A palleta

Palleta da zona occidental de Galicia.

Nos óboes máis sinxelos, e quizais máis primitivos, as lingüetas dobres eran fundamentalmente construídas esmagando a punta dun tubo vexetal que podía ser un talo de gramínea, xunco ou mesmo a codia dunha póla á que se lle retirou o interior de madeira. Así xurdiron probablemente as lingüetas duplas, e en Galicia veremos como, efectivamente, este tipo de lingüetas duplas vexetais se achan asociadas con óboes de luz cilíndrica. Estes son máis antigos que os de interior cónico, que normalmente van xa fornecidos con lingüetas duplas fabricadas en cana, moito máis duradoiras que as vexetais, e que os galegos denominamos palleta.

O dicionario de Eladio Rodríguez (1958-1961) define así unha palleta: “s. f.  Estrangul, lengüeta de metal o madera de algunos instrumentos músicos de viento, como el fagot, la chirimía, la gaita gallega, etc. [...] Mollala paleta, beber un trago de vino, cuando se hace con cierta frecuencia y sin detenerse ni sentarse”. 1

As lingüetas duplas dos instrumentos máis antigos fabricábanse simplemente amolecendo a punta dun tubo vexetal flexible, ben fose codia de castiñeiro, ben unha palla verde de calquera gramínea axeitada. Así deberon ser as palletas máis antigas, pero non duran máis que unhas horas e cando o vexetal se enxoita, perden a flexibilidade e deixan de soar. Para ter lingüetas máis duradoiras comezáronse a fabricar doutros materiais menos sensibles. O material máis frecuente en todo o mundo para fabricar as palletas é a cana (Arundo donax). Para facer unha palleta como as que se empregan nas nosas gaitas de fol, dun tubo de cana duns 2 cm de diámetro córtase ao longo unha tira de aproximadamente 10 mm de ancho. Despois de rebaixarlle cunha navalla toda a parte interior, a tira de cana continúase labrando para conseguir que o seu interior sexa cóncavo e que a lámina resultante sexa suficientemente flexible, duns 0.7-0.8 mm de grosor.

Ao contrario que na maior parte de Galicia onde a cana se labra interiormente tendo unicamente presente o seu grosor, na comarca da Fonsagrada é frecuente achar vellos gaiteiros que traballaban a cana para as palletas observándoa a contraluz ata que se acadaba unha transparencia uniforme. Este curioso proceder implica que aquilo que o gaiteiro está estimando realmente non é o grosor da cana senón a súa densidade. Este mesmo método emprégano algúns luthiers para a fabricación das tampas de harmonía dos instrumentos de corda, posto que é a densidade, e non o grosor, o que inflúe finalmente na correcta e uniforme transmisión das vibracións a través da madeira.

Unha vez acadada a flexibilidade adecuada, a tira de cana dóbrase lonxitudinalmente á metade e, recortándolle os bordes, dáselle forma aproximadamente triangular. As canas así preparadas déixanse a remollo durante unhas horas para que se volvan aínda máis flexibles e permitan o seu atado e correcta adaptación a un tubiño de metal. Este tubo, duns 20 mm de longo e 3-4 mm de diámetro interior, fabrícase enrolando un anaco de lata nun ferriño, de xeito que quede con forma cilíndrica, logo esmágaselle un pouco un dos extremos para que adquira unha forma lixeiramente oval, sendo aí onde se situarán as follas de cana. O tubo das palletas denomínase ferrete ou courel, e tamén se fixo, na zona oriental, empregando un anaco do cálamo dunha pluma de pita.

Unha vez as tiras de cana están ben remolladas, méteselles no interior o ferrete e átanse fortemente cun fío. Pola súa parte externa lábranse agora empregando unha navalla ben afiada, adelgazándoas o suficiente para que ao soprar por elas rinchen dun xeito característico, o que indicará que están ben construídas. Foi frecuente, aínda que non indispensable, poñerlles ás palletas unha canga ou xugo que lles permita pechar a abertura das follas. Estas cangas pódense facer de varios xeitos: ben con dous anaquiños de cana que se dispoñen de xeito perpendicular ás follas e se atan con fío; ben facendo unha especie de brida de metal pequeniña, é dicir unha tiriña de lata que rodea as follas; ou ben, na comarca do Baixo Miño e asociadas coa gaita de barquín, tamén cunha brida de metal pero que se pode abrir e pechar mercé a un diminuto parafuso que levan no seu extremo.

