A clasificación galega dos instrumentos musicais


Dentro deste tipo de útiles hai tamén unha gradación en canto á súa consideración social. O tambor, a caixa e o bombo, masculinos no sistema de cultura tradicional, están no plano superior porque acompañan á gaita de fol, esta transfírelles directamente parte da súa consideración social e forman con ela un conxunto que se entende, que se escoita, como un todo. Están no cumio. Nun segundo plano áchanse os instrumentos cos que se acompaña o canto e que pertenceron xeralmente ás mulleres no noso sistema de cultura tradicional: a pandeireta, o pandeiro, a pandeira e nalgunhas zonas os tambores. Nun terceiro plano están as castañolas que acompañan o baile, ou o binco que acompaña algunhas melodías cantadas. Nun cuarto plano están aínda as cousas dos nenos e rapaces, como por exemplo as tarrañolas ou as zambombas; estes útiles xa non teñen unha consideración tan clara como instrumentos musicais e só o serán se son manexados con virtuosismo, na ocasión adecuada e mellor por adultos.

Na terceira categoría xerada polos marcadores abertos achamos tamén útiles que de xeito abstracto non son instrumentos musicais, precisan tamén dunha manifestación concreta que os converta niso. Aquí achamos aquelas cousas coas que se pode facer melodía, pero que os portadores consideran que non foron concibidas para iso. O lugar prominente está ocupado sen dúbida pola voz, que como base para o baile tradicional (quizais a función principal da música galega xunto co ritual) é fundamentalmente feminina. “A voz fai moita música…”, pero de boas a primeiras nunca é citada como un instrumento musical, pois a súa consideración como tal non é obvia, pasa por un certo razoamento das súas calidades musicais (melódicas) e sobre todo pola súa participación nun acto musical concreto. Nun plano secundario dentro desta categoría están a folla de hedra, os varios xeitos de asubiar ou os apitos dos afiadores. Como no caso da voz, non veñen xuntarse automaticamente aos instrumentos musicais; para seren considerados así débeos tocar alguén moi hábil, capaz de arrincar fermosas melodías deles. Non é unha calidade do instrumento (non foi construído para a melodía), é o uso que se lle dá o que o converte nun instrumento musical.

A cuarta combinación das oposicións (ruído/non construídos para facer música) conduce netamente a unha categoría abstracta onde non hai instrumentos musicais. Aquí están todo tipo de útiles que son construídos con outras finalidades. Estas poden ser: o xogo dos nenos (zoadeiras, chifres, asubíos de óso, de tona ou de pedra, tobas sen furados etc.); o traballo (sachos, gadañas, carros etc.); a comunicación de sinais (campás, cornos, buguinas, matracas etc.); útiles da casa (trébedes, culleres, potes, tixolas, latas etc.). Tamén están útiles que a natureza dá e que se aproveitan para facer ruído (cunchas, piñas, paus etc.). Ningún deles é un instrumento musical na concepción subconsciente dos nosos portadores, non fan melodía e aínda por riba non foron pensados, non naceron coa intención musical. Non entanto, algúns deles participan no acto musical, sobre todo no cantado, nomeadamente as cunchas, as latas de pemento, ou as tixolas, por canto, aínda que a estes útiles en si mesmos se lles dá en xeral pouco aprecio como instrumentos musicais, si que o son nese momento, e as mulleres que os tocan con destreza son moi ben consideradas.

Dentro desta categoría merecen mención á parte algúns útiles que se empregan en rituais de fondo relixioso como o tastarabás, a carraca, o charrasco ou as tarrañolas, que son fabricados a mantenta, pero non teñen nin o don da melodía, nin participan normalmente no acto musical, e polo tanto non son considerados como instrumentos musicais. Conforman unha clase de útiles ruidosos de uso relixioso-ritual, imprescindibles nos contextos onde se empregan: Semana Santa e Tebras no caso das carracas e tastarabás, e antroido e Nadal no caso dos charrascos da Ulla e das tarrañolas; de aí o aprecio que se lles ten e que, por outra parte, perden totalmente cando saen deste contexto.

Esta aproximación a unha clasificación propia, émica, dos útiles empregados na música galega non cumpre, desde logo, os criterios dunha clasificación científica dos útiles musicais, existindo varios que de xeito abstracto, a priori, poden estar en varias, agardando a súa interacción coa realidade do momento para seren considerados dun xeito ou de outro. Porén, achamos que esta clasificación contén información moi relevante para comprendermos os instrumentos musicais en Galicia.

Patrocinadores e colaboradores