Cantagalos

Trátase doutra laminiña que vibra ao pasar o aire por ela. O corpo do cantagalos fabrícase normalmente dunha póla de loureiro (Laurus nobilis) duns 12-20 cm de longo e 0.8-1.5 cm de groso. Axudándose dunha navalla, nesta poliña ábrese unha fenda diametral ata aproximadamente a metade da súa lonxitude que aloxará a laminiña que vibra. Esta faise dunha folla de loureiro: primeiro córtanselle os extremos agudos e despois introdúcese na fenda, de xeito que o nervo central fique fóra. Máis tarde, coa navalla recórtase a folla de arredor da poliña para que fique xusto co tamaño da fenda. O instrumento métese entre os beizos de xeito que, ao soprar, o aire sae pola fenda e pon en movemento a folla alí aloxada. Emite un son moi característico, semellante ao canto dun galo, que tamén pode ser modulado premendo máis ou menos cos beizos e soprando máis ou menos forte. Tamén se pode cantar ao mesmo tempo que se toca. Achamos os cantagalos por toda Galicia. En Soutelo de Trasmiras (A Limia, Ourense) Delfín García “O Rato” comentounos que cando eran nenos facían orquestriñas de cantagalos (alí chamábanlle estraloques) e gaitas de castiñeiro.

No seu dicionario Elixio Rodríguez (1978-2001) recolle para este instrumento a denominación de nunú e flauta: “Especie de flauta elemental que los niños se fabrican abriendo por medio un palito verde, sin que lleguen a separarse las partes, e introduciendo en medio una hojita recortada que, al soplar, vibra (Ardán). En Fondo de Vila la llaman simplemente flauta”.

Puidemos documentar aínda outro instrumento musical semellante ao cantagalos no concello de Puxín (Ourense). Trátase de dúas láminiñas de cana duns 3-4 cm de lonxitude que opostas unha contra a outra pola súa parte cóncava, a xeito de paréntese, deixan un espazo no que se tende un anaco de vincha de porco. O conxúnto átase darredor cun cordeliño. Para obter o son abonda con soprar por un dos seus extremos.

Os cantagalos non son exclusivos da nosa cultura; por citar un exemplo de ben lonxe, aparecen por exemplo entre os tetela de África central 1 que o fabrican dobrando á metade unha poliña que previamente foi separada en dúas metades e introducindo dentro unha folla de herba. Trátase alí, como entre nós, dun xogo de nenos, sen categoría de instrumento musical.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs pertence aos aerófonos libres de interrupción, no grupo 412.121 “lingüetas de bater”.

Ver notas
  1. [1] Laurenty, J.-S. La systématique des aérophones de l’Afrique Centrale. Ed. Musée Royal de l’Afrique Centrale. Tervuren, Belgique Annales, nouvelle série IN-4º-Sciences humaines, nº7, 1974, p. 33.
Patrocinadores e colaboradores