Gaita de fol ”sinxela”

Principiamos pola gaita de fol máis sinxela, aquela dotada unicamente de punteiro e ronco, que semella a máis antiga das que se documentan en Galicia. Seguindo a tónica xeral europea, as súas primeiras representacións iconográficas aparecen sobre os séculos XII e XIII. Da segunda metade do século XII temos un posible gaiteiro esculpido nun dos canzorros da igrexa de San Miguel de Eiré (Ferreira de Pantón, Lugo). Dun pouco máis tarde datan as dúas representacións da Igrexa de Santa Mariña de Esposende (Ribadavia, Ourense) (s. XII-XIII), onde unha muller e un animal 1 tocan igualmente gaitas de fol cun só bordón. Tamén do século XIII temos as famosas iluminacións das Cantigas de Santa María onde, curiosamente, a única gaita de fol con punteiro cónico, é dicir seguramente de lingüeta dupla, se representa con multitude de bordóns, tantos que moitos autores pensan que este instrumento é froito da imaxinación do iluminador. Fose ou non, dúas cousas están claras: a primeira que seguramente, quen aquilo deseñou, ollara algunha gaita de fol con varios bordóns; e a segunda, que a tipoloxía sinxela da que estamos a falar, punteiro e roncón, gozaba xa de bastante predicamento no século XIII e que se segue a documentar con posterioridade na iconografía galega. De finais do século XIII ou principios do XIV data a figura dun anxo gaiteiro que aparece nun dos sepulcros de San Domingos de Ribadavia. No século XIV seguen a aparecer iconografías que amosan este mesmo tipo de gaita de fol: a do capitel de Melide, o gaiteiro representado nun capitel da igrexa de San Francisco de Ourense, a do anxo gaiteiro dun relevo do mosteiro de Santa Catarina de Montefaro (Ares, A Coruña) 2, ademais dos varios gaiteiros representados no convento de San Francisco de Betanzos ou a do can que toca a gaita na igrexa de Santiago da mesma localidade. Tamén en Santiago de Compostela, particularmente rico en iconografías medievais, achamos un gaiteiro probablemente esculpido no século XIV: o da Casa Gótica. Nesta mesma cidade, no Real Hospital, atopamos un canzorro do século XV que representa a un gaiteiro coa mesma morfoloxía de gaita de fol que vimos tratando. No século XVI parece que se segue a manter esta morfoloxía e no cadeirado do coro do mosteiro de San Rosendo de Celanova aparecen un bufón e un animal tocando o instrumento. Deste mesmo século data o que fora retábulo maior da catedral de Lugo, rematado por Cornelis de Holanda no 1534, no que aparece un gaiteiro que toca unha gaita de fol sen roncón e outro que semella tocar unha con este bordón, o que podería indicar que a primitiva gaita de fol sen bordón chegou ata esta época en mans de pastores. No século XVII seguimos achando representacións iconográficas de gaitas de fol fornecidas cun só bordón; caso do raposo que toca o instrumento, acompañado dunhas ferreñas, no cadeirado do coro da catedral de Lugo, obra de Francisco de Moure (Ourense) rematada no 1624. Este mesmo autor tallou pouco despois unha escena de natividade no retábulo da igrexa dos Escolapios de Monforte, onde se aprecia un pastor que toca un instrumento con roncón e punteiro.

Distribución aproximada da gaita de fol durante o século XX no extremo noroccidental da península ibérica.

En todas as iconografías que vimos repasando, a gaita aparece sempre sen tambor que a acompañe, situación que se mantén, polo menos en Galicia, ata pasado o renacemento. Como xa vimos ao falarmos do tambor é moi posible que fose durante o século XVIII cando a gaita de fol comezou a formar parella con el, pois as iconografías do século XVII aínda non amosan esta parella, malia que si nos ensinan aos gaiteiros tocando a carón de músicos de frauta e tambor, como no cadeirado do coro de San Martiño Pinario. De aquí en adiante algunhas iconografías, como a da sancristía da catedral de Tui, amosan xa a gaita de fol formando parella co tambor.

