Pratiños

Os pratiños aparecen en Galicia sempre asociados co bombo que acompaña ás gaitas de fol [357] xunto co tambor ou a caixa. O mesmo músico toca coa man dereita o bombo, mentres que coa esquerda bate cun dos pratiños sobre o outro, que se acha fixo normalmente na cima do bombo. Consisten en dous círculos grandes (30-40 cm de diámetro), lixeiramente cóncavos, feitos dunha aliaxe de diferentes metais que lles confire o seu son particular. Temos novas do seu uso na nosa música tradicional polo menos desde mediados ou finais do século XIX, formando parte de conxuntos de gaita de fol, caixa e bombo documentados na comarca da Limia (Ourense) e Hermisende (As Portelas de Zamora). No resto de Galicia fixéronse moi populares sobre todo nas murgas ou charangas que xurdiron despois da introdución de músicos das bandas populares (principalmente clarinetistas e saxofonistas) a carón do gaiteiro que ata daquela fora un solista acompañado unicamente polo tambor. Case con certeza os pratiños foron introducidos na nosa música tradicional a partir destas bandas populares que comezaron a funcionar en Galicia a partir de mediados do século XIX e que decote empregaban o bombo equipado con pratiños. Segundo Luís F. Guitián, a documentación escrita indica que a primeira banda popular galega foi “La Lira” de Ribadavia (Ourense), fundada no 1840, mentres que a de Celanova (Ourense) nacería no 1850 1, sendo imposible, a criterio deste autor, a pretendida fundación da banda de Merza no 1828 tal e como apunta Carlos Rei 2.

Aquí e acolá documentamos en Galicia unha curiosa denominación para os pratiños: pratiños turcos. A historia deste idiófono iluminará esta denominación.

Os pratiños son denominados tecnicamente címbalos e aparecen documentados por primeira vez, nunha forma de pequeno diámetro, hai uns 3200 anos en Asia Menor relacionados co culto á deusa Rhea, a Cibeles romana, pero parece que foron usados nunha grande área polo menos desde hai 3000 anos 3. En Babilonia xa se usaban pequenos címbalos con forma de funil, sostidos de forma vertical, uns 700 anos a.C., mentres que en Exipto, máis ou menos pola mesma época, empregábanse pequenos pratiños de bronce coas beiras aplanadas e unha prominencia central. Con esta mesma forma aparecen nas Cantigas de Santa María no século XIII. Estes instrumentos eran fabricados polo procedemento da fundición e martelado, o mesmo método que se segue a empregar hoxe en día na manufactura dos mellores pratiños. Entre os artesáns máis reputados na súa fabricación áchase unha familia de armenios, os Zildjian, que desde hai máis de 350 anos veñen fabricando e exportando os que se consideran como uns dos mellores pratiños do mundo. Zil significa címbalo en turco, mentres que ji, artesán, e jianfillo de”. Conta James Blades na súa historia dos instrumentos de percusión 4 que foi no ano 1623 cando un devanceiro dos actuais Zildjian, un alquimista de Constantinopla chamado Avedis, descubriu un proceso para tratar as aliaxes. Aplicando estes coñecementos á factura de címbalos, pronto se fixo famoso en Turquía pola calidade dos seus instrumentos. O segredo do proceso de fabricación segue a ser gardado celosamente pola familia Zildjian, pero sábese que a aliaxe consiste nun 80% de cobre e un 20% de estaño, á que se engade algo de prata, residindo o segredo no proceso de martelado ao que se someten as pranchas coas que se modelan os címbalos. A sona dos pratiños turcos fixouse no imaxinario colectivo, de xeito que a súa denominación galega lémbranos aínda de onde veñen os mellores pratiños.

É moi posible que os címbalos turcos fosen introducidos en Europa a principios do século XVI polas orquestras otomás, responsables tamén da popularización do instrumento que os galegos coñecemos como bombo e co que estes pratiños gardan, como xa vimos, unha estreita relación. Isto non significa, por suposto, que esta relación se establecese tan cedo, pois o costume de compoñer un mesmo instrumento co bombo e os pratiños seguramente non vai máis aló de principios do século XIX.

O que si sabemos con certeza é que foi Christoph Gluck (1714-1787) o primeiro compositor en darlle ao bombo un lugar nas orquestras 5 e que por esas mesmas datas escribiu tamén a primeira obra na que se demandaba o uso dos címbalos. Máis tarde Mozart (1756-1791), na súa obra Il Seraglio (1782), incluíu tamén os címbalos e o bombo, que así ficaron introducidos na orquestra. A historia das bandas populares lévanos igualmente a estas mesmas datas para a introdución do bombo e os pratiños. Estas agrupacións, que xorden primeiramente nun ambiente militar, adquiren relevancia a principios do século XVIII cando comezan a ter un aspecto semellante ao actual e son reclamadas polas autoridades civís para diversos actos cerimoniais ou festivos. As bandas desta época incluían xa entre os seus instrumentos pínfanos, frautas, óboes, clarinetes de varios tipos, fagotes e contrafagote, cornos, cornetas ou trompetas, serpentóns, trombóns e oficleides, apoiados por tambores, chinescos, pratiños de diversos tamaños, timbais e triángulos, instrumentos estes últimos que representaban a moda turca, pois as bandas turcas ou albanesas de mediados do XVIII estaban compostas por músicos que tocaban claríns, fagotes, trombóns, triángulo, pratiños e bombo. Os pratiños, como outros instrumentos “ruidosos”, non teñen na nosa cultura o mesmo estatus de consideración que acadan os instrumentos melódicos, son vistos máis ben como un complemento do bombo e son apreciados polo contrapunto que aportan ao seu grave son, de xeito que os instrumentistas que manexaban ben o bombo cos pratiños foron sempre moi apreciados polos gaiteiros.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs os pratiños pertencen ao grupo 111.142 dos idiófonos de golpe directo.

Ver notas
  1. [1] Comunicación persoal de Luis F. Guitián.
  2. [2] Rei Cebral, C. Os instrumentos musicais na lírica popular galega. Obra inédita.
  3. [3] Blades, J. Percussion Instruments and their History. Ed. The Bold Strummer LTD. Connecticut, 1992, p. 165.
  4. [4] Blades, J. Op. cit p. 170.
  5. [5] Blades, J. Op.cit.. p. 261.
Patrocinadores e colaboradores