A gaita de fol con ronquillo
Achamos este terceiro tipo distribuído a través dunha grande área que abrangue toda a provincia da Coruña (agás as comarcas de Arzúa e Terra de Melide), as comarcas pontevedresas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Pontevedra e as Rías Baixas e, xa na provincia de Ourense, as comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Estas gaitas de fol posúen, ademais de roncón e punteiro, un pequeno bordón de palleta que nesta ampla zona recibe practicamente sempre o nome de ronquillo 1ou moito máis raramente ronquilla.
O criado do meu tio
Chegou neste mesmo tempo
E traíame a gaitiña
Para alegrar os gallegos
Non ben comezou o roneo [sic],
O ronquillo e o punteiro
A botar de aqueles chios
Que son a groria do Ceo,
Todos viran de colores
Mirando para o Gaiteiro;
Ja sospiran por Galicia,
Queren volver os rumeiros.
¡Por un lado e máis por outro
Non se oían máis que berros!
[AGG, 33]
¡O gaiteiro…! velo ahí vai
Para a romaxe correndo,
Levando as mellores mozas
Detrás dél polo vieiro,
Os mancebos e rapaces
E tamén os homes vellos,
Todos cos ollos cravados
Nas prumas do seu prumeiro,
No ronco e nas súas borlas,
No ronquillo e no punteiro.
¡Que xénio! Non hai home
Máis mimado no terreo,
Máis querido e camelado,
Máis aturuxado arreo.
[AGG, XX]
- Dixitación pechada 2
- Distribución aproximada da gaita de ronquillo a principios do século XX.
- Dixitación pechada 3
O ronquillo é un pequeno bordón de dúas pezas e uns 20 cm de longo, afinado na dominante do punteiro na súa mesma oitava e que vai fornecido cunha palleta. Este pequeno bordón acólase nunha buxa que decote sae da parte dereita do xustillo a través dunha tapa que se pecha con varios botóns. Fica así orientado cara adiante e no lateral dereito do fol. Algunhas referencias antigas sitúan o ronquillo na parte esquerda do fol, sen que puideramos achar ningunha gaita antiga con esta disposición.
Pola grande extensión desta zona, cabería agardar tamén unha grande variedade de tonalidades nas gaitas de fol, mais curiosamente isto non é así. Pese a termos achado nela algunhas gaitas de fol antigascoa tónica preto do Do, Do# e Re, todas as que teñen ronquillo teñen a tónica moi próxima ao Si natural. Son as gaitas de fol denominadas nesta zona como tumbais 2, coincidindo moitas testemuñas en afirmar que as gaitas grileiras, as máis agudas, nunca levaban ronquillo.
Esta zona onde aparece a gaita de fol con ronquillo, practicamente toda a metade occidental de Galicia, foi lugar onde os gaiteiros dixitaban en pechado. Achamos dúas variantes diferentes desta dixitación, distribuídas segundo un patrón zonal que aínda non temos claramente definido pois son moi poucos os gaiteiros que aínda dixitan deste xeito. Unha achámola aínda viva na comarca de Tabeirós-Terra de Montes pero por algúns outros informantes dispersos semella que ocupou grande parte da metade occidental de Galicia, (dixitación pechada 2). Nas áreas limítrofes coa vila de Pontevedra existía a principios do século XX, segundo Casto Sampedro 3 e Perfecto Feijoo 4, unha dixitación pechada que tiña por característica principal manter o meniño da man dereita pousado no seu furado para a emisión de todas as notas comprendidas entre o terceiro e sétimo grao da escala 5(dixitación pechada 3). Empregando este xeito de dixitar, as posturas correspondentes aos graos quinto, sexto e sétimo emitíanse cos catro dedos da man inferior pousados en cadanseus furados. Non puidemos achar máis que un informante vivo que nos confirmase de xeito directo a existencia desta dixitación, hoxe xa extinta.
Na comarca de Tabeirós-Terra de Montes (Pontevedra) e na do Ribeiro (Ourense) sabemos, a través de catro informantes, da existencia doutra dixitación pechada na que o meniño só era pousado para a emisión do terceiro grao, mentres que o cuarto e os sucesivos superiores eran emitidos co furado do meniño da man inferior descuberto.
É interesante destacar que en toda a metade occidental de Galicia, por onde se distribúe a gaita con ronquillo, os vellos gaiteiros descoñecen por completo os fraseos requinteados, malia algúns poucos emitiren o segundo grao agudo tapando á metade o furado posterior do punteiro e sempre con bastante dificultade.
En canto a outros aspectos rechamantes das gaitas de fol con ronquillo, soamente queremos mencionar que o tipo de palletas empregadas para os punteiros son considerablemente grandes, adoptando unha morfoloxía case cadrada en que as follas son xunguidas, por veces, por un xugo de metal. Tamén os punteiros amosan unha clara tendencia a ser máis acampanados e de paredes máis finas que os doutras zonas, polo que o seu son é considerablemente máis pleno e menos estridente. As escalas que emiten estes punteiros gozan tamén dun terceiro grao e dunha subtónica apreciablemente rebaixados, achándose nalgunhas zonas, como nos arredores de Pontevedra, punteiros antigos co sétimo grao tamén moi rebaixado, tales como os das gaitas de Perfecto Feijóo ou a de Xan de Campañó, que foran fabricadas a finais do XIX por Manuel Villanueva, gaiteiro e artesán de Poio (Pontevedra).