O gaiteiro representado no banco do retábulo de Santa María de Meiraos (1614, Folgoso do Courel, Lugo) toca tamén unha gaita de fol “sinxela”, acompañado no mesmo banco por un tamboriteiro con frauta e tambor. Neste século comezan xa a aparecer nas representacións da gaita de fol, tanto en Galicia como en Portugal, un elemento ata agora ausente: o freque pendurado do roncón, un ornamento tipicamente barroco que se manterá ata a actualidade e que aparece, por exemplo, nun relevo conservado do Museo Diocesano de Tui onde se ve un gaiteiro acompañado dunha muller que toca unhas ferreñas.

No século XVIII seguen a documentarse unicamente gaitas de fol con roncón e punteiro, como a que aparece no retábulo da Expectación da catedral de Tui. No deseño que aparece no cantoral de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela, s. XVIII) aprécianse dúas parellas de músicos da época (semellantes ás da igrexa de Meiraos): un zanfoneiro acompañado polos ferriños e un tamborileiro de frauta e tambor acompañado por un gaiteiro cunha gaita de fol cos ornamentos do roncón que chegaron ata nós: o freque e a perilla.

De principios do século XIX databan as pinturas da capela da Casa Grande de Rosende (Sober, Lugo), agora destruídas polo lume, que amosaban dous anxos: un cunha gaita de fol, con freque no único roncón, e outro co tambor. A finais deste século aparecen xa as primeiras fotografías de gaiteiros nas que se segue a apreciar a presenza da gaita de fol “sinxela” en toda Galicia, aínda que aparecen xa outras tipoloxías das que pronto falaremos.

Gaita de fole mirandesa do gaiteiro de Dúas Igrejas (Trás-os-Montes, Portugal). Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

A gaita de fol cun só roncón documéntase en toda Galicia, pero tamén en grande parte de Portugal, na zona norte de Zamora (Aliste e Seabra), así como no Bierzo e toda Asturias, chegando ata a parte occidental de Cantabria. Nesta grande zona conviven dous tipos bastante ben diferenciados por características que seguramente se mantiveron desde hai séculos: o da gaita de fole trasmontana e xabresa, e o da gaita de fol galega, portuguesa, berciana e asturiana.

Trasmontanas e xabresas difiren entre elas apenas en cuestións ornamentais; son gaitas de cumpridos calibres e rústicos acabados, características máis acusadas nas trasmontanas onde ata os foles carecen de vestido. Ambas as dúas soan con escalas onde os terceiros graos moi rebaixados producen un ambiente moi característico e particular, ao que se suman tamén o sexto e sétimo graos rebaixados que, xunto cunha subtónica tamén grave, dotan a estas gaitas de fol dun característico e inconfundible son.

O segundo grupo de gaitas de fol que presentan só roncón e punteiro como tubos sonoros pódese dividir, á súa vez, en dous subgrupos: o primeiro formado por aquelas que aparecen en toda a metade norte de Portugal, desde Lisboa (excluíndo Trás-os-Montes), toda Galicia, a terra Eo-Navia de Asturias, norte de Seabra e o Bierzo; e o segundo pola gaita asturiana e a cántabra, que pensamos son indiferenciables entre si. Estes dous subgrupos só amosan pequenas diferenzas nas escalas, no tipo de palleta empregada e no sistema que usan para acadar os requinteos. Se retrocedemos non máis dun século no tempo, estas pequenas diferenzas dilúense de xeito case total manténdose só aquela que atinxe ao tipo de palleta: pequenas e triangulares desde a metade oriental de Galicia ata Cantabria, e grandes e cadradas desde a metade occidental e sur de Galicia continuando cara ao sur por Portugal.