Os dous tipos de palletas que aparecen en Galicia coa súa distribución zonal.

Aproximadamente na metade oriental de Galicia as follas das palletas son pequenas e de forma triangular, non adoitan levar canga e, se a levan, é feita de cana. Este tipo de palleta esténdese por toda Asturias e occidente de Cantabria. Na metade occidental de Galicia, outramente, as follas teñen forma cadrada e son bastante máis grandes, levando case sempre unha canga de metal. Esta morfoloxía esténdese a Portugal. Ambas as dúas tipoloxías correspóndense con xeitos moi diferentes de labrar os interiores dos punteiros: as pequenas e triangulares pertencen a cantores con conos estreitos, de paredes case rectas, pouco ou nada acampanados no tramo final, e gorxas curtas e de pouco diámetro que se achan situadas moi arriba na mesa do punteiro. Todo isto facilita o requintear dos punteiros. As grandes e cadradas, pola contra, corresponden a punteiros con conos bastante máis amplos, de paredes curvas que se van abrindo cara ao remate, gorxas longas e de gran diámetro (moitas veces superior aos 4 mm) que se sitúan bastante abaixo nas mesas dos punteiros e que adoitan ter un engrosamento brusco nada máis rematar. Estes punteiros non requintean pero son máis ricos en harmónicos. Os ferretes das palletas van normalmente en consonancia cos diámetros das gorxas dos punteiros, de xeito que as orientais teñen tubiños estreitos (duns 3 mm aprox.) e as occidentais máis grosos (duns 4 mm).

Xa dixemos que o material escolmado para facer as palletas era a cana. Esta obtíñase normalmente dos rabos das vasoiras, pero antes diso debéronse de facer da cana que medraba na terra. Segundo apunta Eduardo Lence Santar nos seus escritos sobre etnografía mindoniense 2: “As palletas fanse de cana macho, qu’e a que ten os nós máis mestos. Decía o gaiteiro Curuxeiras 3 que a mellor é a que se cría entre val e serra”. Para facer palletas a cana ten que estar ben seca e curada ao sol, de xeito que a súa parte exterior sexa cristalina e brillante.

Temos numerosas novas recollidas en moitos lugares de Galicia sobre a fabricación de palletas empregando corno de boi ou de vaca. Pese a que a súa confección era moito máis laboriosa, todos os gaiteiros que isto nos referiron concordaron en que, se estaban ben feitas, eran mellores que as de cana, pois duraban moito máis. Aínda na comarca de Terra de Melide puidemos recoller informacións que falaban de gaiteiros que fabricaban as palletas de cana de millo, empregando o entrenó que está inmediatamente enriba do chan, que é o máis duro. Polo visto non sempre había cana de vasoira para facer as palletas.

Chama a atención que sendo unha das partes máis importantes da gaita de fol, a palleta non apareza nomeada en ningunha das coplas tradicionais dos cancioneiros que rastrexamos. Seguramente isto é debido a que as coplas son feitas normalmente polas mulleres, para quen debeu ser un trebello estraño. En todo caso aínda puidemos achar unha copla na que a voz palleta equivale a palla pequena:

Cuando medi’os ollos abría

dando unha volta á dereta

ia Manola me facía

cóxigas cunha palleta

[CPGDS, IV, II, 71]

Ver notas
  1. [1] Este dito provén seguramente do costume dos músicos de humedecer a palleta para obter un mellor son.
  2. [2] Lence Santar, E. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 97.
  3. [3] Gaiteiro de principios do século XX natural da Rigueira d’Estoa, Mondoñedo.
Patrocinadores e colaboradores