Guitarra, viola

Segundo chegou ata nós, a guitarra e un instrumento de seis cordas simples, de caixa bastante entallada, con fondo e tampa harmónica planas, e brazo relativamente longo con trastes metálicos. Tócase rañando ou punteando as cordas cos dedos e o seu uso na tradición foi bastante limitado polo menos desde finais do século XIX. Usárona algúns invidentes, ficticios ou reais, para acompañar os seus cantos, aínda que foron moito máis abundantes os que se valeron da zanfona, o violín ou mesmo do acordeón. Nunha fermosa e curiosa cantiga enumerativa do Cancionero Gallego de Torner e Bal y Gay (citada ao completo na p. 354) refírese esta copla na que a guitarra aparece en mans de cegos fornecida con cordas de tripa1:

os pes déixoos os coxos

para que anden sus jornadas,

i as tripas déixoas ôs cegos,

pra que toquen sus guitarras.

[CG, II, 149]

Nestoutra copla tradicional a guitarra aparece con cordas de metal:

Esta guitarra é de pino,

as cordas son de metal,

e o muchacho que a toca

De Ares é natural

[CPG, II, 44]

Álvarez Blázquez escrebe no seu libro Cantares de Cego 2: “Algunha vez o propio cego que tanxe é tamén fistor, querse dicir, creador das súas coplas. Inda non hai moitos anos coñecimos a un destes, veciño de Verán, no Ribeiro, que non había boda nen bautizo aos que non acodise coa súa guitarra, cantando coplas alusivas ao caso. Iste tipo de músico-poeta ven representar, pois, a continuidade do xograr-trovador medieval que a ninguén pedía emprestados os seus versos”. Pola súa parte Carlos Rei, falando da guitarra, fai referencia ás palabras de Puga y Parga que contra 1910 escribía: “Ahí teneis, si no, el famoso sastre de Barcia, cuyo nombre no ignorareis los que sois gallegos, y cuyas proezas cantaron y cantan los romanceros de feria, acompañados por guitarras resquebrajadas o por violines que no son precisamente Stradivarius”. Tamén comenta Carlos Rei que, como instrumento popular, a guitarra estivo presente en moitas barberías de vilas e aldeas á libre disposición da clientela, polo menos durante os séculos XIX e principios do XX 3. Verbo deste costume lembramos agora estas palabras de Adolfo Salazar: “…la guitarra amenizaba la mejor sociedad tanto en el siglo XVI como en el XVII4, e falando das mudanzas na música sucedidos a finais do século XVII refírese a “…la vieja guitarra de catro cuerdas, que con tanto primor y denuedo tañían preferentemente los barberos y los farsantes [...]” 5. Esta copla escrita por Xoán Manuel Pintos en 1853 parece dar a entender que tocar a guitarra foi cousa tan frecuente como tocar o pandeiro:

Es que no comprendo

Como el que no sabe

Tocar el pandero

O bien la guitarra u otro instrumento

En un brinco á votos

Podrá ser maestro

[AGG, 127-128]

Xa comentamos que os cegos cantores foron, segundo Menéndez Pidal, os restos que ata nós chegaron da tradición xograresca medieval, na que se empregaban numerosos e diferentes instrumentos de corda. Deles, exceptuando o rabel e a zanfona, ningún chegou como tal ata nós, pois entre os séculos XIV e XVI o panorama músico-instrumental sufriu modificacións considerables no que aos cordófonos se refire. Segundo Ernesto Veiga de Oliveira, os vellos instrumentos evolucionaron, perdéndose o rastro de algúns ou polo menos trocando o seu nome. O laúde, de orixe árabe, conserva a súa individualidade e o seu nome antigo, pero cedras e cítolas, guitarras mouriscas e latinas fican atrás, xorden formas máis elaboradas, que levan os nomes de cistos, mandolas e guitarras, e emerxe o grande instrumento hispánico do século: a viola. Nun nivel superior ao da guitarra, ambas as dúas derivan posiblemente da antiga guitarra latina dos trobeiros, da que guitarras e violas lle herdan a estrutura morfolóxica esencial e tamén o contexto e sentido ético-musical 6. O Padre Juan Bermudo, na súa Declaración de Instrumentos Musicales (1555) ignora xa enteiramente todas as categorías anteriores e menciona apenas a guitarra e a vihuela, sen máis distintivos, ambas as dúas coa forma xeral da guitarra latina das Cantigas de Santa María, instrumento con caixa de entalle pouco pronunciado, fondo chato e paralelo á tampa de harmonía. As guitarras portaban catro ordes de cordas, seguramente metálicas, a primeira simple e as demais duplas, brazo de lonxitude mediana e dez trastes feitos de corda de tripa enrolada nel.

