Pito de cabreiro

Trátase dunha frauta de bisel fabricada co corno dunha cabra. Evidentemente foi un instrumento empregado unicamente polos pastores deste tipo de gando. A súa construción é idéntica a dun pito de cana ou sabugueiro. Cando se dispoñía dun corno, enterrábase durante uns días ou ben se fervía en auga un bo anaco para amolecer o óso que levan dentro; con calquera destas dúas operacións conseguíase despois sacarlle o óso simplemente tirando del. Unha vez baleiro por dentro, íaselle cortando a punta ata que aparecía a luz; a uns dous centímetros deste punto labrábase un bisel en media lúa como xa explicamos máis arriba. Estes cornos teñen dúas caras amplas, unha é lixeiramente curva e a outra case plana, o bisel vai labrado no lado convexo do corno, non nestas caras. Unha vez feito o bisel e usando cera de abella derretida, confeccionábase o aeroduto e íase labrando cun ferriño quente ata que ofrecía o son desexado. Na cara ampla do corno que é lixeiramente curva perforábanse entón tres furados duns 5 mm de diámetro, separados uns 22-25 mm. Así podíanse obter varias notas empregando dixitacións cruzadas, pero como ademais existe a posibilidade de tapar coa man, parcial ou totalmente, o extremo aberto do corno (o oposto ao que se mete na boca), estas posibilidades increméntanse de xeito moi notable, sendo posible acadar unha extensión de máis dunha oitava.

Externamente estes pitos cabreiros puíanse coa navalla para deixalos lisos e lustrosos. Na parte aberta, por onde non se sopra e que se pode tapar coa man, labrábase todo arredor uns dentiños pequenos que constituían a principal ornamentación destes instrumentos.

Os pitos cabreiros foron instrumentos fundamentalmente masculinos que os pastores, homes ou mozos, confeccionaban para pasar o tempo no monte facendo música ao mesmo tempo que coidaban do gando. En Galicia só os puidemos documentar nas montañas da Fonsagrada, onde eran considerados polos seus tocadores como verdadeiros instrumentos musicais, tidos en gran estima cando o seu son era bo e estaban ben afinados. Un famoso gravado obra de Federico Guisasola (finado en 1882) amosa un pastor da Fonsagrada que toca, probablemente, este instrumento.

Os pitos cabreiros aparecen tamén documentados nas montañas occidentais eonaviegas (Asturias) por Eugenio M. Zamora 1 coincidindo en todo co aquí descrito, sobre todo coa invariable presenza de tres furados dixitais, pero coñecidos tamén coas denominacións de xipra, chifla, caramela, carambela ou corneta. Durante o noso traballo de campo achamos que as denominacións de caramela e corneta fan referencia a instrumentos construídos tamén con cornos de cabra, pero moi diferentes a estes pitos como pronto veremos.

Ver notas
  1. [1] Zamora, E. M. Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana. Oviedo, 1989. p. 105.
Patrocinadores e colaboradores