Chirimías, óboes

As xa citadas gaitas de lingüeta dupla de feitura artesanal que corresponderon á música infantil, así como o aerófono con carapucho do Baixo Miño indícannos que outrora deberon existir en Galicia óboes populares soprados directamente coa boca cun lugar dentro da música dos adultos. Non conservamos ningún destes instrumentos, nin tampouco lembranza do seu uso entre os portadores que puidemos consultar; mais si temos varias probas do seu uso en tempos pretéritos.

Os óboes están moi ben documentados na iconografía galega xa desde a Alta Idade Media. Aparecen no século XIII nas Cantigas de Santa María, aínda co característico disco para apoiar os beizos propio dos óboes orientais. Da mesma época data o instrumentista de Santa Mariña de Esposende (Ribadavia, Ourense) e dun século despois o anxo oboísta de San Domingos de Ribadavia que, por certo, aparece representado
a carón dun gaiteiro e un tocador de laúde. Do século XV temos, por exemplo, os anxos tocadores de óboe que aparecen na fachada do Hospital Real en Santiago de Compostela. Do século XVII as do cadeirado do coro de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela) ou da igrexa de San Lourenzo de Nogueira (Meis, Pontevedra). Porén, unha das máis interesantes para nós é a do fresco da igrexa de Proendos (Sober, Lugo), do século XVI, onde aparece unha parella de músicos populares: un toca unha gaita de fol e outro acompáñao cun óboe.

O conxunto de gaita de fol e óboe foi moi popular en toda Europa a partir aproximadamente do século XV e, seguramente, ten a súa orixe no medievo, cando os instrumentos de son forte (altos), como as gaitas de fol e os óboes, tocaban xuntos. Este conxunto é polo tanto moi anterior ao establecemento da relación gaita de fol-tambor e  sobrevivÍu, por exemplo, nas parellas de tarota e sac de gemecs en Cataluña, nas de zampogna e ciaramella (piva ou piffaro) en Italia ou nas de biniou e bombarde da Bretaña, onde esta agrupación segue a ser, desde o século XVI 1, a máis representativa da música instrumental deste pobo. En Portugal esta asociación está tamén moi ben documentada a través da iconografía dos séculos XVII e XVIII, sendo moi posible, polo tanto, que o conxunto de gaita de fol e óboe tivese tamén certo predicamento en Galicia ata que foi desprazado polo de gaita de fol e tambor.

Xaquín Lorenzo refire un curioso costume na Limia Baixa (Ourense) que podería ser tamén un resto do uso pasado dos óboes soprados directamente coa boca:

«Nas noites do vran, rematadas as angueiras cotiáns, os mozos san de ronda. Se entre iles hai un gaiteiro, mellor; entón ao son da ruada van de uns lugares a outros cantándolle ás mozas, ben cortexos, ben cantigas de gabanza ou de bulra. E por veces cantigas de desafío aos outros mozos que andaban coa súa correspondente ronda, o que ocasionaba a miúdo que a ronda que comenzara cun desafío de cantigas rematara a paus. Mais coma non sempre había contrincantes, quedaba a parte musical reducida a unha serie de cantigas, orixinais unhas, coñecidas outras, entoadas ao son dalgunhas músecas xa crásecas, co acompañamento da gaita. Cando faltaba este instrumento, ou millor o seu punteiro, que era o que se empregaba decote, sustituíase polo birimbau que tocaban algúns mozos namentras os outros cantaban».

Ben preto da Limia Baixa, en Ventas (Verín, Ourense) Torner e Bal y Gay recolleron esta curiosa cantiga narrativa:

Voces daba o mariñeiro

da voces que se ahogaba.

Respondérale el demonio

do outro lado da iagua:

–¿cuanto deras mariñeiro

quen da agua te quitara?

–dera eu os meus navíos

cargadiños de oro y plata.

–Non che quero os teus navíos

cargadiños de ouro e plata,

quéroche que cuando morras

que a mí m’entreguel a ialma.

–¡Arreda, arreda, demonio,

con esa mala palabra!

A miña alma déixoa a Dios

y a la Virgen soberana;

a cabeza âs formigas

pra que n-ela fagan morada;

os ollos déixoos ôs cegos

pra que vexan por onde andan;

a boca déixoa ôs tatos

pra pronunciar as palabras;

as canelas, ôs gaiteiros,

que con elas toquen a gaita;

os pes déixoos os coxos

para que anden sus jornadas,

i as tripas déixoas ôs cegos,

pra que toquen sus guitarras.

