Apito, chifre

Apito de afiador de doce furados (Luintra, Ourense). As profundidades dos furados, todos de 6.8 mm de diámetro, son en milímetros: 24.5, 31.5, 37, 43, 49, 56, 62, 69, 77, 84, 93, 101. Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Con estes nomes coñecemos en Galicia as siringas ou frautas de Pan. Compóñense de varios tubos iguais ao chifre que vimos de describir, de lonxitudes decrecentes e que se achan xuntos, ben porque sexan perforados na mesma peza de madeira, ben porque se constrúa o instrumento enlazando tubiños independentes. No dicionario de Eladio Rodríguez (1958-1961) descríbese este instrumento:

«Chifre de capador, instrumento compuesto de varios cañoncitos o tubos de longitud diversa, unidos y agujereados por el extremo superior, que se pasa de izquierda a derecha y viceversa por el labio inferior de la boca, produciendo sonidos que resultan armónicos si el que usa el aparato tiene arte y gusto. Lo usan los castradores en las aldeas para anunciarse; y en algunas poblaciones lo emplean los afiladores que se dedican a afilar navajas y cuchillos y a componer fuentes, barreños y paraguas.»

En Galicia conservamos dous tipos de siringas diferentes. Unhas facíanas os nenos enlazando varios tubiños de cana, de cinco a sete, cunha cordiña e unha taboíña. Os tubiños sacábanos moitas veces das canas dos foguetes, malia que tamén estas canas medran en moitos lugares de Galicia. Este instrumento musical de nenos recibía o nome de asubío ou chifre e aparece documentado como xoguete na obra Os xoguetes esquecidos 1.

O segundo tipo de siringa galega que chegou ata nós fabrícase cunha táboa de buxo duns 7-8 mm de groso, de forma máis ou menos triangular, na que se practicaban normalmente 7, 9 ou 12 furados duns 5-6 mm de diámetro e lonxitudes decrecentes. Este tipo aparece durante o século XX como reclamo ou anuncio sonoro de dous oficios que, ademais, o coñecen con nomes diferentes: os afiadores, apito 2, e os capadores, chifre.

Falando deste instrumento, Casto Sampedro apunta sobre o “silbato o pito de castradores, paragüeros y afiladores”:

«Son, como se sabe, las siringas o flauta de Pan; consisten en un conjunto de tubos abiertos en un pequeño trozo de madera de boj, de palo rosa o de marfil, de distinta longitud: su número, y, por consiguiente, el de notas, es el de nueve a trece, pero no tienen igual tonalidad, y, por añadidura, suelen estar desafinados. Los adquieren en Braga, Oporto y Lisboa, que es donde se fabrican; pero también se hacen algunos en Pontevedra y en Orense. Los paragüeros y afiladores de navajas y cuchillos, y arregladores de loza, los emplean para anunciar su oficio; pero esto lo hacen fuera de la Región y de España. En la Región sólo lo usan los castradores. Las tocatas se conservan a través del tiempo, sobre todo cuando es una misma tanda de gente del oficio. El instrumento no es del todo extraño al arte musical popular; corrigiendo su afinación, podrían lograrse efectos artísticos.» 3

O dito popular “mentras capo non asubío” [MV, 935], sitúa os chifres en mans dos capadores e a lírica tradicional galega non esquece mencionar este instrumento de afiadores e capadores. Carlos Rei 4 recolle dela estas dúas coplas:

Prepara os coitelos,

Maria Leonor,

que se escoita o pito

do afiador.

[IMLTG, 163]

Hoxe capan na Barreira,

que ben se escoita o sirín;

hoxe capan na barreira,

mañán, capamos aquí

[IMLTG, 163]

Respecto desta última copla, Carlos Rei observa que nalgúns lugares da provincia de Pontevedra chaman sirín (sic) ao chifre de capador. Segundo Tomás Rodríguez, o sufixo –ga deriva en moitas ocasións do céltico galaico –aecus/aeca como terminación adxectival. Esta terminación pasou ao galego con esta mesma función. Así, é posible que este paxaro, o sirín (Fringilla serinus), dera nome ao instrumento siringa mercé á semellanza do son do instrumento co canto do paxaro. Un fenómeno semellante vímolo coa carriza e o carrizo.

