un xeito de execución perfectamente clónico e predeterminado. Ningún veciño de ningures sería quen de diferenciar entre dous gaiteiros de hoxe.

En canto aos bordóns, os ronquillos foron practicamente abandonados ou substituídos, recentemente, por outros que empregan pequenos pallóns en lugar da tradicional palleta. Incluso se trocou a súa afinación na dominante pasando a soar na tónica do punteiro, fenómeno absolutamente alleo á nosa tradición ata hoxe. No que aos roncóns respecta, os grosos calibres interiores presentes nas gaitas de fol antigas foron diminuíndo gradualmente á vez que a súa lonxitude se acurtaba. Estas variacións ocasionaron un importante cambio no timbre do roncón, sendo o seu son dulcificado a costa dunha desagradable perda na potencia sonora respecto ao punteiro, o que era absolutamente indesexado polos vellos gaiteiros que precisaban e agradecían unha potente nota pedal que sustentase as súas melodías.

Por último, tamén o vestido do fol sufríu modificacións. Se antigamente era moi frecuente que a súa forma e disposición das saídas dos tubos sonoros obrigasen a apertalo co antebrazo contra o peito do tocador, os novos vestidos están deseñados para apertalos fundamentalmente co cóvado. Esta mudanza fixo que o punteiro pasase de ser tocado nunha posición elevada e case paralelo ao chan, a dispoñerse de xeito vertical.

Despois de sufriren as modificacións que vimos de comentar, a partir aproximadamente dos anos 1970 vai nacendo en Galicia unha nova tipoloxía de gaita de fol, que podemos denominar contemporánea, un instrumento que permitíu aos novos gaiteiros tocar ao pé de calquera instrumento e formar agrupacións ata o momento descoñecidas. A gaita contemporánea, como instrumento diferente dos outros tipos de gaitas de fol galegas que xa describimos, posúe as seguintes características:

Diminución dos calibres internos e polo tanto troco na tímbrica tradicional, diminución do volume sonoro, afinación de acordo coa escala temperada (agás no terceiro grao), invención dun novo tipo de palleta e pallón, invención do ronquillo de pallón, mestura aleatoria dos bordóns dacordo co gusto do músico, substitución do fol de pel por materiais sintéticos (nomeadamente goretex) e mudanza na forma do vestido, predominio da dixitación aberta e uso moi abundante do ton menor.

Do proceso de nacemento desta nova tipoloxía é responsable unha verdadeira evolución interna, na que os procesos de aculturación, malia estar presentes, non tiveron grande relevancia. Así, pese aos cambios sufridos, pensamos que nesta gaita de fol contemporánea se mantivo a esencia da gaita de fol tradicional. O nacemento desta nova tipoloxía significou desde logo un avance para a gaita de fol galega e a comunicación musical, a mágoa é que no camiño quedasen as antigas tipoloxías, escalas, formas e modos que son perfectamente compatibles cunha música moderna e adaptada.

Ver notas
  1. [1] A este respecto podemos citar as verbas de Casto Sampedro cando falando das variantes da muiñeira di:
    “La V, llamada de Puentesampayo, la componen cuatro partes, extensión no propia ni usada; toda ella está en tono menor, contraviniendo a los naturales cánones del género…” (Casto Sampedro y Folgar, Cancionero Musical de Galicia. Reimpresión facsímil de la edición de 1942, p. 173)
    Ou cando falando das alboradas escribe:
    “Los gaiteros “buenos”, los directores de murgas y bandas, organistas y compositores, tanto anónimos como conocidos, la han maltratado en muy variadas formas:
    …Y, en fin, empleando el modo menor (do menor) que, aunque le da variedad y extensión, le saca caracter melódico y popular” (Op. cit. pp. 177-178).
  2. [2] Denomínase tempero ao xeito de manter a presión constante do aire dentro do fol.
Patrocinadores e colaboradores