Chifre

Chifre de canas. Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Con esta palabra denomínase en galego calquera útil que ao soprar nel emite un son agudo. Todas as palabras semellantes, chiflo, chifla, xipro, asubío, asubiar proveñen, segundo Corominas (1954) do latín sibilare, e este da forma onomatopeica sifilare. Como veremos, a denominación de chifre agocha en Galicia moitos instrumentos diferentes e todos son xogos de nenos e nenas. Agora imos describir só un dos chifres máis sinxelos: un anaco de canaveira tapado cun nó polo fondo, aberto pola cima e limpo por dentro. Ao soprar nel oblicuamente manténdoo en vertical obtense un asubío agudo. Para a súa confección vale realmente calquera tubiño que só estea aberto por un lado. Este é probablemente un dos primeiros aerófonos que o home empregou, pois como veremos as cavidades cun só furado no que se sopra abundan nos restos prehistóricos.

Patrocinadores e colaboradores