A frauta de Pan ou siringa feita de canas é un instrumento moi antigo e achámolo nos catro continentes. Curt Sachs sitúa o seu nacemento a principios do neolítico. François-René Tranchefort 5 explica que na China o seu inventor pasa por ser o emperador Chouen (2225 a. C.). Nesta cultura o p’ai hsiao clásico tiña sempre 12 tubos. As siringas áchanse tamén en Grecia (600 a.C.) onde a syrinx polykalamós (lit. a siringa de moitas canas) estaba formada por 5, 7, 8 ou con maior frecuencia 9 tubos, e estaba asociada aos cultos dionisíacos, aos encantamentos e aos ritos amorosos. No Occidente europeo sabemos a través da iconografía que se empregaba na cultura de La Tène (Celtas), e aparece representada na famosa sítula de Boloña datada no século VI a.C., onde se poden ver dous músicos tocando probablemente durante a celebración dun banquete: un deles sopra nunha siringa e outro tanxe unha lira. As siringas celtas, que decote aparecen dotadas de cinco tubos sonoros son, xunto coas liras, os instrumentos que con maior frecuencia aparecen na iconografía desta cultura.

Xa na península ibérica, a nova máis antiga que coñecemos deste instrumento aparece na tampa do sarcófago de Reguengos (Portugal), datado entre os séculos I e III d.C 6, onde un pastor toca a frauta de Pan. Na música medieval europea usouse moito este instrumento. De feito aparece representado numerosas veces na iconografía románica. En Galicia temos un posible exemplo nun dos canzorros da igrexa de San Miguel de Eiré (s. XII, Ferreira de Pantón, Lugo). Na literatura castelá dos séculos XVI e XVII aparece mencionado moitas veces. Covarrubias (1611) chama capapuercas a unha frautiña de cinco ou seis tubos que empregaban os carniceiros para anunciaren o seu oficio.

A súa asociación co oficio de capador pensamos podería ter unha curiosa razón. Na Idade Media os enfermos que tiñan pedras na vesícula biliar eran intervidos para extraérllelas nunha operación denominada en francés “la taille”. Esta intervención cirúrxica era realizada por capadores e durante ela sempre se tocaba unha siringa, pois pensaban que o seu son protexía contra as infeccións que tan frecuentemente acontecían despois desta operación, e que normalmente acababan coa morte do doente. Precisamente esta posibilidade de deceso podería tamén explicar que os apitos dos afiadores e chifres dos capadores galegos presenten moitas veces tallada unha cabeza de cabalo. A presenza simbólica deste animal na operación de vesícula podería ter o sentido de conducir a ánima do defunto ao outro mundo, pois este animal é, en moitas tradicións, entre elas a nosa, un psicopompo, leva e trae as ánimas ao alén. Por outra parte, posto que nos nosos contos e lendas o cabalo carece de relación ningunha coa curación, tamén cabe a posibilidade de que a representación de cabalos nos apitos e chifres galegos sexa herdada doutras culturas. Sobre o significado máxico-relixioso deste animal, Marius Schneider explica que o cabalo está moi relacionado coas prácticas de curación e a medicina 7. Este mesmo autor comenta noutra obra 8 que o papel místico do cabalo concéntrase na zona da morte e a resurrección, ata tal punto que, segundo certa crenza nórdica, hai que enterrar vivo un cabalo en todo camposanto antes de sepultar o primeiro cadáver humano; o cabalo é un animal lunar e solar que leva as ánimas cara ao outro mundo.

Fóra de relacións simbólicas, o cabalo tallado en moitos apitos pode ter unha explicación moito máis pragmática: cando preguntamos ao capador e gaiteiro Ramiro Cortizo Taboada (Muras, Pereira, Forcarei, Pontevedra) sobre o tema, díxonos que se tallaban cabalos nos chifres porque os capadores desprazábanse sobre estes animais.

