Laúde, mandolina e bandurra

O laúde é un instrumento de longuísima tradición, de orixe claramente árabe, pero non imos entrar na súa historia pois non temos ningunha nova do seu uso na nosa música de tradición nos séculos XIX e XX. O laúde moderno é un cordófono de caixa con forma de pera, chata e con tampa e fondo planos; o brazo é relativamente longo e vai fornecido con trastes metálicos. Leva seis ordes de cordas duplas que se feren cunha púa. A bandurra é un pequeno laúde, tamén de caixa plana e piriforme, cos mesmos ordes de cordas que aquel, pero co brazo moito máis curto. Por último, a mandolina é tamén outro tipo de pequeno laúde, con catro ordes de cordas duplas, caixa piriforme, chata e hoxe normalmente plana, brazo relativamente curto con trastes metálicos que se toca ferindo as cordas cunha púa. Segundo Ernesto Veiga de Oliveira deriva da mandolina napolitana que se relaciona coas antigas mandolas de fondo convexo. Polo visto a mandolina acadou un grande éxito nos medios burgueses portugueses da última metade do século XIX, tocada por señoras, pero coa tampa inferior planificada polos artesáns lusos 1.

Como a guitarra, a mandolina puido ser tamén empregada por algúns cegos cantores, pero as referencias en Galicia limítanse a unha muller de orixe portuguesa, Luzía da Conceição Fernándes A Cega do Covelo (Viana do Bolo, Ourense) que se apoia na mandolina, tocada polo seu home, para executar as cantigas e foi obxecto recentemente dunha monografía 2. Deste xeito, o seu uso na música de tradición debeu ser moi restrinxido.

Tuna Universitaria Compostelana en 1925. Do arquivo do autor.

Por outra parte, si que existe en Galicia unha tradición musical que non podemos pasar por alto. Trátase das agrupacións que desde hai máis dun século forman os estudantes da Universidade de Santiago de Compostela denominadas tunas, nas que o groso dos instrumentistas (sempre homes ata hai ben pouco 3) usaban, para acompañar as súas cantigas, guitarras, bandurras, laúdes, mandolinas e violíns, sendo máis raros os contrabaixos ou mesmo a gaita de fol.

Para o pobo “ir de tuna” significou ir de esmorga. Os dicionarios así o recollen, por exemplo no de Filgueira (1928): “sf. Higuera. Juerga. Vida vagabunda. Conversación nocturna de mozo y moza a la puerta de casa. Higuera. Chumbera. Colectividad musical formada por escolares que recorre diversos pueblos.” Esta acepción recóllea tamén a nosa lírica tradicional nestas coplas:

Esta noche voy de tuna

la que viene de parranda

viva quen anda de amores

viva quen de amores anda

[CPGDS, VI, II, 68] Muxía (A Coruña)

Esta noite vou de tuna

ca miña variña blanca

o que ghasto de zapatos

heino d’aforrar na manta

[CPGDS, VI, II, 68] Viveiro (Lugo)

No quiero ir á tuna

e yo no quiero ir a tunar

quiero una buena chiquita

para me aparrandear

[CPGDS, VI, II, 69] Carnota (A Coruña)

Sempre me andas preguntado

de que romería veño,

veño de correr a tuna,

quen me reprenda non teño

[CTC, 72]

Arriba meu pau d’a tuna,

arriba meu pau tunante,

arriba meu pau d’a tuna,

arriba con Dios delante

[CPG, II, 279]

En palabras de Ernesto Veiga de Oliveira aplicables perfectamente a Galicia: “As tunas [...] são pouco típicas e sem valor tradicional nem carácter regional definido4. Malia que as tunas sempre integraron algunhas pezas do repertorio tradicional, incluso tocadas coa gaita de fol, as súas cantigas máis características distan moito da nosa música de tradición oral.

Estas agrupacións poderían ter o seu primeiro referente nos estudantes universitarios do século XIII. No Código das sete partidas, Afonso X fala de estudantes que tocan instrumentos: “Esos escolares que troban e tañen instrumentos para haber mantenencia”. Un século despois escrébese o Libro del Buen Amor que segundo observa José María Castro y Calvo na introdución “sólo aspira a reflejar las andanzas del clérigo juglaresco que componía coplas a los ciegos y estudiantes”  5. Parece pois que a tuna nas súas orixes estaba formada por estudantes que querían obter un suplemento para pagar a súa estandía na universidade, de xeito que exercían de esmoleiros polas fondas e mesóns para conseguir diñeiro e un prato de sopa, de aí que fosen coñecidos como “sopistas” e se dixese que vivían “da sopa boba”. Para exerceren este “oficio” os “sopistas” ían sempre provistos de culler e garfo, sinais que aínda conservan na actualidade nas capas e bicornios que forman parte do seu vestiario típico, herdado daquel que era habitual nos estudantes no século XVII. Nas súas roldas levaban guitarras e bandurras e entoaban cantigas populares.

