Gaitas (de lingüeta dupla)

Na comarca do Baixo Miño, na aldea de Estás (Tomiño, Pontevedra) Manuel Pousa, gaiteiro de barquín, contounos que cando era neno existían uns óboes, que denominou gaitas, que se podían facer a navalla de xeito artesanal ou ben no torno en madeira de buxo. O fuste do instrumento era cilíndrico por fóra e por dentro, e levaba seis furados para os dedos que crecían en diámetro cara á parte distal do instrumento. Estas gaitas ían equipadas cunha palleta de cana como as que vimos de describir, iguais ás das gaitas de fol, e para evitar que se mollase ao tocar, adoitaba ir cuberta por un carapuchón de madeira. Na parte distal estas gaitas levaban un resoador feito de corno, resultando así nun instrumento que se asemellaba algo a unha rosca, pero de lingüeta dupla e sen a ornamentación en aneis.

Curiosamente, na Beira Baixa así como en Covilhã, Portugal, aparece documentado un instrumento de pastores moi semellante a esta gaita do Baixo Miño, a denominada palheta 1, un pequeno óboe duns 20 cm de longo, de luz cónica e cinco ou seis furados dixitais que presenta ás veces o fuste cunha ornamentación en aneis moi semellante á da rosca do Baixo Miño, caso do exemplar recollido polo Michel Giacometti conservado hoxe no Museu da Música Portuguesa, en Cascais 2. A -palheta remata tamén nun pavillón, pero esta vez traballado na mesma madeira.

A presenza dun carapucho ou cápsula cubrindo a palleta nestas gaitas do Baixo Miño é un detalle que nos fai lembrar un instrumento denominado orlo ou cromorno, un óboe de sección cilíndrica, co fuste recurvado cara adiante en forma de caxato, que acadou certa sona na música culta europea do século XVI e parte do XVII.
De todos os óboes que coñecemos, só nestas gaitas do Baixo Miño e nos cromornos aparece unha cápsula cubrindo a palleta, polo que quizais teñan algunha clase de parentesco que non podemos, polo de agora, asegurar.

Segundo nos comentou Manuel Pousa, estas gaitas empregábanas os rapaces para aprender a tocar, é dicir, para iren practicando de cara á gaita de fol. Este portador considerábaas como instrumentos musicais e dicía que se podía facer “moita música” con elas. Seica as mulleres nunca empregaban estes instrumentos.

Son óboes heteroglotos, individuais, de tubo cilíndrico e con furados tonais, polo tanto pertencen ao grupo 422.111.2 da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundação Calouste Gulbenkian/Museu Nacional de Etnologia. Lisboa, 3ª Ed. 2000, p. 73 e 248.
  2. [2] AA.VV. Michel Giacometti, caminho para um museu. Ed. Museu da Música Portuguesa. Cascais, 2004, p. 195.
Patrocinadores e colaboradores