Corneta (de metal)

Trátase dun tipo moi sinxelo de clarinete, tamén de luz cónica, pero sen furados dixitais. Parécese moito a un corno cun pallón, pero fabrícase enteiramente de metal, incluíndo a propia lingüeta que, normalmente, vai cuberta por un carapuchón. Empregárona os pregoeiros e os carteiros para anunciar a súa mensaxe ou presenza, e tamén nas montarías para escorrentar os animais, supoñemos que como substituto moderno dos cornos. No folión de Antroido de Mormentelos (Vilariño de Conso, Ourense) temos visto varios homes acompañando os toques dos tambores con este tipo de instrumentos.

Non son consideradas polos portadores como instrumentos musicais, pois carecen do don da melodía e nunca participan no acto musical. Na clasificación de Hornbostel e Sachs este tipo de corneta incluiríase no grupo 422.212 dos clarinetes con tubo de luz cónica.

Patrocinadores e colaboradores