Pito


Trátase de frautas de bisel, rectas, feitas normalmente cun tubo de bieiteiro (Sambucus nigra), cana (Arundo donax) libre de nós, ou mesmo torneados en buxo, duns 20-22 cm e uns 2 cm de groso. Fabricábanas normalmente os pastores, mozos ou adultos, para entreterse mentres coidaban o gando e, malia recibir normalmente o nome de pitos, tamén se denominaron frautas. Os freixolés1 pertencen a esta mesma clase de instrumentos musicais.

Para construír este tipo de pito nun anaco de cana débese labrar un bisel a uns 3 cm da parte superior do tubo, a que se meterá na boca para soprar. Para isto, axudándose cunha navalla faise un corte perpendicular ao tubo, cunha inclinación duns 30º o que resulta nun bisel en forma de media lúa. Despois lábrase un anaco de madeira de xeito que caiba na parte interior superior da frauta e chegue xusto ata onde empeza o furado do bisel. Este taco de madeira ten forma cilíndrica pero vaise labrando nel unha cara plana de xeito que deixe un furado para conducir o aire cara ao bisel. Pouco a pouco vaise probando a labrar máis e máis ata que o pito emita o son desexado. Este taco de madeira pódese substituír por un tapón de cera de abella. Para isto derrétese a cera e, poñendo o pito vertical sobre unha superficie plana, vértese a cera dentro polo furado do bisel; unha vez arrefecida e solidificada a cera, lábrase o aeroduto cun ferriño quente ata obter o son desexado. Así que o pito soa, practícanse nel seis furados duns 5 mm de diámetro separados a unha distancia que sexa cómoda para os dedos (uns 20-25 mm).

Este tipo de frautas rectas ou frautas doces pertenceron ao pobo ata a Idade Media cando se introduciron na música culta. Recibiron por esta razón os nomes de fistula vulgaris e tibia ruralis e as referencias sitúanas maiormente en mans de pastores, tal e como sucedeu en Galicia ata hai ben pouco. Frei Martín Sarmiento describe un tipo de frauta ou frauteira feita de cloteria baixo a denominación de chouteiras 2, sen que puidésemos acertar a saber a que se refire con cloteria. Noutro lugar da súa colección lexicográfica engade: “[...] el castellano tomó de flo la voz flato y flauta, y el gallego de flauta dice flauta y flauteira que no creo se usa sino que se usó. Es la razón por que mudando la FL o FR en CH y el AU en OU formó la voz chouteira que significa la copla y tono que se canta a la flauta o silbato en las romerías o en los molinos”. Os dicionarios de galego posteriorescopian a definición de frauteira de Sarmiento: “copla ou tono que se canta ao son da frauta”. Frauteiro aparece en Valladares (1884) como aquel que fai as frautas, manténdose nos dicionarios posteriores con esta acepción. En ningún dicionario consta que se denominase así ao que tocaba a frauta, que en todos os dicionarios se denomina frautista, palabra que non puidemos recoller dos portadores consultados. Tamboriteiro (-leiro) parece que designou en tempos ao tocador de frauta e tambor.

En Galicia os pitos foron fundamentalmente instrumentos de pastores, malia que tamén os nenos os empregaron como xoguetes ou para iniciarse no camiño da música. A partir de mediados do século XX diversos artesáns galegos comezaron a fabricar pitos de buxo e outras madeiras nobres a semellanza dos empregados polos pastores. Achamos que foi Basilio Carril o primeiro que comezou con esta práctica, pero temos novas que indican que na casa de música Canuto Berea da Coruña xa se vendían con anterioridade este tipo de pitos sen que poidamos precisar a súa orixe. Estes artesáns galegos, entre os que tamén se conta Antón Corral, aumentaron o número de furados destes pitos ata oito, un para o polgar da man esquerda e outro para o meniño da dereita, converténdoos así nun modelo de frauta de pico semellante ao sopranino barroco. Estes instrumentos nunca foron empregados polo pobo, aínda que foron usados ás veces por grupos folclóricos e folk.

De facer caso das apreciacións de Frei Martín Sarmiento, que fala desde o século XVIII, podemos supoñer que estes pitos foron outrora empregados para facer música nas ruadas, seráns e incluso nas romarías; porén, ao longo do século XX xa non puidemos documentar este uso.

Como ocorre coa maior parte dos aerófonos melódicos, estes pitos amosan un carácter exclusivamente masculino dentro do noso sistema de cultura tradicional, e son considerados máis ben como xoguetes ou pasatempos.

Ver notas
  1. [1] Freixolé é unha palabra que deriva seguramente do francés flageol que xa aparece documentado a partir do século XIII facendo referencia a diversos instrumentos aerófonos principalmente do ciclo pastoril. A partir do século XVII flageolet adquire un significado especial para referirse a un tipo particular de frauta de pico, que se diferenciaba das normais polo seu pequeno tamaño, a disposición dos furados tonais (con dous furados para os polgares) e pola presenza dunha especie de capuchón para conducir o aire cara ao bisel. Co tempo evolucionou cara a instrumentos máis complexos, por veces con dous tubos melódicos e fornecidos con varias chaves que xa non tiveron ningún uso na nosa tradición. [Ver entrada flageolet en: Sadie, S. e J. Tyrrell (ed.): The New Grove Dictionary of Music & Musicians, Londres: McMillan, 2005.]  X. L. Méndez Ferrín e Antón Santamarina informáronnos que o freixolé se empregou na cidade de Lugo polos rapaces dos anos 1960.
  2. [2] Sarmiento, M. Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega. Edición y estudio por J. L. Pensado. Universidad de Salamanca, 1973, p. 334.
Patrocinadores e colaboradores