A primeira referencia clara ás tunas procede do arquivo da Universidade de Lleida: un escrito prohíbelles aos estudantes facer roldas nocturnas baixo pena de confiscarlles os instrumentos. No 1538 os sopistas aproveitáronse das vivendas benéficas que lles ofrecía a Instrucción para bachilleres. A partir deste momento comezaron a cantar sen pedir esmola nin comida. Así, no século XVII en La vida del pícaro Guzmán de Alfarache faise referencia aos tunos salientando a súa condición de estudantes ricos. Tamén en El buscón de Francisco de Quevedo se fala das bromas que tiñan que aturar os estudantes ao se incorporaren a estas agrupacións ata adquirir a condición de veteranos. No xa citado bando de Juan de San Clemente, a máis antiga das disposicións da xurisdición disciplinaria dos escolares, datada no 24 de febreiro de 1594, iníciase unha información testemuñal da que resultaría a confirmación dos “maos” costumes que reinaban entre aquela solta mocidade compostelá, devota das guitarras a deshora, das roldas nocturnas e afeccionada ao xogo. Destas manifestacións musicais espontáneas dos estudantes da Universidade de Santiago de Compostela nacerá a Tuna Universitaria Compostelá, a primeira de Galicia, que se converteu nun colectivo estable e organizado a partir do desfile de Antroido de 1876. Así, en 1879 estrearon con grande éxito na Coruña e Ferrol o famoso valse referido a Fonseca. A través da súa longa vida foron moitos os persoeiros que formaron parte dela, destacando na Compostelá de 1886, entre outros moitos, a Castelao 6. A obra de Baldomero Cores A Tuna de Santiago 7 relata polo miúdo a historia destas agrupacións.

Por outra parte, as rondallas son agrupacións musicais semellantes ás tunas, pero non vecelladas á universidade, aínda que si a ambientes urbanos. Tanto polo vestiario coma pola admisión de homes e mulleres nas súas filas, estimamos que denotan unha orixe máis recente que as tunas. En todo caso, certo é que houbo rondallas en numerosas vilas galegas e, segundo aprecia Tomás Rodríguez, parece ser que vencelladas a entornos de tinte anarquista, vexan senón o estandarte que aparece na fotografía da rondalla de Pontedeume (A Coruña) cara ao ano 1905: “VIVA EL AMOR LIBRE”. Salientemos que nesta rondalla as vestiduras dos homes son semellantes ás da tuna, daquela xa firmemente establecida en Santiago de Compostela (A Coruña). Tamén destaca a presenza das frautas e as pandeiretas, que sosteñen as mulleres, asociadas a instrumentos cordófonos como os laudes, as guitarras e os violíns. Son grupos de instrumentos musicais que vimos presentando como pertencentes a órbitas moi diferentes, a urbana e a rural. Cástor Castro indicounos que nun parrafeo do Tío Marcos da Portela 8 (1876) Mauro d’o Pereiro relata a súa visita a Ourense no día de Santo Antón, onde se acha cunha formación moi semellante á da rondalla de Pontedeume:

Vin cruces por un sarillo,

mais estrelas que no ceo,

nenas que estaban citadas

pra revolta do Convento

donde habia guitarrada,

frauta, bandurria e pandeiro,

e tamen vin á vustede

con unha de Xa cho creo!

Quizais nalgún tempo pasado Galicia fose como Portugal, e quizais nas aldeas se puidesen escoitar instrumentos de corda en agrupacións semellantes ás rusgas portuguesas ou ás rondallas que aparecen por gran parte de España. Se foi así, nos séculos XIX e XX esta tradición debeu de acabar por extinguirse e quizais as tunas e máis as rondallas non sexan máis que restos dun aspecto urbano desta tradición. Sexa como for, a pouca participación nas coplas tradicionais de instrumentos como a bandurra ou o laúde, propios das rondallas, indícannos que a súa perda entre o pobo rural debeu suceder quizais máis atrás do XVIII. Só puidemos achar unha copla popular que se refira á bandurra e curiosamente aparece en compaña da guitarra. Refírea Carlos Rei na súa obra Os instrumentos na lírica tradicional galega 9:

Guitarra, miña guitarra,

bandurria, miña bandurria;

inda agora me acordou

a morte da túa burra

[CDC, 51]

Ver notas
  1. [1] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 207.
  2. [2] Foxo, X. L. Cantares da Cega do Covelo. (Estudo etnográfico de Xosé Rodríguez Cruz). Ed. Deputación de Ourense. Ourense, 2005.
  3. [3] A finais do pasado século XX fórmase en Santiago de Compostela a primeira tuna feminina da historia desta universidade.
  4. [4] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 206.
  5. [5] Ruiz, J. Arcipreste de Hita. Libro del Buen Amor. Edición, estudio y notas por José María Castro Calvo. Ed. Ebro. Zaragoza, 1963, p. 10.
  6. [6] En: http://www.usc.es/tuna/historiag.html. Consulta 20 outubro 2008.
  7. [7] Cores Trasmonte, B. A Tuna de Santiago. Ed. Galaxia. Fundación Caixa Galicia, 2001.
  8. [8] O Tío Marcos da Portela. Parrafeo nº. 11. Ano I, 22 xuño. Ourense, 1876.
  9. [9] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega. Obra inédita.
Patrocinadores e colaboradores