Clarinete de cana

Varios portadores consultados, intérpretes de gaita de fol, describíronnos un instrumento musical moi semellante a un clarinete clásico que construían cando eran mozos. Marcial Rial (Buía, Araño, Rianxo, A Coruña) foi quen mellor nos describiu o instrumento. Facíase cunha grosa cana, moitas veces obtida do rabo dunha vasoira, á que se lle engadía unha embocadura labrada cunha gubia nun taco de madeira e coa forma semellante á dun clarinete clásico, malia que con certas diferenzas. Nesta embocadura atábase unha lingüeta de cana semellante tamén á dun clarinete, pero que se labraba como unha extensión da propia cana que formaba o tubo do instrumento. Neste tubo, duns 35-40 cm de longo, practicábanse seis ou sete furados para os dedos. Este curioso instrumento xa se menciona en antigos tratados sobre instrumentos musicais como o de Marin Mersenne (1636) ou o de Pierre Trichet (c. 1640) e denominábase chalumeau (fr.), zampogna (it.) ou caramillo (es.) 1. O instrumento en cuestión aparece descrito moitas veces na literatura como cousa de pastores e está considerado o devanceiro directo do clarinete clásico. Curiosamente, o desenvolvemento deste último, do que a continuación trataremos, non desprazou ao caramillo, senón que conviviron na música culta durante bastante tempo.

En Galicia o clarinete de cana foi un instrumento que construíron os mozos con inquedanzas musicais. As escasas referencias que temos del non nos permiten emitir xuízos sobre a súa consideración ou outros aspectos. Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs pertencería ao grupo 422.221.2 dos “clarinetes cilíndricos, dun só tubo con furados tonais”.

Ver notas
  1. [1] A este respecto, é curioso observar que as pipas de alcacén, antecesores deste sinxelo clarinete, son denominadas tamén en castelán zampoñas.
Patrocinadores e colaboradores