Clarinete

Clarinete en Sib de trece chaves. Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Os antecesores do moderno clarinete están xustamente en instrumentos semellantes ás pipas de alcacén e gaitas de cana que mantiveron a súa sinxela morfoloxía dende hai polo menos 6000 anos ata o día de hoxe. Baseándose seguramente nun modelo culto de chalumeau, moi semellante ao clarinete de cana que vimos de describir, a principios do século XVIII un construtor de Nuremberg, Joham Christoph Denner (1655-1707), inventou un novo tipo de instrumento de vento denominado “clarinette”. Como toda a familia dos clarinetes tiña o tubo cilíndrico, nel dispúñanse oito furados, un par de chaves e ía equipado cunha embocadura de madeira na que se ataba unha lingüeta de cana independente do instrumento e da embocadura. Ao engadirlles a chave de doceava estes clarinettes barrocos acadaron un novo rexistro de son semellante á trompeta ou clarín, apelativo que aparece aínda hoxe en Galicia para referirse ao clarinete.

Co paso do tempo este clarinette barroco foise modificando, sobre todo no senso de engadirlle máis chaves e modificar lixeiramente o seu son. Así, a mediados do século XIX contaba xa con trece chaves, sendo probablemente neste intre cando o clarinete en Sib, e outros membros da súa familia como o requinto en Mib, se introduciron na música tradicional galega a través das bandas populares. Como tamén puidemos documentar en Galicia exemplares de clarinetes máis antigos, cun número de chaves menor, é tamén posible que as primeiras bandas de música fixesen uso deles ou mesmo que o instrumento se introducise na nosa música tradicional antes da chegada destas agrupacións, malia que este extremo será complicado de comprobar. En todo caso, achamos que o máis probable é que o clarinete clásico fose introducido polas bandas populares, pois as reaccións contra o seu uso ao pé da gaita de fol non comezan ata ben pasado o ecuador do século XIX. A finais deste século o instrumento aparece xa integrado con normalidade na nosa música tradicional; así, nos escritos etnográficos de Eduardo Lence Santar [Mondoñedo 1876-1960] 1 xa se fala del: “N-a misa de Saldanxe tocóu tamén e na de Vilarente, moitos anos, a sonada comparsa de Coruxeiras, d’a Rigueira D’Estoa, que se compoñía de gaita grileira, clarín, bombo e tambor”, e tamén Casto Sampedro indica que o máis usado era o clarinete en “tono de Do” 2 sen achegar ningún dato a maiores.

Durante o século XX o clarinete de trece chaves en Sib foi, sen dúbida, o que máis popularidade acadou na nosa música tradicional. Xunto coa gaita de fol, os clarinetistas formaban unhas agrupacións denominadas “cuartetos”, resultado de lle engadir ao gaiteiro acompañado do tambor ou a caixa, un clarinete e un bombo, instrumento tamén procedente das bandas populares. Estes cuartetos foron moi abundantes por toda Galicia; por poñer dous exemplos: no primeiro terzo do século XX no concello de Ribeira de Piquín contábanse catro destes cuartetos, mentres que na zona de Ordes aparecían, nesta mesma época, cinco agrupacións deste tipo.

O clarinete nunca foi un instrumento construído en Galicia, mercábase sempre nas tendas especializadas, por canto non difería en nada dos modelos en uso no resto de Europa. Con todo, a súa adaptación ás gaitas de fol operou sobre el certas modificacións. Estas afectaron á súa afinación, de forma que moitas veces os barriletes eran recortados para adaptar o ton do clarinete ás tonalidades das gaitas de fol. Tamén a súa dixitación se transformou, de forma que se tocaban coa mesma que a gaita de fol e non coa propia do clarinete. Así mesmo, o xeito de producir o son foi diferente entre os clarinetistas tradicionais que entre os músicos clásicos, pois embocaban o instrumento de xeito que ficaba case perpendicular ao corpo do instrumentista, obtendo un son bastante máis áspero, pero tamén máis potente que co xeito clásico de embocadura.

O clarinete, por suposto, é considerado no noso sistema de cultura tradicional como un verdadeiro instrumento musical; porén, a súa consideración social non iguala á doutros como a gaita de fol ou o acordeón. Dous dos mellores clarinetistas tradicionais consultados coinciden na mesma afirmación: “o clarinete só non fai música” (Andrés Rodríguez, Vilamaior, Ordes, A Coruña), “pódese tocar só, pero non fai música” (Domingo Calviño, Buscás, Ordes, A Coruña). Con todo, os bos clarinetistas acadaron un alto grao de consideración social. Por outra parte, non puidemos documentar ningunha muller que o tocase ao pé da gaita de fol, polo que concluímos que dentro da nosa música tradicional foi un instrumento de carácter esencialmente masculino.

O clarinete áchase, xunto cos seus devanceiros (pipas de alcacén e gaitas de cana), no grupo dos “clarinetes cilíndricos, dun só tubo con furados tonais” (422.221.2), da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] Lence Santar, E. Etnografía Mindoniense. Ed. de Armando Requeixo, Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000. [Recompilación de escritos etnográficos do autor], p. 60.
  2. [2] Sampedro y Folgar, C. Cancionero Musical de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Reimp. facs. de la edición de 1942. A Coruña, 1982, parte 1ª, p. 203.
Patrocinadores e colaboradores