Gaitas de cana ou sabugueiro (de lingüeta dupla)

Imos falar agora, e no epígrafe seguinte, duns instrumentos musicais da familia das tibias romanas e aulòs gregos: os óboes de luz cilíndrica fabricados en madeira, un tipo de óboe do que só fican moi poucos exemplos no mundo, caso do mey turco, o bağlama armenio, o balaban iraniano ou o hichiriki xaponés. En varios lugares de Galicia, nomeadamente na comarca de Ordes, onde achamos moitas referencias, temos novas de óboes de luz cilíndrica fabricados polos propios tocadores tallando cunha navalla unha póla de bieiteiro ou sabugueiro (Sambucus nigra). A forma exterior era polo visto semellante á dun punteiro dunha gaita de fol, isto é, cunha mesa e un fuste cónico rematado nun lixeiro pavillón. Levaban oito furados para os dedos, dispostos como nos punteiros das gaitas de fol, é dicir, o superior perforado na parte posterior do fuste para ser tapado co polgar da man esquerda. Estes óboes tamén se podían fabricar empregando un tubo de cana e perforando nel este mesmo número de furados. Sexa cal for o material con que se fabricaban, denominábanse gaitas e ían equipados cunha palleta feita de cana, malia que no concello de Toques (A Coruña) temos tamén referencias a palletas feitas esmagando un tubiño de codia de salgueiro como se fai na zona oriental para fornecer ás pipas de castiñeiro e tobas.

Estas gaitas sopradas directamente coa boca facíanas os rapaces para ir aprendendo cando estaban interesados en chegar a tocar a gaita de fol. Tiñan carácter masculino e a súa consideración oscila entre o xoguete e o instrumento musical, dependendo dos xa citados marcadores ocultos que afectan á nosa compresión dos instrumentos musicais. Son óboes heteroglotos, individuais, de tubo cilíndrico e con furados tonais, e por tanto pertencen ao grupo 422.111.2 da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Patrocinadores e colaboradores