A clasificación galega dos instrumentos musicais


Para que toca

A finalidade con que unha persoa fai música cun determinado útil inflúe desde logo na consideración deste. Dúas son quizais as finalidades máis importantes e que requiren sempre do concurso de instrumentos musicais: as ocasións rituais (honra ao patrón nos días de festa, cantos de Nadal, danzas gremiais) e o baile en romarías, festas ou ruadas. Nestas ocasións só se fai música (melodía) con instrumentos musicais, é dicir os útiles que alí aparecen son considerados sempre como tales. Outras finalidades posibles son o adestramento, o lecer ou pasatempo e o xogo; o primeiro adoita facerse con instrumentos musicais, no segundo depende doutros marcadores e no terceiro só interveñen xoguetes. Por exemplo, a aprendizaxe tradicional da gaita de fol comézase como xogo, camiña polo adestramento e remata no músico xa formado empregando no camiño diferentes útiles que adoitan ser: pipas de alcacén sen furados, pipas de alcacén ou pipas de castiñeiro con furados tonais, frautas ou gaitas de cana, gaitas de cana con fol e gaitas de fol propiamente ditas. Os útiles que se achan entre o brinquedo (a pipa de alcacén sen furados tonais) e o verdadeiro instrumento musical (a gaita de fol) poderán ou non ser considerados como instrumentos musicais dependendo dos outros marcadores encubertos que estamos a comentar.

Por que toca

Este marcador encuberto está moi emparentado co que acabamos de comentar, pois a razón de tocar depende moito da finalidade. Se un toca por contrato nunha festa, desde logo faino cun instrumento musical; se toca para divertir un grupo de xente que escoita ou baila, normalmente non hai contrato, pero si unha obriga de facer música e esta só se fai con instrumentos musicais por moi sinxelos que poidan ser; se a razón é simplemente porque a un lle peta, entón podemos estar falando de instrumentos musicais ou brinquedos, dependerá doutros marcadores.

Para quen toca

O público, o receptor da música ten moita importancia tamén na consideración dos útiles. Se son adultos normalmente implica a participación de instrumentos musicais, se son nenos a de xoguetes. Tampouco é o mesmo tocar para un mesmo, para a familia, para os amigos ou compañeiros, para un grupo de veciños ou para os asistentes a unha festa ou romaría; nesta secuencia increméntase a necesidade de empregar instrumentos musicais.

Estes son os marcadores abertos e encubertos que pensamos axudan a que un galego entenda un útil como instrumento musical ou como algo distinto a iso. Cómpre agora preguntarnos se existe un patrón fundamental que xere este sistema, unha idea central da que emanen estes criterios. Pensamos que o noso sistema musical se organiza arredor dun único instrumento musical, e que o resto son ou non considerados como tales dependendo do grao de proximidade a el en diferentes facetas. Este instrumento musical é, por suposto, a gaita de fol e na súa realización ideal, dentro do noso sistema de cultura tradicional, posúe todas as características que debe cumprir un verdadeiro instrumento musical:

-Está pensado e construído exclusivamente para facer música (melodía).

-É tocada por homes adultos

-Tócase con virtuosismo, faise falar.

-É elemento central en rituais, festas, romarías e ruadas ou alí onde se presente.

-Acompáñase sempre doutros músicos.

-A súa finalidade é exclusivamente facer melodía, facer música.

-Tócase por contrato.

-Tócase para outros adultos

Patrocinadores e colaboradores