Os aerófonos


“La Lira” de Ribadavia Museo Etnolóxico de Ribadavia - Ourense


Entramos agora a presentar os instrumentos de música nos que é fundamental o sopro do tocador ou polo menos unha corrente de aire. Falando en xeral, se no noso sistema de cultura tradicional os instrumentos rítmicos batidos directamente coas mans eran os propios das nosas poetisas rurais, os soprados coa boca pertenceron aos homes: óboes, clarinetes, gaitas de fol, diferentes tipos de frautas, cornos e trompetas así como o máis recente acordeón forman o núcleo fundamental dos aerófonos na nosa cultura de tradición. Pese a esta curta listaxe, a diversidade que acada cada un destes grupos é máis que salientable, como pronto teremos a oportunidade de comprobar, facendo dos aerófonos o grupo máis diverso dentro do noso instrumentario tradicional dos séculos XIX e XX.

Estes instrumentos recibiron en Galicia varios usos: foron xoguetes de nenos e nenas e, asemade, tamén importantes instrumentos de aprendizaxe dos futuros gaiteiros, sendo aquí onde achamos os instrumentos máis sinxelos e antigos. Usáronse moito polos pastores e outras persoas como pasatempo; foron empregados como reclamos de varios oficios; algúns aparecen mergullados en rituais asociados a algunhas festas anuais e, por último, participaron na música para os bailes e as danzas, así como nos pasarrúas, procesións e bailes das festas patronais.

Hai dous grandes grupos dentro dos aerófonos: os libres e os propiamente ditos ou instrumentos de sopro.

Patrocinadores e colaboradores