Frauta (3)

Frauta traveseira alemana (s. XIX). Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Outro instrumento máis é coñecido en toda Galicia con esta mesma denominación. Trátase de grandes frautas, duns 60 cm, normalmente afinadas en Re, fabricadas en madeira de ébano ou granadillo ou máis raramente en buxo. Dependendo da antigüidade do modelo, poden estar construídas en tres, catro ou cinco seccións e poden levar un número variable de chaves, desde unha nas máis antigas, ata catro ou bastantes máis nas máis modernas, pero son moi frecuentes en Galicia as de cinco. Normalmente levan xa a peza da embocadura dividida en dúas seccións: a embocadura propiamente dita, co seu furado para soprar, e o barrilete, unha peza de madeira, prolongación exterior da embocadura, que leva no seu interior un tubo de metal que sobresae para encaixar dentro doutro tubo de metal que sobresae da embocadura e que, á vez, se aloxa dentro do barrilete. Estes dous tubos metálicos permiten alongar a lonxitude total da embocadura e afinar a frauta con facilidade. Tamén se documentan por veces modelos anteriores nos que este avance non aparece.

Que nós saibamos, ningunha frauta deste tipo se fabricou en Galicia, pois todos os instrumentos que achamos viñeron principalmente de Francia e países centroeuropeos. Este modelo de frauta correspóndese co denominado clásico francés, que se xeneralizou por toda Europa, excepto en Gran Bretaña, ao longo do século XIX.

En Galicia este tipo de frauta foi un instrumento bastante frecuente e temos novas do seu uso para facer bailes, soa ou en pequenos grupos nos que tocaban unha ou varias destas frautas xunto con acordeóns ou violíns 1. O seu uso xunto coas gaitas de fol, malia estar documentado 2, foi moi limitado, quizais pola grande diferenza de volume sonoro.

Ao contrario que as de tres seccións, este terceiro tipo de frautas non eran cousa de nenos e nunca foron consideradas como xoguetes, senón como verdadeiros instrumentos musicais tidos en moita estima polos seus donos. Do mesmo xeito, os bos tocadores foron apreciados sobre todo se formaban parte de conxuntos maiores. Tampouco neste caso puidemos documentar o seu uso polo sexo feminino.

Ver notas
  1. [1] Castro, C. “A frauta na Galiza. Referencias literarias e xornalísticas no s. XIX. O seu emprego en manifestacións musicais de carácter social: fiadeiros, ruadas, festas de canto e pandeireta…” En: Murguía, Revista Galega de Historia, nº4, 2004, pp. 113-140.
  2. [2] Carpintero, P. A requinta na cultura do val do río Ulla. DEA lido na Universidade de Santiago de Compostela. Obra inédita, en prensa.
Patrocinadores e colaboradores