Dolio, cabazas

Non podemos pasar este apartado dos asubíos sen facer referencia a un tipo de instrumentos medievais, amplamente representados nas nosas igrexas románicas, que pertencen xustamente a esta categoría. O máis coñecido e ben caracterizado é o denominado dolio. Trátase exactamente dun pipotiño de madeira que se sostiña, horizontal, sobre as pernas. Da súa parte superior parte un aeroduto, é dicir un longo tubo, polo que se sopraba conducindo un sopro de aire cara ao bisel. Este achábase presuntamente situado na parte onde o tubo se une ao pipotiño, ou quizais este bisel sexa a parte superior do propio tubo, pois nalgunhas representacións apréciase moi claramente como o músico coloca os beizos nel como para soprar nunha frauta traveseira, é dicir, faríase soar exactamente igual a como o facemos ao soprar nunha botella, este é o caso do dolio representado en Santa Mariña de Esposende (Ribadavia, Ourense, séculos XIII-XIV). Así tocado este instrumento produciría un único son, profundo e redondo.

Existe en Galicia un tipo de asubío semellante a un dolio en miniatura no que un pequeno tubiño de cana se axusta a unha abelá ou noz na que se perfora un furadiño, soprando polo tubiño o aire espétase contra a beira do asubío e faino soar.

Anciáns con redomas no pórtico do Paraíso da catedral de Ourense. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.


Moi pouco se sabe sobre o dolio como instrumento. Foi descrito por Faustino Porras nun artigo da Revista de -Folklore no ano 2007 1 como un novo aerófono do románico. En Galicia achamos numerosas representacións deste instrumento: na provincia de Lugo aparecen nun canzorro da ermida de San Román (Lousada), noutro da capela do Pilar, na propia Catedral lucense, e un máis na igrexa de Santo Estevo de Atán (Ferreira de Pantón) en plena Ribeira Sacra. En Ourense achamos dolios representados en Santa Mariña de Esposende (Ribadavia), Santa Baia de Banga (O Carballiño) e San Tomé de Serantes, mentres que en Pontevedra aparecen na igrexa de Santiago de Bembrive (Vigo), en San Martiño de Moaña, e en San Pedro de Rebón (Moraña).

En canto á súa sonoridade e función musical, deixemos falar ao propio Faustino Porras: «Debemos decir que, aunque nunca tendremos la certeza absoluta de cuál era su sonoridad, su representación nos puede proporcionar pistas bastante significativas al respecto: la inexistencia de orificios modificadores del sonido nos permite intuir que, probablemente, produciría una única nota y de tono grave, dado el tamaño del instrumento. Siendo utilizada a modo de bordón o nota pedal, ornamentaría las melodías realizadas por otros cordófonos o aerófonos a los que habitualmente acompaña, produciendo un tipo de polifonía primitiva, técnica que, en estos siglos, estaba en pleno auge.

En cuanto a la disposición para su uso, todos los músicos aparecen sentados, con el dolio apoyado sobre sus rodillas y sujetándolo por su parte inferior (aunque en otras ocasiones se sujeta por el pico).»

Desde logo hai xente que aínda opina que o dolio non é un instrumento musical e que podería tratarse dunha persoa bebendo dun pipote de viño. Nós estamos con Faustino Porras por varias razóns. Unha delas é que, como xa vimos, hai representacións como a de Santa Mariña de Esposende onde se aprecia claramente a colocación dos beizos para soprar no tubo, non para beber. Outra é que beber dun pipote cun tubo é unha cousa bastante estraña e difícil. Outra máis é a variabilidade no tamaño dos supostos pipotiños de viño, que van desde o considerablemente grande, como o de San Martiño de Moaña, ao ridiculamente pequeno da igrexa de San Domingo de Lugo. Por outra parte, temos observado algúns canzorros onde si se representan pipotes de viño nos xeonllos de persoas, caso do que aparece no Hospital Real (Santiago de Compostela, fins do século XV) e aquí falta o tubo que vai á boca e represéntanse con claridade os elementos distintivos dos pipotes: liobas, aros e o furado para verter o viño, que non aparecen nunca nos dolios.

