Paus

Os nenos galegos fan bater paus con intención musical para os seus xogos ou tamén en ocasións rituais. Ramón Marín relatounos como na aldea de A Laxe (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra) existía un ritual de curación da tose ferina onde os nenos afectados eran conducidos polos seus padriños que os reunían arredor dun piñeiro manso ao que coñecían como O Pino de Marxión. Despois os nenos xiraban arredor da árbore nove veces ao tempo que, golpeando o piñeiro cos seus paus, interpretaban esta cantiga:

Pino manso dános a túa rasina,

nós dámosch’a tosferina

Así mesmo, nos cantares dos Maios os nenos e nenas empregan este tipo de instrumentos para producir un acompañamento rítmico 1. Carlos Rei documenta este costume en Vilagarcía (Pontevedra) recollendo esta copla 2:

Este noso maio

é moi cantareiro,

con cunchas e paus

gánache o diñeiro.

[IMLTG, 167]

Observa este autor que: “Nesta vila as cantigas dos maios poden acompañarse con cunchas (as menos das veces) ou cun par de paus, que levan cada un dos cantores. Estes paus ou palitroques soen gardarse dun ano para outro, pois ó ir secando a madeira aumenta a sonoridade. Na parte inferior van adornados con fitas de moitas cores”.

Outro uso dos paus áchase dentro dun tipo particular de danzas rituais. En Galicia existen cinco tipos de danzas dependendo dos instrumentos que porten os bailadores ou danzantes: paus, castañolas, espadas, arquiños e fitas (entrenzados); nalgunhas localidades só existe un tipo de danza, mentres que noutras consérvanse varios tipos. Nas danzas de paus que se interpretan e interpretaron por toda Galicia en tempo de antroido, Reis e Corpo de Deus, caso das de San Pedro de Líncora (Chantada, Lugo), A Franqueira (A Cañiza, Pontevedra), Mouriscados (Mondariz, Pontevedra) ou a que o gremio de xastres celebraba en Allariz (Ourense) etc., os danzantes usan un par de paus duns 2-3 cm, de grosor e uns 40-50 cm de lonxitude, fabricados de madeira dura. Cada danzante porta dous paus, un en cada man, van adornados con fitas de cores e os danzantes bátenos, ben entre eles, ben cos dos outros danzantes ao ritmo da música e ao mesmo tempo que executan as diversas figuras e pasos da danza.

Danzas de paus semellantes consérvanse por toda Europa e moitas delas están perfectamente documentadas desde o século XVI. No veciño Portugal son famosos os Pauliteiros de Miranda, danzantes da terra de Trás-os-Montes que executan admirables viravoltas ao ritmo do gaiteiro e do entrebater dos seus paus.

Autores como Marius Schneider opinan que estas danzas de paus teñen unha orixe moi antiga, podendo ser restos de danzas guerreiras ou rituais de tempos prehistóricos, cando paus e espadas eran armas empregadas na guerra 3. Sexa certa ou non esta interpretación, os paus aparecen xa representados de xeito indiscutible como instrumentos musicais en pinturas rupestres de diversas épocas prehistóricas 4e suponse que os bumerangs entrebatidos tamén foron empregados con este fin musical en danzas guerreiras e de caza 5. Xa en época histórica, pero hai uns 5000 anos, aparecen tamén en mans de sumerios e exipcios 6 intimamente relacionados coa danza.

No noso sistema de cultura tradicional os paus de entrebater non son considerados como instrumentos musicais propiamente ditos. Na clasificación de Hornbostel e Sachs áchanse encadrados como idiófonos de golpe directo no apartado 111.11 “paus de entrebater”.

Ver notas
  1. [1] González Pérez, C. A Festa dos Maios en Galicia. Unha aproximación histórico-antropolóxica ó Ciclo de Maio. Ed. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra, 1989.
  2. [2] Rei Cebral, C. Os Instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Obra inédita, p. 167 no orixinal.
  3. [3] Schneider, M. La Danza de Espadas y la Tarantela. Ensayo musicológico, etnográfico y arqueológico sobre los ritos medicinales. CSIC. Barcelona, 1948.
  4. [4] Le Quellec, J.-L. “La Musique dans l’art rupestre saharien”. En: Sons Originels. Préhistoire de la Musique. Actes du colloque de musicologie. Université de Liège. Liège, 1994 ; p. 222.
  5. [5] Fernández de la Cuesta, I. Historia de la Música Española. Ed. Alianza Música. Madrid, 1988; p. 18.
  6. [6] Sachs, C. Historia Universal de los Instrumentos Musicales. Ed. Centurión. Buenos Aires, 1947, p. 85.
Patrocinadores e colaboradores