Gaita (Vilariño de Conso)

Deseño dunha figuriña de bronce que representa un tocador de óboe duplo achada en Százhalombatta (Hungría, s. VI a.C.).

Na comarca de Terra de Trives aparece unha curiosa variante das gaitas de castiñeiro. Aquí, este instrumento consta dun tubo cantor, fabricado exactamente como viñemos de describir, e doutro longo tubo que emite unha nota pedal facendo as veces de roncón. Este bordón fabricábase a partir dunha póla de aproximadamente 1.5 cm de grosor e 60-70 cm de lonxitude, na que se insería tamén unha lingüeta dupla obtida do mesmo xeito que arriba mencionamos. O tocador introducía ambos os tubos na boca facéndoos soar ao mesmo tempo. Deste xeito, mentres o cantor producía a melodía, o bordón, que é afinado recortando máis ou menos a súa lonxitude, emitía unha nota pedal que coincidía coa tónica do cantor pero moito máis grave. Trátase pois dun auténtico óboe duplo cilíndrico semellante aos aulòs gregos ou as tibias romanas e, despois de ter consultado multitude de tratados sobre instrumentos tradicionais de todo o mundo, podemos afirmar que, ata onde chegan os nosos coñecementos, este é o único óboe duplo cilíndrico soprado directamente coa boca que sobrevive na terra.

As gaitas de castiñeiro, ou instrumentos moi semellantes, poderían ter chegado a Galicia hai miles de anos, quizais xa cos seus primeiros poboadores, pero isto fica no terreo das hipóteses. O que si sabemos seguro é que hai 2000 anos, na península ibérica e en Galicia xa se tocaban instrumentos moi semellantes a esta gaita. As representacións dos coñecidos vasos de San Miguel de Liria (Valencia), encadradas dentro da cultura oretana e datadas no século II a.C., amosan tocadoras de óboes duplos. Tamén unha terracota achada na serra de Alcoy (Valencia) e moitas outras iconografías indican claramente o uso destes instrumentos na Hispania de entre eras.

Estas representacións iconográficas veñen a confirmarse definitivamente polas verbas de Estrabón, quen ao escribir sobre os costumes dos habitantes do norte da península ibérica na súa Xeografía (c. 29 a.C.-7 d.C.) comenta:

«… Comen sentados sobre bancos feitos arredor das paredes, aliñándose neles segundo ás súas idades e dignidades; os alimentos fanse circular de man en man; mentres beben, danzan os homes ao son do aulòs e do cornus, saltando en alto e caendo axeonllados. En Bastetania as mulleres bailan tamén mesturadas cos homes, unidos uns e outros polas mans. Os homes van vestidos de negro, levando a maioría o “sagos” co que dormen nos seus leitos de palla. Empregan vasos labrados en madeira como os Keltoí. As mulleres levan vestidos con adornos florais… Así viven estes montañeses, que, como dixen, son os que habitan no lado setentrional de Iberia, é dicir, os Kallaikoí, Ástoures e Kantabroi, ata os Ouáskones e o Pyréne, todos teñen o mesmo xeito de vivir» [Estrabón, Xeografía, III, 3, 7]

A denominación aulòs que emprega Estrabón, tantas veces erroneamente traducida como frauta, non é senón o nome que entre os gregos recibían os óboes duplos soprados coa boca e que foron de uso moi frecuente entre babilonios, exipcios, fenicios, gregos e romanos así como entre outros pobos europeos non mediterráneos.

Na nosa modesta opinión consideramos que esta gaita de castiñeiro dupla documentada en Vilariño de Conso representa a herdanza dos óboes duplos que Estrabón coloca en mans de músicos galegos hai dous mil anos. Se estes óboes duplos non chegaron cos primeiros poboadores de Galicia ou a través do continente, pois sábese que na cultura de La Tène tamén se empregaban, tiveron outra oportunidade máis a través das influencias mediterráneas que se documentan en Galicia a partir do século VIII a.C. Esta hipótese xa foi apuntada polo profesor García Matos, que pensaba que o reclam de xeremies, un clarinete duplo fabricado de cana que aínda sobrevive na illa de Ibiza, ben podía ser unha achega da cultura fenicia 1.

No tocar das pipas ou gaitas de castiñeiro, con ou sen bordón, non achamos ata a data ningún vestixio de respiración circular, unha técnica que tan característica foi dos aulòs e as tibias mediterráneas. Isto podería indicar ben un esquecemento da técnica, ben unha diverxencia temperá respecto a outros instrumentos desta mesma familia, á que pertencen varios óboes sinxelos tradicionais norteafricanos e asiáticos que aínda son tocados con este sistema de respiración. Pero este simple dato podería tamén indicar un uso moi antigo destes instrumentos en Galicia, anterior ao desenvolvemento da respiración circular e polo tanto á chegada das influencias mediterráneas.

Sexa como for, esta gaita de castiñeiro dupla, documentada a través de varios veciños en Vilariño de Conso, representa unha herdanza instrumental de importantísimo valor e confirma unha vez máis a relevancia que o coñecemento do noso patrimonio cultural de transmisión oral actual ten para a interpretación das fontes históricas.

Os portadores de Vilariño de Conso consultados informáronnos de que esta gaita era máis ben un xoguete de nenos e rapaces, e que se empregaba no camiño de aprendizaxe cara á gaita de fol. De feito o noso principal informador sobre o instrumento, Indalecio Rodríguez Ares (nado no 1930) é gaiteiro. Non puidemos precisar ben a súa consideración, que imos deixar, como no caso das pipas de castiñeiro, como instrumento musical ou xoguete dependendo de marcadores ocultos como quen, como, cando e onde se tocaba.

Dentro da clasificación de Hornbostel e Sachs esta gaita pertencería ao grupo 422.121 dos óboes de tubo cilíndrico en xogos.

Ver notas
  1. [1] García Matos, M.. Las xeremies de la isla de Ibiza. Anuario Musical, 1954, pp. 162-178.
Patrocinadores e colaboradores