Agradecementos


Sen dúbida a maior débeda de gratitude témola con todos os portadores e portadoras por compartir connosco o seu coñecemento tradicional. Pero non só persoas de idade fixeron isto, estamos en débeda con amigos como Xosé-Henrique Costas e Anxo Fernández Ocampo da Universidade de Vigo ou Antón Santamarina, director do Instituto da Lingua Galega, polas súas achegas en cuestións lingüísticas e filolóxicas; cos compañeiros artesáns Oli Xiráldez, Xaneco Tubío e Xermán Arias polas dúbidas que nos resolveron sobre diferentes cuestións relacionadas cos seus oficios e con Javier María López Rodríguez polas súas achegas en cuestións iconográficas.

Debemos unha gratitude moi especial ao noso amigo Tomás Rodríguez, berciano de orixe, tanto polas orientacións metodolóxicas e históricas que tan valiosas nos foron, como pola lectura crítica do manuscrito desta obra e a súa corrección lingüística inicial e, así mesmo, polos abundantes datos sobre os instrumentos musicais no Bierzo que tivo a ben cedernos.

Xosé Henrique Costas, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, encargouse da corrección lingüística final, e polo agarimo que nela puxo debemos tamén darlle mil grazas.

Tamén leron e comentaron o manuscrito e achegaron moi diverso material documental Cástor e Félix Castro Vicente; polas súas saborosas achegas non podemos deixar de expresarlles o noso profundo agradecemento. Grazas tamén a Luis F. Guitián pola axuda coa iconografía en Terras de Lemos e coa cronoloxía e fotografías das bandas populares.

Outras persoas contribuíron coas súas obras e as súas comunicacións persoais ao desenvolvemento deste traballo. Así Xosé López González e Xosé Manuel García, autores d’Os Xoguetes Esquecidos, e Antón Cortizas, que prepara neste momento unha magnífica obra sobre os nosos brinquedos, Tastarabás, fixeron interesantes achegas sobre xoguetes sonoros. Grazas tamén a Julio I. González Montañés polas referencias a gaiteiros nos documentos das confrarías e danzas do Corpo de Deus e a Luís Mondelo polas informacións e fotografías de gaiteiros e tamboriteiros na Maragatería.

Mención e gratitude especiais merece o amigo e gran coñecedor da nosa tradición musical Carlos Rei Cebral, que nos permitiu a consulta da súa interesantísima obra Os instrumentos musicais na lírica tradicional galega antes de ver esta a luz, sen dúbida foi unha achega fundamental para este traballo.

Para Carlos Villanueva temos un agradecemento tamén especial, non só polo material do Cancioneiro de Ajuda e das Cantigas de Santa María, senón tamén pola súa sabia orientación no campo da musicoloxía que afectou á raíz desta obra.

Estámoslle fondamente agradecidos á Xunta de Galicia, que a través da Consellaría de Cultura e Deportes e da súa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, patrocinou, xunto co proxecto Ronsel liderado pola Universidade de Vigo, o traballo que agora vos presentamos. Neste patrocinio Iván Area Carracedo, vicerreitor da Universidade de Vigo, Luís Bará Torres e Francisco López Rodríguez, directores xerais das Consellarías de Cultura e Deporte e Cultura e Turismo respectivamente, así como Edelmiro López Iglesias, director xeral do AGADER, xogaron un papel determinante en xerar o ambiente necesario para que este traballo vexa a luz. Outras institucións tiveron así mesmo un papel importante e queremos deixar aquí constancia do noso agradecemento por permitirnos a consulta e reprodución dos seus fondos, caso das Catedrais de Ourense e Lugo, do Museo de Pontevedra, Museo da Catedral de Santiago de Compostela, Museo Diocesano de Tui, Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, así como o Museu da Música (Lisboa), Museu da Música Portuguesa Casa Verdades de Faria (Cascais) e Museu Arqueologico da Câmara Municipal de Matosinhos. Grazas tamén a D. Carmelo Puertas Mosquera por permitir a reprodución de varios gravados da súa colección. Non queremos deixar pasar a oportunidade de comentar que moitas fotografías de obras conservadas no Museo del Prado non puideron ser incluídas nesta obra debido ao abusivo prezo que esta institución pretendía cobrar polo uso dun patrimonio que é de todos.