Falándomos xa de Galicia, cómpre sobrancear que a única zona onde non aparece esta tipoloxía “sinxela” mesturada con outras máis recentes, con máis bordóns, está composta pola provincia de Lugo (agás nas áreas lindeiras coa comarca de Terra de Melide) a provincia de Ourense e as comarcas pontevedresas de A Paradanta, O Condado e Vigo. Fóra desta zona, que se corresponde aproximadamente coa metade oriental de Galicia, a gaita de fol “sinxela” aparece case sempre mesturada con outros tipos de gaitas de fol, ben como un resto dunha tipoloxía antiga que foi sendo substituída por variantes máis modernas que analizaremos nos apartados seguintes, ou mesmo e con frecuencia, como produto da degradación destas variantes máis modernas durante o século XX.

As escalas que producen os punteiros antigos das gaitas de fol sinxelas desta gran zona oriental de Galicia quererían ser analizadas, pero podemos adiantar que unha característica común a todas elas é unha subtónica e un terceiro grao bastante rebaixados respecto á escala temperada. As diferenzas substanciais que se achan verbo dos xeitos de dixitación e interpretación permítennos subdividila en varias subzonas das que pasamos a dar conta.

Distribución aproximada do tocar requinteado durante o século XX no extremo noroccidental da península ibérica. A área isolada dentro da zona de tocar non requinteado corresponde ás comarcas de Arzúa e Terra de Melide.

Zona central da provincia de Lugo e norte de Ourense. Esta zona abranguería as comarcas lucenses de A Mariña Occidental e Central, Terra Cha, Lugo (agás concello de Friol), Ulloa, Sarria, Chantada e Terra de Lemos, e as ourensás de Terra de Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Viana.

Os punteiros desta zona amosan unha grande variedade de tonalidades, polo que non puidemos definir diferentes áreas tendo en conta este aspecto. Así e todo, temos observado unha clara tendencia ao incremento na proporción de punteiros afinados en tonalidades agudas segundo avanzamos do sur para o norte, incluíndo tamén Portugal, Seabra e Aliste.

Distribución aproximada do tocar aberto e pechado durante o século XX no extremo noroccidental da península ibérica.

Neste territorio non achamos restos de tocar pechado 3. Todos os gaiteiros consultados (en Portugal, Seabra e nesta zona de Galicia) dixitaban en aberto e non lembraban que outros gaiteiros máis vellos dixitasen de xeito diferente a eles. Pola contra, como pronto veremos, nos extremos occiden-tal e oriental de Galicia, especialmente na súas partes montañosas, o tocar pechado ten chegado vivo ata nós, polo que a total ausencia de dixitación pechada nesta zona central é, cando menos, un feito curioso. A súa situación intermedia podería indicar que outrora o pechado si estivo presente na zona, mais non o podemos afirmar nin negar. Tamén debemos indicar que os gaiteiros desta zona central (incluíndo tamén Portugal, Seabra e Aliste) descoñecen, así mesmo, o tocar requinteado 4 que, casualmente, tamén está presente en dúas zonas galegas que flanquean esta área. Posto que no resto da península, agás en Asturias, non se coñece o toque pechado, e dado que sabemos que as novas modas circularon historicamente dentro da península ibérica de sur a norte, quizais o toque aberto propio de gaitas de fol como as xeremies ibicencas, o sac de gemecs catalán, a gaita de fol portuguesa ou a gaita de fuelle sanabresa, se teña estendido cara a Galicia dende estas zonas penetrando polo sur galego. Esta hipótese vén apoiada pola distribución do toque pechado en Galicia e zonas lindeiras, pois o tocar aberto esténdese dende Portugal, Seabra e Aliste cara ao norte como unha mancha que cobre parte da metade oriental de Galicia e que deixa fóra da súa influencia as zonas montañosas, que son sempre as máis conservadoras debido ao seu estado de illamento.

Dixitación aberta

Dixitación pechada da zona oriental.