Pensamos que moi relacionado co caso do dolio están as estrañas representacións de “redomas” que aparecen con frecuencia en mans dos anciáns dos pórticos románicos, caso do Pórtico da Gloria de Santiago de Compostela, o do Paraíso da Catedral de Ourense, o do Mosteiro de Carboeiro ou mesmo nas representacións do salón do Pazo de Xelmírez, todas elas estudadas polo padre Calo. Este erudito comenta que “estudiando detenidamente las varias formas de estos objetos y las actitudes o poses de los Ancianos que los sostienen, parece que tales objetos se pueden identificar con calabazas2. Un pouco máis adiante José López-Calo escribe que “la piel de estas calabazas [unha vez secas e baleiras] es delgada, pero tensa, indeformable, como si fueran hechas de madera fina, consistente y dura. Pues bien: como son de corteza tan fina y tan dura, al golpearlas con el dedo o con otro objeto, emiten un sonido bien definido. Cabe preguntarse, pues, si estos objetos del Pórtico no serían calabazas con esta específica finalidad: la de servir de instrumentos rítmicos, e incluso de emitir determinados sonidos musicales, como realmente emiten estas calabazas”. Os anciáns do pórtico románico do mosteiro de Carboeiro (Silleda, Pontevedra) representan unha orquestra afinando, e pensamos que claramente están a usar as redomas así, pois se o escultor tentou representar os que afinaban os seus instrumentos de corda ferindo as cordas cun só dedo estendido, que outra cousa podería intentar dicirnos cando esculpiu os anciáns que suxeitan as redomas petando nelas tamén cun só dedo estendido? Deste xeito, pensamos que López-Calo vai moi ben encamiñado neste asunto. Así e todo, tamén cremos que as cabazas e redomas tiñan outro uso: o de emitir sons soprando nelas. A chave para apuntalar esta hipótese puidera estar nun canzorro da Casa Gótica de Santiago de Compostela (s. XIV) que representa un home que semella soprar nun instrumento bastante parecido a unha redoma, e tamén nos canzorros da igrexa de Santa Baia de Banga (O Carballiño, Ourense, s. XIV) onde entre os músicos representados achamos un que toca un corno, outro un dolio e un terceiro que, claramente, sopra na parte superior dunha cabaza. Non nos cabe a menor dúbida de que aquí a cabaza e o dolio se usan como aerófonos que emiten un só son. Esta tese non é, por suposto, incompatible coa do padre Calo, pois se nestas cabazas ou redomas se soprou, con seguridade tamén se puido golpear nelas. Pola contra, o uso do dolio e das cabazas e redomas golpeadas e sopradas dá conta da grande imaxinación musical destas xentes, imaxinación por outra parte perfectamente reflectida na riqueza musical dos nosos pórticos e igrexas románicas.

Pero aínda nos queda outro posible instrumento aerófono semellante ao dolio e ás cabazas que aparece representado nos canzorros das igrexas de Santa Mariña de Esposende (Ribadavia, Ourense) e Santa Baia de Banga (O Carballiño, Ourense, século XII). Seguramente foise fabricado de madeira e semella composto como por dous cornos de carneiro unidos que rematan nun só tubo no que sopra o músico. Pero isto é só unha descrición inexacta, mellor velo nas fotografías que acompañamos.

Parece que estamos, xa que logo, diante de toda unha familia de instrumentos aerófonos composta por dolios, cabazas, redomas e este último instrumento que vimos de describir, que emitían unha soa nota musical, é dicir, operaban a xeito de bordón, quizais tamén realizando acompañamentos rítmicos tal e como suxire o padre Calo, ben golpeando neles, ben soprando ritmicamente. Isto non nos debe estrañar, pois o gusto da xente medieval polas melodías acompañadas dun bordón fica perfectamente reflectido na grande cantidade de instrumentos musicas que incorporaban este sistema; moitos dos aerófonos e cordófonos máis estendidos na Idade Media gozaban do privilexio da nota pedal, como os rabeis, as zanfonas, as fídulas, as gaitas de fol, as frautas dobres, os albogues etc.

O dolio e as cabazas non son frautas propiamente ditas e pertencen, polo tanto, ao grupo 420.11 da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] Porras, F. “Un nuevo aerófono del románico: el dolio (1)”. En: Revista de Folklore. Ed. Fundación Joquin Díaz. Tomo 27a, nº 315, 2007, pp.
  2. [2] López-Calo, J. La música medieval en Galicia. Ed. Fundación “Pedro Barrié de la Maza Conde de Fenosa”. A Coruña, 1982, p. 118.
Patrocinadores e colaboradores