Pito de codia

Coa chegada da primavera e a subida do zume é posible desprender con facilidade a codia das pólas de diversas árbores como o salgueiro (Salix spp.) ou o castiñeiro (Castanea sativa) se estas non teñen nós, gromos ou outras poliñas que saian delas. Deste xeito, cortando unha poliña, e mazando a codia co mango dunha navalla, pasándoo arriba e abaixo por ela, é posible desprendela da madeira interior e obter así un tubo co que se fabricaron moitos instrumentos musicais en Galicia, entre eles os pitos, xipros, pipas de castiñeiro e tobas.

O pito fabricábase normalmente coa codia dunha poliña de salgueiro dun centímetro de grosor e uns 5-7 cm de longo, a que se lle extraía a codia polo procedemento xa indicado. A madeira que sae de dentro rebáixase coa navalla, pero deixábase o fondo intacto para que taponase a parte inferior do instrumento. Na parte superior rebáixase só un pouquiño para facer o aeroduto que permitise ao aire soprado pasar por entre a codia e a madeira e irse espetar contra o bisel. Este bisel facíase dando un par de cortiños transversais na codia. Os pitos producían un só son, pero tamén se podían obter varios se, collendo unha póla algo máis longa, se practicaban varios furados para os dedos.

Eran xoguetes de nenas e nenos; instrumentos perecedoiros, pois só emiten son ata que a codia comeza a secarse e polo tanto a deformarse, é dicir, unhas poucas horas.

Patrocinadores e colaboradores