Despois de moitos anos de traballo de campo, temos algo máis que unha impresión de que tanto o repertorio como o xeito de interpretar as melodías nesta zona central, son substancialmente diferentes dos doutras áreas, mais cumpriría apoiar estas afirmacións cunha análise detallada que queda pendente para outro traballo de maior extensión e detalle. Nesta zona aparecen tamén numerosos “cuartetos tradicionais”, dúas ou tres gaitas de fol, tambor e bombo, aínda que o gaiteiro solista segue a estar moi presente, ben baixo a forma do dúo coa caixa, o trío coa caixa e o bombo, ou ben o tradicional cuarteto con caixa, bombo e clarinete.

Non coñecemos ningún taller antigo de gaitas de fol de especial relevancia nesta ampla zona, pese a que si existiron numerosos talleres que manufacturaban instrumentos para pequenas zonas, que rara vez superaban a extensión dun concello.

Por último, debemos apuntar que desta zona central procede a única iconografía galega que coñecemos onde unha gaita de fol é acompañada dun óboe popular soprado directamente coa boca. Como xa vimos ao falar das chirimías e óboes, aparece esta nun fresco na igrexa de Proendos (Sober, Lugo) e está datada no século XVI.

Zona sur da provincia de Ourense.

O grupo “Airiños da Antela” (Xinzo de Limia, Ourense) co seu gaiteiro José Villarino tocando unha gaita de fol de tres bordóns acompañando aos xigantes de Quiroga. Obsérvense as anelas do roncón ao máis puro estilo escocés. Fotografía do arquivo de Conchita Rúa.

Sur da provincia de Ourense. Esta zona abranguería tipicamente as comarcas de A Limia, parte da Baixa Limia, e quizais Verín e parte da comarca de Viana (concellos de A Gudiña e A Mezquita). Como na anterior zona, non achamos ningunha gaita de fol antiga con máis dun bordón. Dos portadores consultados, unicamente Francisco Villarino, gaiteiro de Escornabois (Trasmiras, Ourense), emprega unha gaita de fol construída no taller de Antonio García (Castro de Vilariño, Sobrado dos Monxes, A Coruña) aproximadamente no ano 1930, na que o galleto característico desta zona melidense, foi ocupado por dous ronquillos 5 de palleta, un deles agora fornecido cun diminuto pallón 6. Ademais, esta estraña gaita de fol, composta polo propio gaiteiro, porta sobre o ombreiro tres bordóns que saen doutras tantas buxas, unidos por un cordón ao máis puro estilo escocés. Estes tres bordóns son: un roncón, unha ronquilla de dúas pezas afinada na tónica do punteiro e outra ronquilla, tamén de dúas pezas, aínda que algo máis longa e afinada na dominante dúas oitavas por abaixo. Cando interrogamos o Sr. Francisco sobre esta estraña gaita de fol con cinco bordóns, explicounos moi claramente que se trataba dun antollo seu, insistindo en que as gaitas antigas daquela zona tiñan unicamente un só roncón.

Tamén existiu en Xinzo de Limia un “cuarteto tradicional” 7, Airiños da Antela, en que os dous gaiteiros, Felisindo Sotelo e José Villarino, encargaron a un artesán da zona, en palabras textuais do Sr. Felisindo, “dúas gaitas como as escocesas”, é dicir, con tres bordóns sobre o ombreiro. Este mesmo home recoñeceu, coincidindo co Sr. Francisco Villarino, que esas gaitas non tiñan nada que ver coas “verdadeiras” gaitas de fol galegas, que soamente tiñan un roncón sobre o ombreiro.

O tocar característico da parte sur da provincia de Ourense é puramente aberto e nunca requinteado, máis con dúas peculiaridades exclusivas da zona: 1) os picados son acadados usando os tres dedos da man esquerda 8, e 2) estes picados, á parte de cumpriren a función de repetir as notas, son empregados como motivos constantes de ornamentación, producindo nas pezas un ambiente ornamental inconfundible.

