Pipas de palla

Son sen dúbida os óboes máis antigos. Fabricáronos multitude de nenos para xogar e están documentados por toda Galicia. Constrúense facilmente cunha palla verde de alcacén, trigo ou calquera outra gramínea á que se lle eliminan os dous nós. Fica así construído o tubo deste antigo instrumento. Agora só hai que esmagar contra a fronte unha das puntas e quizais mastigalas un pouquiño cos dentes para abrandalas e xa está, soprando por ese extremo conséguese que esta sinxela gaita soe. Chámanse pipas ou gaitas, denominacións polisémicas que, como puidemos ir vendo, en Galicia veñen a significar algo así como “tubo alongado que soa” e que polo tanto precisan normalmente dun adxectivo que as clarifique.

Os nenos que se interesaban pola música ían engadindo pouco a pouco furados para os dedos nestas pipas. É doado facelos: basta con dar dous cortes de navalla perpendiculares á palla pero en sentido contrario. Os rapaces comezaban sempre, curiosamente, con tres furados. Despois ían engadindo máis para poder tocar melodías máis complicadas, sendo seis o número final máis frecuente. Despois, se seguían interesados na música pasaban a construír outros instrumentos.

No noso sistema de cultura tradicional estes sinxelos óboes non son considerados como instrumentos musicais, senón como xoguetes de nenos. É moi significativo que as nenas xogasen tamén con estas pipas, pero nunca lles poñían furados para facer melodía; iso era cousa dos nenos, como o resto de instrumentos melódicos.

As pipas de palla son óboes idioglotos e, por tanto, na clasificación de Hornbostel e Sachs, pertencen ao grupo 422.111.1 dos óboes individuais, de luz cilíndrica e sen furados tonais, ou ao 422.111.2 cando levan estes furados.

Patrocinadores e colaboradores