A clasificación galega dos instrumentos musicais


Así, entre os criterios que pensamos se manexan de forma abstracta ou inconsciente, estes dous rechaman poderosamente:

1) un instrumento musical propiamente dito debe ser construído, pensado ou concibido con tal fin, a súa finalidade principal debe ser a de facer música. Coa voz, cunha folla ou cos beizos pódese facer melodía, fan música, pero estes instrumentos non naceron nin están construídos para iso, de aí a vacilación a priori sobre si son ou non instrumentos musicais propiamente ditos en xeito abstracto. Pero se concretamos a situación, se deixamos operar os marcadores encubertos, a cousa cambia, o que toca a folla para facer un baile de xeito habilidoso é claramente un músico, e nese momento, a folla é o seu instrumento musical.

2) Facer música é, para as portadoras e portadores galegos, facer melodía ou, nun plano moi secundario, acompañala; o resto é ruído. Atreveriámonos a dicir que non existe ningunha manifestación concibida como musical en Galicia na que a melodía non estea presente. O pobo dío claramente coas súas propias palabras:

Fixéchedes ben a foliada

con apupos 1 e chifridos,

como non tiñades gaita

tocáchedes os arruídos

[IMLPG, 132]

Carlos Rei Cebral, de quen recollemos esta copla, observa tamén como o apelativo arruídos denomina á caixa e ao bombo na zona de Arousa (Pontevedra) 2; así mesmo, no corpus de partituras que herdamos dos gaiteiros “Os Trintas de Trives” (Pobra de Trives, Ourense, finais s. XIX-principios s. XX) estes instrumentos aparecen referidos como ruído.

Deste xeito, a clasificación galega do que nós chamamos neste traballo instrumentos musicais baséase, a nivel abstracto, fundamentalmente na resolución simultánea de dúas oposicións:

A) Melodía/ruído,

B) Construído para facer música/construído (pensado, concibido, nacido) para outras finalidades.

Delas resultan catro categorías:

1. Útiles construídos para facer música e que fan melodía.

2. Útiles construídos para acompañar a melodía (a música) pero que non fan melodía, fan ruído.

3. Útiles concibidos para outras finalidades cos que se pode facer melodía.

4. Útiles construídos (pensados, concibidos ou nacidos) para outras finalidades que non fan melodía.

Por suposto, estas catro categorías agardan a súa confrontación coa realidade para acadar o veredito final, agardan pola verificación dos marcadores encubertos. En moitos casos, ao preguntar sobre a consideración dun útil concreto como instrumento musical, xurdirán dúbidas á espera de resolver a interacción do útil convocado en abstracto coa realidade; poñendo o portador en diferentes situacións nas que instrumento podería aparecer, poderemos observar como a situación real conduce ao veredito final: dependerá de quen, cando, onde, como e con que finalidade se use o útil. Xorden así os marcadores encubertos que emanan da interacción do útil coa realidade cultural e que atinxen exclusivamente ao feito musical en si mesmo, realizado dentro deste sistema de cultura tradicional nunha ocasión en particular. Estes marcadores ocultos de clasificación baséanse en:

Quen toca

Respecto á interacción do útil coa realidade, non debemos esquecer que esta sucede sempre a través dun humano 3. A valoración dese humano como músico/non músico, influirá de xeito decisivo para saber se nese momento o útil que toca é ou non un verdadeiro instrumento musical. Ser músico significa cumprir varias condicións, entre elas tocar un instrumento musical e ser quen de emitir as melodías adecuadamente e co seu correspondente ritmo.

Dentro do sistema de valoración dos útiles musicais en contacto coa realidade afloran moi claramente as dicotomías home/muller e adulto/neno. No sistema de cultura tradicional galego achamos, desde logo, algúns instrumentos de nenos que empregan os adultos e viceversa, tamén instrumentos de homes que usan as mulleres e ao contrario, e todo isto en perpetuo troco; mais se falamos dun momento concreto, é dicir, o sistema tradicional que chegou ata nós no século XX (seguramente moi semellante ao dos séculos XVII, XVIII e XIX), podemos constatar que a maior parte dos útiles construídos para facer melodía (música) están estrita e claramente asociados aos homes (adultos ou nenos) como tamén o están aqueles que os acompañan ritmicamente (a caixa, o tambor e o bombo). A música para as grandes ocasións, para as danzas, festas patronais, vodas, procesións etc., é fundamentalmente masculina, recaendo sobre o gaiteiro e os seus acompañantes (percusión, clarinete, saxofón etc.) e, andando os séculos XIX e XX, tamén nalgún dos seus substitutos como o acordeón. Polo contrario, aquela música que se fai a cotío, nos seráns, fiadeiros e foliadas, é do dominio feminino e aquí aparecen os útiles que serven de soporte á voz: a pandeireta, a pandeira, o pandeiro, as cunchas, a lata etc. Por suposto ambos os apartados non son estancos, e igual que os gaiteiros participaban moitas veces nos seráns e ruadas, as mulleres cantaban nas vodas, para facer un baile o día da festa, en ocasións rituais etc.

Ver notas
  1. [1] Apupar é aquí seguramente sinónimo de aturuxar.
  2. [2] Rei Cebral, C. Os Instrumentos Tradicionais na Lírica Popular Galega. Obra inédita. Nota ao pé nº 58, p. 132 do orixinal manuscrito.
  3. [3] Moitos animais usan campás e chocas, pero precisamente o seu uso por estes, as aparta de ser instrumentos musicais propiamente ditos; para o portador son simplemente utensilios para saber onde anda o gando. Pero cando son eles quen as poñen, penduradas de cintos para correr o antroido, increméntase moi notablemente o seu valor, son entón apreciadísimas e incluso se opina e discute sobre se o seu son é “macho” ou “femia”. 
Patrocinadores e colaboradores