Seguindo cos agradecementos, debemos mencionar ao noso amigo Ramón Marín, tanto pola multitude de interesantes charlas que este traballo nos permitiu manter, como polos seus excelentes deseños nos que deu reflectido o grande amor que ten pola nosa tradición. Outro tanto sucede con Xavier Paz, Nicole Carpentier e Xosé Lois Vázquez da editorial Difusora de Artes, Letras e Ideas, os seus consellos e o agarimo posto nesta edición non teñen prezo. Alba Vázquez Carpentier encargouse de moitas das reproducións fotográficas que poderedes ver neste traballo e Fernando García achegou tamén moitas instantáneas; sen a súa sensibilidade esta obra non sería a mesma. Adriana, Silvia e Alba, da editorial xa mencionada, retocaron as novecentas imaxes contidas neste libro. Moitas grazas a todos e a todas por un traballo tan ben feito.

O noso amigo Gustavo Couto, bailador e fotógrafo, axudounos e acompañounos nos últimos anos de traballo de campo, de casa en casa e de fotografía en fotografía. Grazas Gus por compartires tantos momentos. Outro grande amigo, Henrique Oliveira, guiounos por todo Portugal perseguindo gaitas e gaiteiros; obrigado meu companheiro. Tamén Alberto Jambrina, desde Zamora, achegounos datos que usamos neste libro, grazas curmán.

Por último, miles de horas de compaña de aldea en aldea, de gaiteiro en gaiteiro, de cantadora en cantadora e o apoio incondicional da miña muller Rosa Sánchez queren gratitude infinita.

Agradecementos á segunda edición

A boa acollida que tivo a primeira edición desta obra reflíctese perfectamente nas numerosas achegas que recibimos de diversos amigos e amigas que, unha vez lido o texto completo, se puxeron en contacto con nós para nos faceren chegar diversos datos e comentarios que completan e melloran a primeira edición. Bernardo Martínez enviounos unhas interesantes achegas sobre os reclamos empregados polos cazadores galegos, facéndonos notar que estes pequenos instrumentos musicais ben puideron ser a primitiva orixe doutros máis complexos. O noso amigo Pepe Liñares achegounos algúns comentarios que foron útiles na mellora da primeira edición, como tamén o fixeron Félix e Cástor Castro Vicente e Olimpio Xiráldez. Guillerme Ignacio Costa axudounos a clarificar algúns aspectos sobre o pandeiro e fíxonos chegar unha bonita fotografía dun tocador deste instrumento de Pazos de Borbén, unha especie en serio perigo de extinción. A todos eles grazas pola súa paixón pola nosa tradición musical.

Queremos agora reparar un esquecemento nos agradecementos da primeira edición e ter unha palabras para o noso compañeiro e amigo Santiago Otero, gaiteiro e requinteiro da Requinta de Xián. Santi recolleu con infinita paciencia multitude de datos sobre a requinta da Ulla, entre eles todas as fotografías de grupos históricos que incluímos na primeira edición desta obra. Grazas Santi pola túa amizade e por tanto e tan bo traballo.

Tamén temos unha grande débeda de gratitude co noso pai, Pablo Carpintero, que tivo a paciencia de ler con sumo detemento e agarimo a primeira edición na busca de todo tipo de grallas. As súas sabias achegas foron fundamentais para a mellora da primeira edición.

Xa por último, agradecer ao xurado do premio Antón Losada Diéguez 2010, convocado polos concellos de Boborás e O Carballiño, a concesión deste premio á primeira edición desta obra. É un gran recoñecemento á valía da nosa cultura tradicional e aos seus portadores.

Patrocinadores e colaboradores