Folla de espadana

É un instrumento musical que os nenos fabricaban como xoguete. As longas follas de espadana (Typha latifolia) están dobradas sobre si mesmas, de xeito que deixan un furado interior. Cortando un anaco longo dunha folla podemos soprar por un dos extremos e, tapando cun dedo da man esquerda o outro, obrigaremos ao aire a saír por entre os dous “beizos” da folla. Así prodúcese un asubío agudo que pode ser modulado acurtando a lonxitude dos beizos vibrantes, para iso suxéitanse os beizos da folla entre o índice e o polgar da man dereita, e deslizándoos arriba e abaixo pola folla podemos tocar unha melodía. Como asubío dunha soa nota aparece referidos n’Os xoguetes esquecidos1.

Sección transversal dunha folla de espadana.

Este instrumento é considerado en Galicia como un xogo de nenos, non de nenas, seguindo a tónica habitual que identifica a melodía instrumental co sexo masculino. Dentro da clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs pertence ao grupo 412.11 dos aerófonos, en que dúas laminiñas ou canas forman unha fenda que se pecha periodicamente durante a vibración.

Ver notas
  1. [1] López González, X. e García X. M. Os Xoguetes Esquecidos (II). Ed. A Nosa Terra. Vigo, 2003; p. 33.
Patrocinadores e colaboradores