Na zona sur de Ourense as gaitas de fol antigas amosan frecuentemente tons próximos ao Do. A máis antiga que tivemos a oportunidade de estudar, con máis de 125 anos de idade, emite a tónica en Do#. Máis cara ao sur, xa nos límites con Portugal e a provincia de Zamora, predominan de novo os punteiros afinados en Si natural. As follas das palletas características do sur da provincia de Ourense eran de forma algo triangular, moi semellantes a aquelas das comarcas de Arzúa e Terra de Melide e ás das zonas montañosas do oriente galego. Normalmente ían fornecidas cunha canga metálica.

Os punteiros máis agudos presentan ás veces paredes máis grosas e calibres internos menos cumpridos que os punteiros doutras zonas, malia que cara ao sur os calibres volven ser cumpridos e as paredes finas, con furados por veces extremadamente grandes. As gaitas antigas desta zona proviñan frecuentemente dos talleres do sur de Pontevedra. En concreto temos atopado un ronco do taller de Manuel Villanueva (Poio, Pontevedra) e varias gaitas completas do taller dos Represas (Xinzo, Ponteareas, Pontevedra). Tamén temos documentados varios talleres con certa influencia local; quizais un dos máis importantes fose o de José Vidueira Vaquero (Santigoso, A Mezquita, Ourense), continuado polo seu fillo José Antonio, do que temos atopado gaitas de fol en concellos veciños.

A agrupación instrumental máis característica desta zona foi, sen dúbida, o gaiteiro solista acompañado de caixa e bombo que, ás veces, ía fornecido cuns pratiños. Tamén os cuartetos con clarinete ou requinto foron frecuentes, e incluso aparecen algunhas murgas, caso da formada polo artesán frieirés do que vimos de falar, José Vidueira Vaquero. Temos constancia, así e todo, de moi poucas agrupacións tradicionais nas que dúas gaitas tocasen a dúo.

Zona oriental de Galicia.

Zonas montañosas do Oriente galego. Abrangue a zona do Eo-Navia, as comarcas da Fonsagrada, parte da Mariña Oriental (concellos de Riotorto, Meira, A Pontenova, Pol e Ribeira de Piquín), parte da Mariña Central (concellos de Mondoñedo e Lourenzá) e Os Ancares, Quiroga e Valdeorras, aínda que canto máis ao sur máis se esvaece a súa personalidade. Quizais sexa esta, xunto coa comarca do Baixo Miño, unha das zonas máis arcaizantes no relativo á gaita de fol. Nela nunca aparecen gaitas de fol antigas con máis dun bordón. Os torneados que presentan os roncos e punteiros son moitas veces dunha sinxeleza que denota a conservación de tipos moi antigos, que, por outra parte, aparecen soamente nas gaitas de fol máis antigas doutras zonas. É moi curioso observar como os sopretes, ao contrario que os punteiros e roncóns, manteñen un considerable barroquismo no seu torneado. Este mesmo fenómeno témolo observado en todas as gaitas de fol antigas que tivemos a oportunidade de estudar nesta e noutras áreas.

Os punteiros máis apreciados nesta zona son aqueles de tonalidades máis fondas 9 e polo tanto de lonxitudes considerables. As palletas con que ían equipados eran sempre relativamente pequenas, de follas triangulares e curtas, labradas das zonas máis moles da cana, montadas ás veces sobre cálamos de pluma de pita e unidas normalmente con cangas feitas de pequenos anacos de cana ou ben sen elas. A este respecto, comentan os vellos gaiteiros que a palleta que saía boa non precisaba de canga para tocar correctamente, esta aplicábase só cando as follas abrían máis da conta debido a unha má fabricación. Ao contrario que noutras áreas onde as follas das palletas se labran tendo unicamente presente o seu grosor, nesta zona é frecuente acharmos vellos gaiteiros que traballan as palletas observando a cana a contraluz ata que se acada unha transparencia uniforme.

Entre os gaiteiros destas montañas atopamos un virtuosismo que non ten parangón noutras zonas de Galicia. As dixitacións son normalmente pechadas (dixitación pechada) ou cunha forte tendencia ao pechado, sobre todo na consecución de determinados efectos propios e característicos da zona. O uso do requinteo ata o cuarto grao agudo é tamén moi característico, acadando os gaiteiros un especial virtuosismo nos fraseos requinteados.

