Aerófonos de lingüeta dupla

Xa dixemos que neste tipo de instrumentos musicais o son se consegue porque o aire contido no corpo do instrumento se pon en vibración por medio dunha lingüeta dupla. Estes mecanismos están formados normalmente por un tubiño, que se insire na parte proximal do instrumento, ao redor do que se sitúan dúas láminas finas de cana ou outro material flexible, lixeiramente arqueadas e polo tanto deixando unha pequena abertura entre elas. Os galegos coñecemos este dispositivo co nome de palleta ou, nalgunhas zonas, pipa. Ao soprar polo furado que separa as laminiñas, estas baten unha contra a outra e emiten un son que é amplificado polo instrumento. Esta familia de instrumentos musicais coñécese tamén co nome de óboes. Nos óboes idioglotos, os máis antigos, a lingüeta dupla faise no mesmo corpo do instrumento, pero este tipo de instrumentos son bastante infrecuentes. Nos óboes heteroglotos a palleta pódese separar do instrumento.

Na súa forma máis sinxela e antiga un óboe consiste nunha palla de gramínea, xunco ou outros materiais semellantes, á que se lle esmaga a punta ficando así confeccionada a lingüeta dupla no propio corpo do instrumento. Quizais da súa antiga fabricación con pallas veña o nome de palleta que os galegos lles damos ás lingüetas duplas. Nesta palla poderanse despois facer furados para os dedos, permitindo así a emisión de melodías. Co paso do tempo as lingüetas fixéronse independentes do corpo do instrumento, co que xa se podían recambiar sen ter que volver a construír todo o instrumento. A historia amósanos como xa desde moi antigo estes sinxelos óboes se dispuxeron por pares para seren tocados simultaneamente coa boca en posición diverxente. Así naceron os instrumentos que dominaron a música do Mediterráneo, e seguramente de toda Europa, durante moitos séculos. Empregábanse xa en Mesopotamia hai máis de 6000 anos, os gregos chamáronlles aulòs e os romanos tibias e viñeron substituír os clarinetes nas músicas cultas destas civilizacións. Deste xeito, hai uns dous mil anos, aulòs e tibias acadaron unha extraordinaria diversidade, formando unha parte esencial da música destas dúas civilizacións.

Pero soprar en dous óboes ao mesmo tempo coa boca require un esforzo importantísimo, e máis aínda se se fai por medio da respiración circular, de xeito que hai aproximadamente uns dous milenios, a algúns destes instrumentos engadíuselles un fol xurdindo así a familia das gaitas de fol nas que os punteiros son óboes, uns instrumentos que herdaron a posición de privilexio dos seus devanceiros. Os gregos chamáronlles askaulos e os romanos tibia utricularis, literalmente “óboe cunha bolsa”. En case todas as culturas onde se tocaban os óboes o invento do fol foi ben recibido, de forma que xurdiron gaitas de fol por toda Eurasia e o norte de África.

Pese a que os óboes duplos soprados coa boca aparecen documentados por primeira vez en Mesopotamia, a famosa pipa ou gaita dúplice fabricada en prata achada no cemiterio real da cidade de Ur, nós pensamos que, con toda seguridade, o home coñeceunos moito antes. Así e todo, a súa fabricación en materiais como a herba, cana ou a madeira impediu que ficasen restos deles. Como no caso dos clarinetes, algúns aerófonos que aparecen nas escavacións arqueolóxicas, feitos de óso con furados dixitais, puideron pertencer a esta clase de instrumentos, pero será difícil determinalo pois as lingüetas duplas tamén se fabrican sempre en materiais de pouca duración.

Este pequeno percorrido pola historia dos óboes ten tamén o obxecto servirnos como guía que nos vai permitir situar ordenadamente os óboes que aparecen na música tradicional galega. Así, imos proceder historicamente partindo daqueles máis sinxelos, de luz cilíndrica, para rematar nos máis complexos, de luz cónica 1. Tampouco nesta ocasión queremos deixar de destacar que os galegos gardamos no noso instrumentario, como ocorría co grupo das frautas e os clarinetes, practicamente toda a historia deste grupo de instrumentos, é dicir, desde o óboe máis sinxelo, construído cunha lingüeta feita nunha palla e sen furados para dar diferentes notas, pasando por sinxelos óboes dun só tubo con varios furados dixitais, continuando polos óboes duplos, xa extintos no resto do mundo!, e acabando nos diferentes tipos de gaitas de fol con punteiros tipo óboe.

Falemos primeiro das lingüetas con que se fornecen os óboes para emitir o seu son.

Ver notas
  1. [1] As evidencias máis temperás da mudanza da luz cilíndrica para a cónica no grupo dos óboes datan do século V a.C.
Patrocinadores e colaboradores