[CG, II, 149]

Xa vimos que a palabra gaita pode facer referencia a varios tipos de instrumentos musicais aerófonos soprados directamente coa boca, como as frautas de tres furados e diferentes tipos de clarinetes e óboes. Estes últimos denominábanse en Roma tibias, pois se fabricaban, polo menos en orixe, cos ósos das pernas de diversos mamíferos; tamén as frautas de tres furados adoitaron fabricarse con ósos das ás de voitres. Esta cantiga é moi interesante tanto porque lembra a antiga factura dos óboes con ósos, como porque denomina gaiteiros aos tocadores destes instrumentos.

Un tipo de óboe moi semellante ao representado en Proendos sobrevivíu mesmo ata os nosos días asociado ás procesións das catedrais. Trátase das denominadas chirimías. En Santiago de Compostela está documentada a súa participación nas procesións e outros actos de relevancia social, normalmente xunto con repeniques de campás, trompetas e tambores 2. Os músicos que as tocaban pertencían á capela desta catedral. Pérez Costanti relata como no levantamento de pendóns por Felipe IV, o 9 de maio de 1621, o consistorio ordenou “que se concierten las chirimías de la Santa Iglesia y las trompetas que se pudiesen traer”; finalmente ao acto acudiron seis tocadores deste instrumento 3. Deste mesmo século datan varias representacións de óboes que aparecen no cadeirado do coro da igrexa de San Martiño Pinario onde se recoñecen polo seu fuste recto e cónico, cun lixeiro pavillón final. Case un século despois, no 1732, seguen soando as chirimías en Santiago nos actos de celebración da reconquista de Orán 4. Pero non só actuaban estes instrumentos nas ocasións solemnes, senón que tamén o facían para dar lecer ao pobo; así, fronte á epidemia de peste que en 1710 arrasou Santiago, o consistorio decidiu que “…será muy conveniente que para desimpresionarles desta, se haga algún divertimento, para lo cual se dé aviso a todos los mayordomos de los tratos (gremios) prevengan para dicho día sus gaitas y danzas, y lo mismo se avise las chirimías” 5. Desta época (s. XVIII) data o retábulo da capela de Santa Xertrude da igrexa de San Martiño Pinario onde se aprecia un anxo que, formando parte dunha pequena orquestra, toca un óboe deste tipo, representado con tanto detalle que se lle pode ver ata a palleta.

Seguramente houbo chirimías en todas as catedrais de Galicia, dando servizo tanto a este tipo de requirimentos dos concellos como para uso propio na capela e nas procesións. En Tui e Santiago aínda se conservan os instrumentos e as melodías das danzas de procesión que acompañaban xunto cos fagots 6. Nesta última, o ritual séguese a celebrar hoxe en día coa participación destes mesmos instrumentos.

Consérvanse exemplares de chirimías no Museo do Pobo Galego, na Catedral de Santiago e na de Tui. Teñen a morfoloxía dos óboes barrocos, e deberon ser algo máis elaboradas que os óboes que tocaba o pobo. As conservadas no Museo do Pobo Galego foron construídas polo artesán de gaitas de fol Basilio Carril a mediados do século XX.

Descoñecemos o nome que recibiron os óboes tocados polo pobo, pero sospeitamos que ben se puideron chamar gaitas ou mesmo chirimías. Tampouco coñecemos a súa consideración social nin filiación sexual, pero doadamente se pode supoñer que eran semellantes ás da actual gaita de fol.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs estes instrumentos pertencen ao grupo 422.112.2 dos óboes individuais, de tubo cónico e con furados dixitais.

Ver notas
  1. [1] AAVV. Musique Bretonne. Histoire des sonneurs de tradition. Ed. Le Chasse-Marée/ArMen. Douarnenez, 1996, p. 75 e ss.
  2. [2] Pérez Costanti, P. Notas Viejas Galicianas. Ed. Xunta de Galicia. 1993, p. 471.
  3. [3] Pérez Costanti, P. Op. cit. pp. 471-472.
  4. [4] Pérez Costanti, P. Op. cit. pp. 477-479.
  5. [5] Pérez Costanti, P. Op. cit. p. 519.
  6. [6] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Ed. Fundación “Pedro Barrie de la Maza, Conde de Fenosa”. A Coruña, 1982, pp. 194 e 199.
Patrocinadores e colaboradores