Xa vimos este mesmo fenómeno ao falarmos das gaitas de barquín e aparece tamén nas gaitas de fol asturianas así como nas trasmontanas (Trás-os-Montes, Portugal) e nalgunhas da zona de Coímbra (Portugal) 6, polo que é moi posible que se trate dun tipo de escala antiga que outrora foi común nunha zona moito máis ampla. No que respecta aos obradoiros, un dos máis sonados na parte sur de Galicia foi precisamente o de Manuel Villanueva de Poio, que é considerado o mellor construtor da provincia de Pontevedra a finais do XIX. Á parte deste existiron tamén outros moi importantes, caso do de Antonio Represas García (Xinzo, Ponteareas, Pontevedra) de onde saíron gaitas de fol para toda a parte sur da provincia de Pontevedra e Ourense. Tamén de moita sona foron os obradoiros de Poceiro (Pontevedra), para o occidente da provincia de Pontevedra; García de Riobó (Riobó, A Estrada) para o sur da Coruña e parte nordés de Pontevedra, e Ramón Carril, de Santiago de Compostela, quen fixo gaitas de fol para a parte central e norte da Coruña.
Aínda que a madeira de elección para a elaboración destas gaitas de fol segue a ser o buxo, nesta zona aparecen con bastante frecuencia gaitas antigas fabricadas en ébano e diferentes tipos de pau santo.
Máis recentemente, e xa encadrado dentro da corrente folclorista, o taller de Basilio Carril (fillo de Ramón Carril) distribuíu gaitas de fol para case toda Galicia a mediados do século XX, contribuíndo de xeito significativo ao comezo da súa uniformización. A súa temperá morte deixou un baleiro moi importante que veu ser cuberto polos obradoiros de Antón Corral (Vigo) e o da familia Seivane, orixinalmente en Ribeira de Piquín (Lugo) e hoxe en Cambre (A Coruña), obradoiros que remataron por uniformizar de xeito case absoluto a nosa gaita de fol en canto a morfoloxía e escala.
Non demos conseguido datar aínda cunha certa seguridade a aparición do ronquillo, pois que saibamos non aparece en ningunha das iconografías antigas que ata agora están documentadas en Galicia. Porén, polo tipo de complexa harmonía que este produce soando nunha quinta da fundamental do punteiro, seméllanos un paso adiante respecto ás gaitas renacentistas dos séculos XV e XVI, nas que como xa vimos aparecen con frecuencia dous bordóns, afinados a unha oitava de distancia un do outro e soando sobre a tónica do punteiro. Por esta razón, achamos posible que o ronquillo aparecese despois deste tipo de gaitas de fol, seguramente nos séculos XVII ou XVIII.
Na clasificación de Hornbostel e Sachs modificada por nós, a gaita de ronquillo pertencería ao apartado 422.412.4 das gaitas de fol con cantores de tipo óboe e con bordóns de lingüeta sinxela e dupla.
Ver notas- [1] Aínda non fomos quen de achar un só portador que denomine a este bordón co substantivo chión, que tantas e tantas veces escoitamos pronunciar nos círculos folclóricos. Por outra parte, a terminación en –illo é un castelanismo que podería indicar unha orixe recente deste bordón, pois os diminutivos acabaron en –elo ata o século XII, aparecendo con posterioridade as terminacións en –iño. Inclinámonos a pensar que este bordón debeu aparecer durante os séculos barrocos, quizais no XVII, cando outras moitas transformación afectaron tamén á gaita de fol como xa fomos vendo. ↩
- [2] Isto non quere dicir que debamos asociar tumbal con Si natural, pois estas denominacións funcionan en toda Galicia como comparativos. Así, dentro dunha zona onde predominan as gaitas con afinacións agudas, próximas ou superiores ao Re, unha gaita en Do pode ser considerada tumbal, igual que pode ser denominada grilleira noutra zona onde predominen as gaitas con tons próximos ao Si. ↩
- [3] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación “Pedro Barrie de la Maza, Conde de Fenosa”. A Coruña, 1982, p. 201. ↩
- [4] Calle, J. L. Aires da Terra. La Poesía Musical de Galicia. Ed. José Luis Calle, Pontevedra, 1993, p.150. ↩
- [5] Na dixitación exposta por Casto Sampedro, tamén a postura correspondente á oitava da tónica aparece co meniño pousado no furado; non entanto, en todos os punteiros antigos que puidemos estudar, esta postura rebaixa medio ton a oitava da tónica. Así pois, parece que esta postura é un erro de Casto Sampedro que, por outra parte, Perfecto Feijoo, que era gaiteiro, xa nos transmite de xeito correcto. ↩
- [6] Carpintero, P. e Oliveira, H. “Análise comparativa das escalas de vinte e uma gaitas de fole de Portugal”. En: Revista de Educaçao Musical. Nº 125, maio-agosto 2006, pp.13-20. ↩