1. Os idiófonos


Constitúen o primeiro dos catro grupos principais precisamente porque entre eles poden acharse algúns dos máis antigos instrumentos empregados polo home. Son instrumentos feitos de materiais que por propia natureza son sonoros e non necesitan tensións adicionais como requiren as cordas ou as membranas. Os instrumentos desta clase clasifícanse en familias dependendo da acción que se realice para conseguir o son.

11 IDIÓFONOS DE GOLPE. O instrumento ponse en vibración mediante percusión, ao ser golpeado.

111 IDIÓFONOS DE GOLPE DIRECTO. O executante fai el mesmo o movemento do golpe: non se toman en consideración os medios mecánicos, se existen, como badalos, teclas, cordas ou outros trebellos semellantes. É decisivo para a inclusión dun idiófono nesta categoría que o executante poida producir golpes illados, individuais, netos e inconfundibles.

111.1 Idiófonos de entrebater. Tamén denominados instrumentos de concusión. O golpe prodúcese entre dúas ou máis partes sonoras complementarias, xeralmente simétricas. Normalmente son pares de instrumentos similares golpeados un co outro.

111.11 Paus de entrebater 1. Paus das danzas de paus.

111.12 Placas de entrebater. Tarrañolas.

111.13 Quenllas de entrebater. Castañolas de cana, estraloque de millo e lapeta.

111.14 Vasos de entrebater.

111.141 O son é producido pola acción de fóra cara dentro. Castañolas, pitos e culleres.

111.142 O son proxéctase pola acción de dentro cara a fóra. Pratiños.

Dentro da categoría dos idiófonos de golpe directo cabería introducir un novo apartado que acollese aqueles instrumentos musicais xerados polo propio corpo humano. Golpeando entre si partes diversas do noso propio corpo é posible arrincar sons. Este proceder está espallado por todo o mundo e seguramente sexa un dos primeiros xeitos de producir sons rítmicos que o ser humano acadou. É o caso do bater das palmas, dos pitos ou castañetas que se producen cos dedos ou da combinación de ambos. Así pois, parécenos acertada a creación deste novo apartado:

111.15 Idiófonos de golpe directo xerados polo propio corpo. Castañetas cos dedos, bater de palmas ou noutras culturas golpes nas coxas, peito etc.

111.2 Idiófonos de percusión. O instrumento é golpeado cun obxecto non sonoro (man, badalo, guizo etc) ou contra un obxecto non sonoro (corpo, chan).

111.21 Paus de percusión.

111.211 Independentes ou de percusión simple. Ferriños, uso musical nas eiras.

111.212 En grupos. Varios paus que emiten diferentes alturas de ton son xunguidos no mesmo instrumento. Todos os xilófonos pertencen a esta categoría. Albuche


111.22 Placas de percusión.

111.221 Independentes. Quizais a tixola se poda situar aquí.

111.222 En xogos. Litófonos e metalófonos.

111.23 Tubos percutidos.

111.231 Independentes. Campás tubulares.

111.232 En xogos. Xogos de botellas (denominados xilófonos tubulares), tubos de orquestra e xogos de campás.

111.24 Vasos ou cavidades percutidas.

111.241 As vibracións prodúcense na parte central e aumentan en dirección ao vértice. Gongs.

111.241.1 Independentes. Gong sinxelo.

111.241.2 En xogos. Gongs en grupos.

111.242 As vibracións prodúcense nos bordes e diminúen cara ao vértice. Todas as campás pertencen a esta categoría.

111.242.1 Independentes.

111.242.11 Asentadas sobre unha superficie. O vaso está coa abertura cara arriba.

111.242.12 Colgantes. A campá está pendurada do vértice.

111.242.121 Sen badalo suxeito ao interior da campá, é dicir, o percusor é externo e independente á campá.

111.242.122 Con badalo fixo no interior. Campás e chocas.

111.242.2 En xogos, conxuntos de campás. Este grupo ten a mesma subdivisión que o anterior, e nel están incluídos os carillóns e campanólogos, como tamén o están os cintos de campás de diferentes máscaras do antroido tradicional galego.