Verbo dos xeitos de interpretación, debemos apuntar que a comarca da Fonsagrada é o único lugar de Galicia onde os gaiteiros consiguen acadar un verdadeiro picado coa gaita de fol. Este efecto non se consegue suprimindo a corrente de aire proveniente do fol mediante cortes provocados co brazo, como sucede noutras zonas de Galicia, senón cun xeito moi particular de dixitar que consiste en realizar os picados co polgar da man esquerda. Este estraño xeito de picar introduce, entre nota e nota, un perfecto silencio entanto que o roncón segue a soar acompañando a melodía. Os gaiteiros que practican este estilo introducen estes picados de xeito constante ao longo das melodías, o que non ocorre cos cortes de aire que se fan noutras zonas e que normalmente non serven máis que para marcar algún cambio de melodía ou para resaltar algunha parte da mesma. Varios son os vellos gaiteiros desta zona que conseguen acadar este apreciado, por dificultoso e espectacular, efecto. O seu mellor representante é o Sr. José Marentes (Santa Xuía, A Fonsagrada), quen aprendeu este particular estilo imitando un vello gaiteiro da parte eonaviega de Asturias chamado Andeu.

Nesta parte oriental de Galicia o conxunto instrumental típico segue a ser aquel que dominou o noso folclore en séculos pasados: gaita de fol acompañada de tambor ou caixa 10, aínda que non foi estraña a presenza de cuartetos con clarinetes e mesmo algunha pequena murga.

Existiron na zona oriental varios talleres de grande importancia, algúns deles xa fóra da Galicia administrativa como o de Grandas de Salime ou o de Domingo Álvarez Rodríguez (1865-1968), O Galfarro, da Pumareda (A Veiga), que tantas gaitas de fol produciron para a parte norte desta zona que nos ocupa. Isto non debe resultar estraño, posto que as características culturais propias desta área esténdense máis alá das fronteiras administrativas galegas para abranguer gran parte das zonas occidentais de Asturias e León. A interinfluencia déixase notar tanto na dixitación 11 coma nos recursos estilísticos, repertorio, feitura das gaitas de fol etc. De feito, non só organoloxicamente falando é imposible distinguir a parte nororiental de Galicia da zona occidental de Asturias, senón que outras facetas do folclore son tamén absolutamente indiferenciables, por canto podemos incluír nesta área a zona occidental de Asturias ata polo menos o río Navia 12.

Gaita de fuelle asturiana fabricada por Vicente Prado "El Pravianu" (Lugones, Asturies). Colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier

Outros talleres de marcada importancia foron os de José María Cortón López (Santalla, Riotorto, Lugo) e José da Casa de Val (San Martiño, A Pastoriza, Lugo) que produciron moitas gaitas de fol para toda a zona de Mondoñedo. Unha característica morfolóxica diferencial destas gaitas mariñás respecto das da parte máis oriental desta área que estamos a tratar, é a súa ornamentación e torneado, únicos en Galicia. Os artesáns labraban nas pezas do ronco, e na parte inferior dos punteiros, uns debuxos incisos que logo coloreaban de vermello empregando lacre. Tamén os torneados son moi característicos pola esaxeración dos calibres, moi finos nuns lugares e moi grosos noutros, aínda que sempre mantendo o tipo antigo (torneados sinxelos) tan característico das gaitas de fol destas zonas montañosas.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs as gaitas de fol son consideradas simplemente como óboes, engadindo un sufixo para indicar a presenza de fol. Polas razóns que xa expuxemos no seu lugar, consideramos que estes instrumentos deben ser clasificadas como un grupo con entidade propia, de aí que propoñamos o novo grupo 422.4 para acubillalas. Dentro del, as gaitas de fol galegas “sinxelas” pertencerían ao grupo 422.412.312: gaitas de fol con cantores tipo óboe, cun só tubo cantor, fornecidas cun único bordón de lingüeta sinxela e sen furados tonais nel.

