A clasificación galega dos instrumentos musicais


Pensamos que non nos equivocamos ao dicir que dentro do noso sistema de cultura tradicional existiu unha clara asociación masculino-melodía e feminino-voz. Proba disto é que aqueles instrumentos que comparten o don da melodía cunha función de soporte para a voz, caso da zanfona, o violín ou o rabel, son tocados tradicionalmente tanto por homes como por mulleres, constituíndo as únicas excepcións na asociación instrumento melódico-home.

Deste xeito, no noso sistema de cultura tradicional os instrumentos musicais pertencen de xeito maioritario aos homes adultos, malia que tamén hai algúns empregados por mulleres para soportar melódica ou ritmicamente o seu canto. A masculinidade do intérprete foi, no imaxinario dos portadores galegos, un punto a favor para que o útil sexa considerado un instrumento musical, un marcador oculto que os portadores nunca verbalizan. Tamén a idade inflúe, pois os instrumentos musicais son fundamentalmente cousa de adultos e non de nenos, establecéndose a priori que o que toca un adulto é un instrumento musical e o que toca un neno un brinquedo. Un útil con capacidade melódica ten máis posibilidades de ser considerado un instrumento musical se é tocado por un home adulto. Menos posibilidades ten se quen o toca é un neno, e menos aínda se o fai unha muller ou unha nena.

Como toca

Tamén a habilidade musical de quen toca é empregada para valorar se un útil é ou non, nese intre, un instrumento musical. Se cunha folla ou cunha palla a persoa é quen de facer fermosas melodías ou mellor aínda, se é quen de guiar un baile, entón ese útil, nese intre, será un instrumento musical.

Onde toca

Non é o mesmo tocar para un mesmo, no monte ou na casa, que facelo en público; isto ten enorme importancia. Se un útil se toca en público participando nun acto musical (melódico) para o lecer dos asistentes, será un instrumento musical nese intre; se se fai en privado para adestrar, entreterse ou xogar, xa dependerá doutros marcadores encubertos. Aquí hai tamén unha clara gradación entre os diferentes ambientes onde se facía música. De maior a menor importancia para a consideración dun útil como instrumento musical poderiamos citar: unha festa patronal, un baile na aldea (foliada, serán, ruada etc.), unha reunión sen baile (unha comida, unha xuntanza na lareira ou na cociña etc), un encontro de -algunhas persoas por motivos de traballo (pastores no monte por exemplo, canteiros traballando, mulleres e homes sachando ou segando etc.), unha persoa tocando soa. Por suposto, se a xuntanza é de adultos ten máis valor que se é de nenos, aínda que moitas veces os nenos (varóns) se reunían para tocar instrumentos mentres que as nenas raramente facían isto. Mención especial merece aquí o acto ritual relixioso onde participan útiles ruidosos, como as taboletas e as carracas nas Tebras, ou as zambombas [207], charrascos e tarrañolas nas cantigas de Nadal, que adquiren así certa consideración e se cadra a valoración como instrumentos musicais mentres que a priori non son máis que útiles empregados para brincar ou facer ruído.

Con quen toca

Os acompañantes do útil baixo inspección, considerando como tales tanto os instrumentos que están a tocar con el como as persoas que os tocan (sexo e idade son importantes aquí), inflúen de xeito determinante na consideración dun útil como instrumento musical. Non é igual que un tambor toque acompañando a un gaiteiro, ca que forme parte dun grupo de mulleres que cantan ou que estea a ser tocado por un grupo de nenos ou mesmo que sexa un neno só quen estea a bater nel. Unha folla non é a priori un instrumento musical, pero se un neno ou un adulto a toca xunto cunha gaita de fol, seguindo a súa melodía, a cousa cambia moito. Aquí o marcador oculto opera por proximidade a outros instrumentos musicais, combinándose tamén coa consideración “musical” de quen o toca.

Patrocinadores e colaboradores