Pandeiro (redondo)

Polas poucas informacións que puidemos recoller sobre eles en Galicia, os pandeiros redondos constaban dun marco circular duns 45-50 cm de diámetro, non moi largo (8-10 cm), que se fabricaba dobrando de forma circular unha táboa delgada. Para iso os peneireiros, que eran os artesáns encargados de facelos, dispoñían dun cilindro dentado por debaixo do que se facía pasar a táboa de madeira. Outro procedemento, seguramente máis antigo, consistía en introducir a táboa húmida nun forno de cocer o pan, esta fermosa copla referida por Carlos Rei Cebral 1 deixa constancia deste procedemento:

Meu pandeiriño redondo

co ariño de ameneiro,

que te revirou no forno

Feliciano, o peneireiro

[IMLTG, 147]

Os marcos así fabricados recubríanse por un só lado cunha pel obtida dos mesmos animais que no caso dos pandeiros cadrados. Esta asegurábase empregando un ariño cravado no marco. Estes pandeiros carecían de elementos sonoros inseridos no marco, as denominadas ferreñas 2, característica que fala en favor da súa antigüidade, pois como logo veremos, na evolución dos tambores de marco circular documéntase un incremento paulatino no número destes elementos á vez que unha redución no seu tamaño.

Xa comentamos que é moi factible que moitas das coplas tradicionais que falan do pandeiro se refiran ao pandeiro redondo, pois hai bastantes nas que os detalles que achegan permiten deducir que están a falar deste instrumento; con todo, non podemos asegurar que se estean a referir ao instrumento sen ferreñas que estamos a tratar aquí.

Toca o pandeiro redondo

toca o pandeiro redondo

que vai a bailar o peinado

e máis o do bico longo

[CPPO, I, 152]

O pandeiro é de amieiro

os aros de zreixal

tres meninas o tocaban

na raia de Portugal

[CPGDS, VI, II, 43] A Mezquita (Ourense)

Voy a dar la despedida

no aro deste pandeiro

na esquina máis d’arriba

[CPGDS, VI, II, 50] Mazaricos (A Coruña)

Este pandeiro que toco

ten un arco de mimosa

ten un letreiro que di

animaivos que vai nosa

[CPPO, I, 156]

En Galicia nunca vimos usar os pandeiros redondos, só puidemos documentar a súa lembranza a través de varios portadores. Francisco Villarino (gaiteiro de Escornabois, Trasmiras, Ourense) informounos de que na súa xuventude as mulleres tocaban estes instrumentos nos fiadeiros, ben batendo neles coas mans, ben empregando un pequeno macico de madeira 3. Unha nova semellante obtivémola de Aquilino González (Xesta, Quende, Abadín, Lugo), outro gaiteiro que lembraba como os homes facían “co aro das peneiras” uns pandeiros nos que batían coas mans ou cun pau 4. Por último, José Cabana (Loboso, A Pastoriza, Lugo) lembraba como as mulleres tocaban cun “banelo”, unha peneira sen furados que usaban “para airear as colleitas”.

Referíndose a Mondoñedo, Eduardo Lence Santar [1876-1960] escrebe 5: “O pandeiro de Zoñán, Estelo, Tronceda, Labrada, Romariz, Montouto y-outras partes arrumbaba tanto y-era redondo coma unha criba: estaba cuberto de pél d’ovella ou de carneiro e tiña arrechouchos tod’ô redor.” Pese a que a cita indica claramente que os pandeiros redondos empregados nesta zona levaban ferreñas ao redor, constituíndo así o que aquí estamos a denominar pandeira, a comparación cunha criba é abondo significativa xa que os cribos de volta empregados para limpar o cereal fabricábanse exactamente igual que os pandeiros redondos: cunha pel tendida sobre un marco circular que podía ou non ir perforada cun grande número de pequenos furados. Pero a coincidencia non é so estrutural: sabemos que nalgunhas zonas os cribos de volta foron empregados polas mulleres galegas como instrumentos musicais para acompañar o canto. Este uso témolo perfectamente documentado na Pastoriza (Lugo) e no Barco de Valdeorras (Ourense), lugar este último onde puidemos ver varios exemplares de cribos de volta coa pel perforada que foran usados tamén para acompañar o canto. A estreita relación, incluso identidade, que existe entre os pandeiros redondos para tocar e as ferramentas empregadas na limpeza do cereal reflíctense nestas dúas interesantísimas coplas referidas por Carlos Rei Cebral 6:

Meu pandeiriño redondo,

moito traballo che dan,

de noite tocas na ruada,

de día limpas o gran

- ¿Tocamos, Manuela?

- Tocamos, Benino.

Ti toca o pandeiro

que eu toco co cribo.