Ver notas
  1. [1] Isto parece abundar na masculinidade que aínda ata hai ben pouco amosaba a gaita de fol, pois pon en pé de igualdade o absurdo de que un animal e unha muller toquen o instrumento.
  2. [2] Baixorrelevo conservado hoxe no museo Arqueolóxico da Coruña.
  3. [3] Se no tocar aberto os dedos levántanse sucesivamente para dar as diferentes notas do punteiro, no tocar pechado, os da man inferior vólvense a pousar cando quedan libres do seu cometido.
  4. [4] Requintear ou requintar significa empregar nas melodías graos da escala que están por riba da oitava da tónica do punteiro. En Galicia este efecto obtense destapando o furado posterior do punteiro, aquel que corresponde ao polgar da man esquerda, e incrementando a presión do fol. Máis aló do Navia este efecto acádase soamente incrementando a presión do fol.
  5. [5] Pequeno bordón de palleta afinado na dominante do punteiro.
  6. [6] Os ronquillos, nas zonas onde existen, van sempre fornecidos cunha pequena palleta. Os ronquillos de pallón non existen na tradición galega. En Galicia unicamente coñecemos dous casos nos que a palleta foi substituída por un pallón, un é o do Sr. Francisco Villarino, gaiteiro de Escornabois (Trasmiras, Ourense); o outro é o do Sr. José Felpete, gaiteiro de Lampai (Teo, A Coruña), ambos substituíron a palleta dos seus ronquillos por pequenos pallóns para conseguir un son menos agresivo, pero recoñeceron taxativamente que o propiamente tradicional era a presenza dunha palleta.
  7. [7] Denominaremos, a partir de agora, cuarteto tradicional a aquelas formacións que xorden en Galicia a principios do século XX compostas por dúas gaitas de fol tocando a voces, acompañadas de caixa ou tambor e bombo.
  8. [8] No resto de Galicia os picados acádanse normalmente empregando un só dedo, malia que por toda a nosa xeografía achamos gaiteiros que empregan os picados con varios dedos á vez para acadar efectos diferentes ao picado normal.
  9. [9] Non faltan, en zona tan rica en gaiteiros e gaitas de fol antigas, punteiros nas máis diversas tonalidades. Aquí atopamos os dous únicos punteiros antigos cun ton máis grave que Si natural. Ambos estaban afinados nunha tonalidade próxima ao La e a súa antigüidade foinos imposible de precisar, mais debía ser elevada a xulgar pola ennegrecida cor dos seus buxos. Tamén achamos numerosos punteiros en tons que se achegan ou mesmo exceden o Re. É polo tanto, unha zona especialmente rica dende o punto de vista da diversidade tonal.
  10. [10] En Galicia, como xa dixemos, a caixa metálica (incluso de fabricación artesanal) desprazou case totalmente o tambor a principios do século XX. Este estado mantívose naquelas áreas máis afastadas mesmo ata hoxe, mentres que noutras o tambor volveu ser reintroducido, a partir dos anos trinta, mercé aos “cuartetos tradicionais” imitadores dos gaiteiros de Soutelo de Montes (malia que a caixa nunca foi desprazada polo tambor entre os gaiteiros tradicionais). Pois ben, as montañas dos Ancares son o único lugar de Galicia onde o tambor sobreviviu ao embate da caixa e persistíu inalterado ata os nosos días, asociado indisolublemente co gaiteiro.
  11. [11] Non en tanto poderíase establecer unha fronteira clara entre a gaita de fol asturiana, que emprega para obter o requinteo unicamente a sobrepresión do fol, e a galega, que para conseguilo destapa o furado posterior do punteiro. Esta fronteira áchase aproximadamente no río Navia.
  12. [12] Ata o río Navia en Asturias chega tamén o límite do galego oriental.
Patrocinadores e colaboradores