Tambor feminino

Nas montañas do noroeste ourensán, nos concellos de Piñor, O Irixo e O Carballiño, así como no concello pontevedrés de Dozón (xusto ao norte destes) e nas montañas dos Ancares (Lugo) documéntase o costume de tocaren as mulleres un rústico tamborete para acompañaren o canto. No norte de Ourense aparece tocado xunto con outros instrumentos como a lata e as pandeiretas, mentres que nos Ancares faino coas pandeiras. Carmelo Lisón Tolosana refire o seu uso exactamente nestas mesmas zonas: en Dadín (O Irixo) había bulladas ou fiadeiros nocturnos “a bullada era diaria, de mocedá [...] tocaban y bailaban y fiaban. Era en una cuadra; echaban tojo para que se esmagara allí. Tocaban pandereta, tambor e conchas y una lata de gas” 1; en Donís (Cervantes, Lugo) referíndose ás vodas explica Lisón Tolosana como “Las chicas [de aquí] tocan el tambor y cantan. La demás gente observa” 2, máis adiante observa tamén que neste mesmo lugar durante o martes de antroido as mulleres “Tocan el tambor, bailan y grúan [lanzan gritos guturales]” 3.

As portadoras consultadas en diversas aldeas do norte da provincia de Ourense comentaron que estes tambores eran construídos polos carpinteiros a petición das mulleres. Trátase de instrumentos bastante chatos comparados cos que se usan para acompañar á gaita de fol, cunha caixa duns 10-12 cm de altura e 35-40 cm de diámetro fabricada redondeando unha táboa de madeira. As peles non ían enroladas en ariños de madeira, senón que se cosían arredor cun fío groso para formar un engrosamento que impedía que esvarasen por debaixo dos aros do tambor. Estes levaban uns furados por onde atravesaba a corda que, tendida en zigzag permitía tensar as peles mercé a uns arrochos como os xa descritos ao falarmos do tambor. Estes tambores femininos carecían de bordóns e tocábanse con dous paus batendo na mesma pel. Mentres a muller permanecía sentada, termaba do tambor coas peles verticais, apoiándoo na perna esquerda e suxeitándoo co antebrazo esquerdo.
No caso dos Ancares, Carlos Rei 4 describe un tipo de tambor feminino moi semellante pero cunha morfoloxía bastante antiga na que as cordas pasan en zigzag directamente polos ariños onde se enrolan as peles, é dicir, sen ariños de madeira sobre estes. Cando visitamos esta zona, uns dez anos despois de Carlos Rei, non puidemos xa documentar o instrumento, pero si a lembranza do uso de tambores e caixas que se lles solicitaban aos gaiteiros con este fin.

Tamén debemos indicar que aínda que só nestas dúas zonas de Galicia temos novas do uso dos tambores polas mulleres para acompañaren o canto, este costume aparece tamén documentado por Eugenio M. Zamora na zona eonaviega de Asturias 5, achegando documentación fotográfica na que se aprecia a mesma tipoloxía de tambor feminino e xeito de sostelo que aquí vimos indicando.

Organoloxicamente falando é bastante sorprendente achar un tambor batido con paus en mans de mulleres, pois son instrumentos dunha longuísima tradición masculina, polo que sospeitamos que se trata dunha tradición relativamente recente, quizais do século XVIII ou XIX, por aventurarmos unha data baseándonos unicamente na intuición.

Dentro do particular sistema de cultura musical da zona ourensá referida, este tipo e uso dos tambores é exclusivamente feminino, pois os homes rara vez participaban no canto para o baile. Nos Ancares, pola contra, homes e mulleres cantaban nos filandois e ambos empregaban este instrumento para acompañar o canto. Nos dous casos estes tambores teñen consideración de verdadeiros instrumentos musicais, pois son feitos a mantenta para acompañar o canto e participar no acto musical.

Ver notas
  1. [1] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), p. 89.
  2. [2] Lisón Tolosana, C. Op. cit. p. 93.
  3. [3] Lisón Tolosana, C. Op. cit. p. 171.
  4. [4] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, en prensa.
  5. [5] Zamora, E. M. Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana. Oviedo, 1989, p. 226.
Patrocinadores e colaboradores