Seguramente pola idéntica ambulancia de capadores e afiadores, ou pola relación destes últimos coas ferramentas cortantes, os afiadores deberon copiar o instrumento-reclamo dos capadores.

Os apitos de afiador que puidemos documentar en Galicia adoitan ter 12 tubos, un construtor consultado de Luíntra (Ourense) confirmou que sempre se fabricaban así (lembremos o p’ai hsiao chinés), malia que tamén achamos chifres de capador cun menor número de tubos, nomeadamente 7 e 9 que coinciden coas clásicas syrinx gregas. O mencionado construtor gardaba as medidas da profundidade dos tubos dos apitos nun ferriño delgado cunha marquiñas, pois unha correcta afinación é moi importante para estes ambulantes que se diferencian entre eles polo seu tocar característico. Así, cada afiador ten o seu toque particular e era moi frecuente que soubesen interpretar melodías con estes instrumentos. Hoxe os afiadores seguen a anunciarse cos apitos pero xa son fabricados industrialmente de plástico e cada tubo é como unha pequena frauta de bisel e non un tubo aberto.

O apito con cabeza de cabalo conservado no museo de Pontevedra emite esta escala (as desviacións sobre a escala temperada a 440 Hz van expresadas en cents): Si-20, Do+30, Re-10, Mi-40, Fa, Sol+20, La+20, Si+20, Do#+20, Re#+30, Fa e Sol+20 para a nota máis aguda. Aquel de once furados, tamén conservado neste museo e con inscrición “fabricado en La Lamosa”: Sol#+20, La#-40, Si, Do#-20, Re#-20, Fa-50, Fa#+20, Sol#+30, Si-40, Do-10 e Re#-30 para a nota máis aguda. En canto a aqueles dous conservados por José Temprano, o que ten nove furados e cabeza de cabalo áchase roto e non foi posible extraer a súa escala, porén o de doce furados emite as seguintes notas nos furados que si sonan: Si, ?, ?, ?, ?, ?, Sol#-40, La#-40, Si+10, Do#+50, Mi-50, Fa#-20 e Sol# para a nota máis aguda. Por último, o que nós conservamos, fabricado en Luíntra: Sol#+20, La#-50, Si-20, Do, Re-20, Re#+40, Fa-20, Sol-20, La, Si-20, Do#+30 e Fa para a nota máis aguda.

Dentro do noso sistema de cultura tradicional, as siringas de cana non son consideradas como instrumentos musicais propiamente ditos, senón como xogos de nenos. Os apitos e chifres de afiadores e capadores tampouco teñen esa consideración por aquelas persoas que non pertencen ao gremio, mais son útiles moi apreciados polos seus donos que si os consideran verdadeiros instrumentos musicais ademais dunha importante ferramenta no seu oficio.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs estes chifres e apitos pertencen ás frautas lonxitudinais, sen canal de insuflación, dispostas en xogos, encadrándose no apartado 421.112.2.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os xoguetes esquecidos (I). A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 29.
  2. [2] Esta denominación non aparece nos dicionarios de Galego consultados.
  3. [3] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, p. 204.
  4. [4] Rei Cebral, C. <em>Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega</em>. Obra inédita, p. 163 no orixinal.
  5. [5] Tranchefort, F.-R.<em> Los instrumentos musicales en el mundo</em>. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; pp. 223-228.
  6. [6] Leite de Vasconcellos, J. Religiões da Lusitânia (Vol. III). Ed. Impresa Nacional-Casa da Moeda. Lisboa, 1913; p. 385.
  7. [7] Schneider, M. La Danza de Espadas y la Tarantela. Ensayo musicológico, etnográfico y arqueológico sobre los ritos medicinales. CSIC. Barcelona, 1948, p. 58, tamén en pp. 48 e 67.
  8. [8] Schneider, M. El origen musical de los animales-símbolos en la mitología y escultura antiguas. Ed. Siruela, 1998; p. 123.
Patrocinadores e colaboradores