A clasificación galega dos instrumentos musicais


A cuestión que permitiu desentrañar o xeito que os galegos temos de pensar os nosos instrumentos, a pregunta pertinente cando se fala sobre un instrumento musical cun portador ou portadora é “é iso un instrumento musical?”. Así achamos que todos os útiles que presentamos neste traballo e que como observadores externos consideramos como instrumentos musicais, son introducidos en dúas grandes clases polos portadores: a dos instrumentos musicais e a dos que non o son. Moitos útiles entran directamente nunha destas dúas categorías porque poucas verificación externas, poucos aspectos do seu uso real dentro da tradición, poderían sacalo dunha para a outra, poño por caso a gaita de fol e unha sandía. Unha gaita de fol sempre será un instrumento musical, estea tocando en mans dun profesional, dun neno ou gardada nunha hucha. A sandía non ten oportunidades como instrumento musical no sistema de cultura tradicional galego, pois ninguén coñece un uso musical para elas, malia que de seguro, nalgún sitio do mundo, alguén é quen de facer verdadeiras marabillas cunha sandía empregando sabe Deus que mañas. O caso é que no caso da sandía e neste noso sistema de cultura tradicional, o conxunto de verificacións culturais ás que pode ser exposta a categoría abstracta está baleiro, pois a sandía nunca tivo un uso musical (que nós saibamos) e polo tanto non hai quen a mova do grupo dos non-instrumentos.

Pero hai outro conxunto de útiles que de xeito abstracto poden caer na categoría dos instrumentos musicais ou dos que non o son, pero que agardan ser experimentados culturalmente na realidade para seren adscritos definitivamente, naquel intre ou durante aquela lembranza, a unha destas categorías. Quizais sexan estes útiles ambiguos a priori, de xeito abstracto, os que Carmelo Lisón Tolosana colocaría no camiño do medio que os galegos facemos aparecer en toda dicotomía a ollos dos outros. En antropoloxía desenvolvéronse dous conceptos para referirse aos aspectos que fan que un obxecto cultural pertenza a unha categoría ou a outra dentro dunha taxonomía: marcadores abertos e marcadores encubertos ou ocultos. Estes conceptos demostráronse de utilidade sobre todo na elucidación destas categorías denominadas “intermedias”, aquelas que conteñen os obxectos que están “no camiño do medio”. Os marcadores abertos son aqueles que os propios portadores verbalizan e son accesibles desde un referente mental concreto e non dependen da pragmática. Son marcadores enunciados conscientemente polos portadores de xeito abstracto. Por outra parte, os marcadores ocultos ou encubertos non son verbalizados polos portadores e deben ser elucidados polo investigador a través da observación da práctica, musical neste caso. Cando este proceso de comprensión se culmina polo investigador, a categoría intermedia simplemente desaparece.

Vexamos primeiro porque uns útiles empregados na música galega son considerados como instrumentos musicais e outros non, é dicir, vexamos cales son os marcadores abertos da clase dos instrumentos musicais desde o punto de vista do noso sistema de cultura tradicional.

Á categoría dos útiles que son instrumentos musicais pertencen netamente as gaitas de fol, os diferentes tipos de frautas, o clarinete, o acordeón, o rabel, a zanfona, o violín, as cornetas con furados dixitais, as caramelas, as trompas, as pipas e as gaitas de castiñeiro e alcacén etc. É dicir, en primeira instancia son instrumentos musicais todos aqueles que poden producir unha melodía, pero cando se fai a pregunta pertinente sobre a voz, a folla ou o asubío cos beizos a cousa complícase, os portadores e portadoras dubidan, o asunto non está claro, “con esas cousas pódese facer música…”, aparece entón o outro dos criterios subxectivos: os instrumentos musicais deben ser pensados ou construídos para ese fin.

Patrocinadores e colaboradores