As bandas populares

Aínda que non se pode excluír que antes da fundación documentada por escritos e actas dos concellos, existiran en Galicia agrupacións de músicos semellantes ás bandas populares, mais de reducido tamaño e alcance, o que parece ser o caso da banda de Merza pretendidamente fundada no 1828; segundo o especialista Luis F. Guitián, a primeira banda de música da que se ten novas documentais seguras é “La Lira” de Ribadavia (Ourense), que foi fundada no 1840. Pouco despois, no 1850, aparece xa a banda de Celanova (Ourense) e partir dese momento o número destas agrupacións medra sen cesar ata que a partir dos anos 1960 comezan a ser paulatinamente desprazadas polas orquestras. Durante case un século de esplendor, as bandas gozaron de moitísima popularidade en Galicia, e a calidade das festas patronais medíase moitas veces polo número de músicos que integraban a banda contratada para animar a celebración. Esta popularidade, xunto cunha irremediable mestizaxe, fixo que as bandas populares fosen as responsables da introdución de varios instrumentos na nosa música tradicional. Así o bombo, os pratiños, o clarinete, o requinto e diversos tipos de saxofóns ocuparon o seu lugar a carón do gaiteiro, como máis raramente o fixeron a trompeta, a tuba ou o trombón. Como xa vimos, estas achegas ao noso instrumentario fixeron posible o nacemento de dous tipos de conxuntos musicais antes descoñecidos: os cuartetos de clarinete e gaita de fol, e as murgas, músicas ou charangas.

Patrocinadores e colaboradores