Uso musical das eiras

Antigamente a malla do cereal realizábana grupos de homes nas eiras empregando os manles, manlles ou males. O pértigo destes, a súa parte móbil, batía con forza sobre o cereal que se situaba sobre a eira. Esta podía ser empedrada ou ben simplemente de terra recuberta dunha capa de bosta seca. No caso de ser empedrada existiu o costume de enterrar debaixo dalgunhas das pedras sobre as que se mallaba, potes ou olas que facían que as pedras resoasen ao seren batidas cos manlles. No caso das eiras de terra, facíase un burato grande no chan e alí enterrábase un pote ou unha ola, despois cubríase cunha táboa e estendíase a bosta por riba.

Facíano porque parecía que se mallaba mellor, daba máis forza”, “os manles facían máis ruído”, “ao escoitar o ruído sabían que estaban mallando na casa de fulano”, “era cousa de máis mérito” son algunhas das explicacións dadas polos portadores para este curioso costume que nós puidemos documentar directamente en Melide, pero que Carmelo Lisón Tolosana recolle tamén noutras zonas de Galicia: “En la malla se iba a buscar a ovella, una olla debajo [de la mies]. Se iba hacia ella mallando para que hiciera ruido al terminar la faena” (Baldrei, Maceda) 1. Castor e Félix Castro Vicente documentaron así mesmo este costume no concello de Vilar de Barrio (Ourense), onde José González, gaiteiro de Rebordachao, lles comentou que: “(Non cantaban cando mallaban…) o que sí facían era enterraban un pote na aira e resoneaba máis, e púñanse 10 dun lado e 10 de outro, e resoneaba o golpe… e resoneaba aquelo.”

Parece que isocronismo e ruído eran fundamentais na malla: “Mallábamos con manlle. Los que lo hacían mellor decían que ganaban a aña aunque no ganaban nada [tangible]. También los que mejores sonidos a un tiempo sacaban, que llamaban pangadas; era o sonido del golpe al mallar o centeo. En la eira para que diera mellor pancada [pangada] se ponían potes y latas viejas para que hubiese vacío y sonaba como un bombo” (San Vicenzo do Grove) 2.

Unha pedra ou táboa cun resoador debaixo compoñen un instrumento que pertencería aos idiófonos percutidos da clasificación de Hornbostel e Sachs, encadrándose no apartado 111.22 “Placas de percusión”. No sistema de cultura tradicional galego non se considera este proceder como unha práctica propiamente musical, pois falta o ingrediente definitorio da música: a melodía. Alén disto, o uso de resoadores deste tipo debaixo de pedras está documentado en construcións moi antigas e mesmo nalgunhas catedrais europeas para conseguir efectos de resonancia semellantes.

Ver notas
  1. [1] Lisón Tolosana, C. Antropología cultural de Galicia. Ed. Akal. Madrid, 2004 (1ª ed. 1979), pp. 151-152.
  2. [2] Lisón Tolosana, C. Op. cit p. 153.
Patrocinadores e colaboradores