Pallón, palletón, palleta

Pallón fabricado por Manuel Lago Sánchez (Carelle, Sobrado dos Monxes, A Coruña) fendendo a cana desde o nó. Da colección do autor. Fotografía Alba Vázquez Carpentier.

Trátase da forma máis sinxela de clarinete que se coñece e seguramente tamén da máis antiga. Fabricábana os nenos como xoguete empregando un tubo, que pode ser de cana ou de palla 1, ao que se lle deixaba un nó nun lado e ficaba aberto polo outro. Preto do nó, a uns 3-4 cm, empregando unha navalla ben afiadiña, labrábase unha lingüeta. Para iso, introdúcese a navalla un pouco na cana ou na palla, de xeito perpendicular ao tubo, despois xírase a navalla sobre o mango para que estale a cana ou a palla, e, na fenda que se produce, vaise introducindo a navalla cara ao nó de xeito que se vai levantando unha lingüetiña duns 2 cm de longo aproximadamente. Tamén se pode labrar a lingüeta dende o nó cara á parte do tubo que permanece aberta. No caso de facerse o pallón de palla, o instrumento xa soa sen máis traballo que introducir a lingüeta na boca e soprar. Empregando cana, a lingüeta será seguramente demasiado grosa para funcionar, de xeito que haberá que desbastala, adelgazándoa ata que soe adecuadamente.

Os pallóns ou palletóns son xoguetes de nenos e nenas, pero ademais, son o sistema de produción do son dos roncóns (bordóns) das gaitas de fol, tanto das galegas como das de outras moitas partes do mundo. Desto deixan constancia varios dicionarios galegos ao dar a definición da voz pallón:

Ibáñez (1956): s. m. Canuto que produce el sonido en el roncón de la gaita.

Franco Grande 2ª ed. (1972): s. m.  Tubo formado de un cañuto que tiene el ronco y ronquillo [sic] de la gaita gallega.

Carré (1972): s. m.   Canuto que en el roncón de la gaita produce el sonido.

Elixio (1978-2001): m. Tallo del maíz y plantas parecidas (Fondo de Vila). Dicc.: pallón, lengüeta del roncón de la gaita.

O pallón forma tamén parte do sistema de produción do son dos punteiros, é dicir dos tubos que fan a melodía, en moitos tipos de gaitas de fol galegas como as gaitas de cana, a rosca do Baixo Miño ou das pipas do Bierzo, ou de tantas outras gaitas de fol de lingüeta sinxela do leste europeo e o norte de África.

As denominacións de pallón, palletón e palleta derivan claramente de palla, material co que se poden construír estes sinxelos instrumentos musicais; con todo, debemos aclarar que o apelativo palleta aplícase en Galicia con moita máis frecuencia ás lingüetas duplas que se empregan nos punteiros das gaitas de fol, de xeito que será para elas para quen reservemos esta denominación.

Na lírica galega só puidemos achar unha mención ao pallón nunha copla de Xoán Manuel Pintos Villar na súa obra A Gaita Gallega tocada polo Gaiteiro de 1853 2, malia que aquí significa só un tubiño polo que se sopra, probablemente feito de cana:

Uns globos de vento cheos

Feitos de agua de xabron

Asoprando,

Que lle sirven de enredos

A nenos que de un pallon

[AGG, 42]

Van soltando

Se o tubo no que se labra o pallón é suficientemente longo, poderemos facer nel uns furadiños e obter diferentes notas musicais. Xorden así outros instrumentos musicais denominados pipas de alcacén e gaitas de cana das que agora nos ocuparemos.

Ver notas
  1. [1] En Carcacía (Padrón, A Coruña) temos documentado este mesmo instrumento pero fabricado co tubo que resulta do pé dunha folla de cabaceiro. Este instrumento admite con dificultade furados dixitais, ao contrario que os fabricados con cana ou palla. Ver fotografía.
  2. [2] Pintos Villar, X. M. A Gaita Gallega tocada polo gaiteiro. Imprenta de don José y don Primitivo Vilas. Pontevedra 1853. Reed. facsimil por: La Voz de Galicia. A Coruña, 1981, p. 42.
Patrocinadores e colaboradores