Malia que unha caixa cuadrangular de metal pode ser considerada como un vaso ou unha cavidade, non nos parece esta a denominación mais axeitada para as latas de carburo e pemento que son tocadas polas mulleres en diferentes zonas do sur de Galicia e tamén en Seabra (Zamora). Por este motivo permitímonos a licenza de engadir á clasificación de Hornbostel e Sachs o seguinte apartado:

111.25 Caixas metálicas percutidas.

111.251 Directamente coas mans. Latas de pemento ou latas de carburo.

111.252 Percutidas con paus.

Finalmente, pensamos que debemos engadir unha última categoría dentro dos idiófonos. Como veremos en detalle máis adiante [182], os galegos desenvolvemos un uso único e particular da pandeireta: aquel na que o instrumento é sostido coa man dereita batendo con el sobre a esquerda, xusto ao revés que no resto do mundo. Neste tipo de uso das pandeiretas as peles quérense destensadas, sen resonancia debida á falta de tensión, en palabras dos portadores “sen eco”, e non funcionan polo tanto como membranófonos pois estes requiren a presenza dunha membrana tensa, que vibra, que resoa. Neste uso da pandeireta a intención é facer soar as ferreñas 2 acompañadas de golpes secos nunha pel, é dicir o instrumento pasou, ao trocar de man, de ser un membranófono, como os pandeiros redondos, pandeiras e pandeiretas sostidas coa man esquerda que podían ou non levar unhas poucas ferreñas ou axóuxeres, a ser puramente un idiófono, por canto é preciso crear unha nova categoría dentro da clasificación para acoller este tipo especial de uso das pandeiretas galegas, así como para acubillar outros dous tipos de idiófonos que conteñen elementos sonoros (ferreñas) dentro de marcos que son batidos contra o corpo ou contra o chan: os “sistros”, as ferreñas e os charrascos:

111.26 Marcos percutidos, é dicir, idiófonos de percusión con forma de marco nos que as diferentes partes do instrumento (membrana e ferreñas) están dispostas nun marco. Charrascos, “sistros, ferreñas e pandeiretas sostidas coa man dereita,

112 IDIÓFONOS DE GOLPE INDIRECTO. O executante non fai ningún movemento de golpe, a percusión ten unha orixe indirecta, principalmente como consecuencia dun movemento doutra índole que fai o músico. Estes instrumentos están destinados a facer oír complexas mesturas de sons, non golpes illados e ben definidos.

112.1 Idiófonos sacudidos. O executante é quen fai o movemento de sacudir. O material é importante, pero máis importante é a disposición das partes sonoras que se golpean entre si cando o instrumento é sacudido.

112.11 Sacudidos en suspensión. Autófonos perforados (láminas, placas, etc.) xunguidos en ringleiras e que baten uns cos outros.

112.111 De cordas. As ferreñas enfíanse nunha corda.

112.112 De paus. As ferreñas enfíanse nun pau ou aro.

112.12 Sacudidos sostidos por un marco.

112.121 De péndulo. Os corpos sonoros colgan libremente dun marco. Mazo ou taboleta

112.122 De deslizamento. Os corpos que soan deslízanse dun lado a outro dentro de cortes ou perforacións practicados nun corpo que soa, poñéndoo en vibración; ou tamén, corpos que soan deslízanse dun lado a outro en cortes dun corpo que non soa e son postos en vibración por este en cada deslizamento. Charrascos, sistros, ferreñas e tamén as pandeiretas son sacudidos e polo tanto poderían encadrarse aquí, pero estes instrumentos son principalmente batidos contra o corpo ou o chan no caso dos charrascos, por canto os situamos no apartado 111.26

112.13 De vasos. Os corpos sonoros están pechados nun vaso e chocan uns contra outros e contra a parede do vaso. Cabaza seca con sementes, axóuxer e axóuxeres de metal.

112.2 Idiófonos de refregar. O executante produce, directa ou indirectamente, un movemento de raspado: un corpo que non soa pasa por un corpo dentado que soa e é levantado alternativamente polos dentes e lanzado á superficie. Tamén un corpo elástico que soa corre por riba doutro corpo dentado que non soa recibindo, deste xeito, unha serie de golpes.

