Filharmónicas

As filharmónicas están compostas por unha lámina de metal (o peite) onde se practican unhas xanelas rectangulares de tamaño decrecente. Cada unha destas ventaíñas leva unha laminiña flexible de metal, exactamente do seu tamaño e forma, e suxeita por un dos extremos ao peite, de xeito que si facemos pasar o aire por ela emite un son. É o que se denominan “lingüetas libres” pois non baten contra nada. Cada filharmónica leva dous destes peites dispostos sobre unha placa de madeira con furados independentes que conducen o aire desde a boca ata as lingüetas. Cada furado dá aire a dúas lingüetas, unha soa ao aspirar e outra ao soprar, emitindo diferentes notas. Deste xeito, unha filharmónica produce unha escala diatónica completa, existindo tamén instrumentos cromáticos.

Os antecedentes das filharmónicas pódense buscar nos órganos de boca, característicos do extremo Oriente, pois é o primeiro aerófono que se coñece baseado no principio da lingüeta libre. Seguíndomos a François-René de Tranchefort 1, na tradición china considérase que o órgano de boca foi inventado no III milenio a.C. polo emperador Nyu-Kwa, aínda que foi aproximadamente no 2700 a.C. cando outro emperador, Hang-si, substituíu as lingüetas de cana por outras metálicas. Este instrumento chegou a Occidente na segunda metade do século XVIII e o primeiro órgano de lingüetas libres construíuno G.-J. Vogler en Darmstadt. En 1821 un reloxeiro alemán de 16 anos, chamado Christian Friedrich Ludwig Buschmann, xuntou varias das lingüetas de tubo que se empregaban para afinar os órganos formando o instrumento que bautizou como Mundäoline, e que despois chamou Mund-harmonika (harmónica de boca). Buschmann perfeccionou a súa harmónica como instrumento musical no ano 1827. En 1830, Richter, un inventor de Bohemia, ideou a harmónica tal e como hoxe a coñecemos: dez furados e vinte lingüetas que alternando sopridos e aspiracións producen unha escala diatónica.

Este instrumento foi empregado por moitos galegos para facer música; achámolo aquí e acolá e houbo e hai moi bos tocadores, como aqueles que conseguen un efecto rítmico semellante aos baixos do acordeón. As filharmónicas son vistas en Galicia como verdadeiros instrumentos musicais, aínda que a súa consideración está moi por debaixo doutros instrumentos melódicos como a gaita de fol, o clarinete ou o acordeón, reservándose normalmente para pasar o tempo ou para pequenas demostracións públicas, pero raramente para facer un baile. Como instrumento melódico que é, pertence en Galicia á esfera masculina.

Na clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs as filharmónicas pertencen ao grupo 412.132 dos aerófonos libres, formados por lingüetas en xogos.

Ver notas
  1. [1] Tranchefort, F.-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; pp. 280-285.
Patrocinadores e colaboradores