Os conxuntos instrumentais infantís
Moitas novas puidemos recoller de portadores que lembraban como na súa nenez se xuntaban con outros rapaces para facer música. Na comarca da Fonsagrada (Lugo) varios nenos tocaban pipas de castiñeiro ao mesmo tempo que outros facían soar grandes tobas, unha agrupación que, como xa vimos, podería ser un resto dos conxuntos de óboes e grandes aerófonos representados nalgúns vasos da cultura oretana preto do cambio de era. Na Limia (Ourense) tamén escoitamos como as gaitas de castiñeiro se acompañaban con estraloques (cantagalos).
Moi frecuente foi tamén que varios rapaces se xuntaran para facer soar todo tipo de asubíos, frautas de cana, gaitas de cana e outros xoguetes sonoros, empregando por veces tambores de lata ou outros instrumentos que imitaban os que os adultos empregaban.