112.21 De pauciños. Un pau dentado é raspado cun bastonciño.

112.211 Sen resoador. Reque-reque, piñas de piñeiro.

112.212 Con resoador.

112.22 De tubos. O albuche e a botella labrada tamén participan desta calidade.

112.23 De vasos. Ráspase un vaso (cavidade) que ten a superficie dentada. Cunchas.

112.24 De rodas. Unha lingüeta, suxeita dentro dun marco, bate contra os dentes dunha roda dotada dun eixo que serve de mango. O mango fai xirar o marco mediante un movemento rotativo durante o que a lingüeta raspa contra os dentes da roda. Tastarabás e carracas.

112.3 Idiófonos de separación. Instrumento con forma de compás elástico no que as puntas son separadas con forza cun pauciño, volvendo, mais tarde, a chocar mercé á súa elasticidade. Culleres tocadas co mango de outra.

12 IDIÓFONOS PUNTEADOS. Instrumentos compostos por lingüetas, é dicir, placas elásticas que, fixas por un extremo, son curvadas regresando logo á súa posición inicial por mor da súa elasticidade, producindo así o son.

121 EN FORMA DE MARCO. A lingüeta oscila dentro dun marco.

121.1 A lingüeta está recortada dentro dun pratiño de xeito que ten neste seu resoador. Cri-cri.

121.2 A lingüeta está colocada dentro dun marco con forma de pauciño ou de placa, e necesita a boca como resoador. É o grupo das guimbardas.

121.21 Guimbardas idioglotas. A lingüeta está recortada na mesma materia que forma o marco e xunguida a el pola base.

121.22 Guimbardas heteroglotas. A lingüeta está fixada de xeito artificial ao marco.

121.221 Independentes. Trompa 3.

121.222 En xogos. Varias trompas heteroglotas de diferente afinación están unidas formando un mesmo instrumento.

122 IDIÓFONOS PUNTEADOS DE TÁBOA OU PEITE. As lingüetas do instrumento están atadas ou fixadas a unha táboa, ou son recortadas na mesma táboa como os dentes dun peite.

122.1 Con lingüetas atadas formando cadeas.

122.11 Sen resoador. Sanzas de táboa.

122.12 Con resoador. Sanzas de caixa.

122.2 Con lingüetas recortadas. O son vaise producindo mercé a un cilindro dotado de craviños que puntean nas lingüetas. Caixas de música.

13 IDIÓFONOS DE FROTACIÓN OU FRICCIÓN. O instrumento é posto en vibración refregándoo.

131 DE PAUS.

131.1 Independentes. Pau forrado de papel de lixa.

131.2 En xogos.

131.21 De fricción directa. Eixo dos carros

131.22 De fricción indirecta. Vasoira

132 DE PLACAS.

132.1 Independentes. Unha lámina de aceiro é excitada refregándoa. Serrón refregado co arco de violín, a tixola participa tamén desta calidade aínda que principalmente é golpeada.

132.2 En xogos.

133 DE VASOS.

133.1 Independentes. Cunca ou copa refregada.

133.2 En xogos. Copas musicais.

14 IDIÓFONOS DE SOPRO. É o aire quen fai entrebater as partes do instrumento.

141 BASTÓNS OU PAUS SOPRADOS.

141.1 Independentes (non coñecidos).

141.2 En xogos.

142 PLACAS SOPRADAS.

142.1 Independentes (non coñecidos).

142.2 En xogos.

Unha división final para os idiófonos consiste en considerar se posúen teclas ou se son de acción mecánica, casos que se especifican engadindo os sufixos -8 ou -9 respectivamente.

Ver notas
  1. [1] Débese entender por pau calquera material que pola súa forma e medidas poida ser considerado como tal, independentemente da súa orixe xilosa.
  2. [2] Plaquiñas redondas de metal inseridas no marco do instrumento. Este nome tamén fai alusión a un idiófono semellante a unha pandeireta sen pel.
  3. [3] No capítulo correspondente cambiaremos a clasificación das guimbardas galegas (trompas ou berimbaus) a unha categoría especial dentro dos aerófonos por entender que o sistema de produción sonora neste tipo de instrumentos galegos implica directa e necesariamente a posta en vibración dunha columna de aire formada pola cavidade bucal, larinxe, tráquea, pulmóns e cavidade nasal do tocador.
Patrocinadores e colaboradores