Como veremos ao falar da historia dos tambores de marco, traballamos coa hipótese de que os útiles empregados para limpar o cereal estean intimamente relacionados coa orixe dos pandeiros redondos que son, ao fin, os devanceiros das pandeiras e pandeiretas. Só adiantaremos aquí que os tambores de marco circular sen ferreñas no marco, o que aquí estamos a denominar pandeiros redondos, teñen unha enorme área de distribución que ocupa todo o norte do continente africano e o medio oriente, así como toda Eurasia, desde as poboacións saamis de Escandinavia ata as ribeiras do Mediterráneo, e desde China a Galicia, por canto seguramente son instrumentos dunha enorme antigüidade. Estes pandeiros redondos cumpren unha importante función nos rituais iniciáticos, de purificación ou de medicina, constituíndo un dos principais instrumentos musicais dos xamáns eurasiáticos xunto coa trompa. Aparecen con frecuencia pintados de encarnado (a cor do sangue e polo tanto da vida) 7, o que podería explicar os reberetes de tea encarnada que tradicionalmente ornan as beiras dos pandeiros, tanto en Galicia coma no norte de Portugal, ou as pinturas coloradas sobre a pel das pandeiras documentadas nos Ancares das que a seguir falaremos.

A teor das novas que temos, o uso do pandeiro redondo debeu ir esmorecendo durante o século XIX ata extinguirse definitivamente a principios do século XX, polo que nada sabemos con exactitude da súa consideración social e filiación sexual que, por outra parte, podemos supoñer semellantes á do pandeiro cadrado, pois o instrumento aparece aínda en mans femininas no Bierzo 8 e nós mesmos vimos mulleres cantar ao seu son na aldea de Duas Igrejas, en Trás-os-Montes (Portugal).

Por último, só comentar que da copla que a continuación vertemos, e tendo en conta que ferreñas refírese normalmente ao instrumento do que xa falamos, poderíase deducir que o pandeiro redondo puido ser tamén denominado pandeira nalgunha época ou zona de Galicia:

A pandeira toca ben

as ferriñas danll’ o son

as rapaciñas do Burgo

eu direi quen elas son:

delgadiñas da cintura

alegres d’o corazón

[CPG, II, 43]

Ver notas
  1. [1] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 147 no orixinal.
  2. [2] As ferreñas, ferriñas, forreñas, furriñas ou chapas, coñecidas en castelán co nome de sonajas, son discos de metal, de tamaño variable, lixeiramente cóncavos, rizados na súa beira e cun furadiño no medio por onde se ensartan nun arame que permite o seu libre movemento. Ao entrebatérense producen o característico son tintineante propio de pandeiras e pandeiretas. Curt Sachs especula coa posibilidade de que teñan a súa orixe na unión dos címbalos aos tambores de marco circulares para dotalos dun son tintineante, pois os címbalos foron tocados cos pandeiros en moitas das culturas da antigüidade. O nome castelán de sonajas ten probablemente a súa orixe no verbo acadio sanaqu (golpear, presionar xuntos) de onde puido derivar o árabe sanj, plural sunuj (pratiños) e de aí ao castelán sonajas, aínda que tamén se lle pode achar orixe na familia do verbo latino SONARE. Os nomes que reciben en galego derivan claramente do material con que se fabricaban estas pequenas pezas. Por outra parte, ferreñas, furriñas etc. (e sonajas tamén en Castelán) aludía en tempos pretéritos a un instrumento musical semellante a unha pandeireta sen pel, é dicir, un marco de madeira circular no que se inserían ferreñas. Para distinguir ambos referirémonos ao instrumento cando escribamos ferreñas en cursiva, mentres que o elemento sonoro escribirémolo con carácteres normais.
  3. [3] Noutros lugares da península quedan aínda exemplos de pandeiros (cadrados e redondos) tocados con paus, o bodhrán irlandés pertence tamén a este tipo de instrumentos. A iconografía medieval peninsular amosa tamén esta forma de tocalo. 
  4. [4] Parece ser que Ramom Pinherio Almuinha descoñece estes datos e dá o pandeiro redondo percutido cun pau como descoñecido en Galicia. Pinheiro Almuinha, R. “Tambores de mão na Galicia: pandeiros, adufes e pandeiretas galegas”. En: Etnofolk. Revista galega de etnomusicoloxía. Nº 8, xuño 2007, pp. 16.
  5. [5] Lence Santar, E. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 100.
  6. [6] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita, p. 147 no orixinal.
  7. [7] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 228.
  8. [8] Alonso Ponga, J. L. e Diéguez Ayerbe, A. El Bierzo. Etnografía y folklore de las comarcas leonesas. Ed. Leonesas, Santiago García ed. León, 1984, p. 199.
Patrocinadores e colaboradores