Pese a que existiron guitarras de diferentes tamaños, falando en xeral eran máis pequenas que as violas e amosaban un carácter moito máis popular. A viola, xunto co laúde, foi un dos instrumentos pacegos máis representativos da música erudita, mentres, o pobo fixo uso dela e a nosa lírica tradicional aínda a lembra. Achámola mencionada nunha copla e máis no comezo dun romance:

Mariquiña Manuela,

Mariquiña Manuela,

dáme dos teus cabeliños

para cordas de vigüela.

[PPG, <P 2386> <<L 0> <A ?> <E DB>]

Indo Doña Silvela

por un corredor arriba

tocando nunha vigüela

na calle da Figuría.

Acordou seu pae da cama

con o estrondo que facía:

que tendes, Doña Silvana,

que tendes, a vida miña?

[PPG, <P 1432><L 0><A 1877><E DB>]

Tamén puidemos documentar varias coplas onde se menciona a viola, normalmente recollidas cerca da fronteira con Portugal,  razón esta pola que intuímos que non se refiren ao instrumento da familia do violín, senón ao que así denominan os portugueses, é dicir, a algún tipo viola como a braguesa, beiroa, toeira ou amarantina 7, presentes en tempos pasados por todo o norte do país veciño e derivadas da viola renacentista. Tamén cabe a posibilidade de que nestas coplas a voz viola se refira precisamente a este instrumento, pois no século XV Vasco de Aponte (Recuento), ao falarnos da casa de Moscoso, unha das principais de Galicia, escrebe que o Conde Don Rodrigo Osorio e Moscoso “tenía buena persona de hombre, era delgado, bien hecho y de buena estatura, gracioso en su habla, [...], tañedor de viola y de guitarra8. A representación dunha guitarra en Santa María de Caldas de Reis (Pontevedra) podería datar destes tempos. Así pois, as coplas que vertemos a continuación poderían indicar, ou ben que en tempos non moi antigos instrumentos cordófonos semellantes aos portugueses se empregaron nas zonas raianas de Galicia; ou ben que a lírica tradicional gardou lembranza do uso xeralizado deste tipo de viola nas nosas terras. Ambas as situacións non son desde logo incompatibles, senón máis ben complementarias no tempo: é posible que durante os séculos XV e XVI a viola fose empregada en toda Galicia, ficando logo en uso só nas zonas arraianas con Portugal para acabar máis tarde desaparecendo, seguramente ao longo do século XVIII. Vexamos algunhas das coplas que falan deste instrumento:

Toca tú ese pandeiro

i eu a miña violiña

ímola de así andando

terra de Campos arriba

[CG, II, 166] Nocedo (Verín, Ourense)

Dos Chaus a Facós

todo é parola,

elí está tocando

o gaiteiro a viola

[CPLB, 72] Limia Baixa (Ourense)

Miña nai está en Granada,

que me ten a casa nova;

mal pensará miña nai

qu’estou tocando a viola.

[PPG, <P 2439> <<L 0> <A ?>]

Viola, miña viola,

meu estrumento,

xa que me déche‑la morte

dám’o meu enterramento.

[PPG, <P 2686> <L 0>](Vigo)

Meu Santiño San Martiño

botou pola porta fóra

en manguiñas de camisa

tocando nunha viola.

[PPG, <P 2959 <L 0>]

Eu comprei unha vïola

que me costou un vintén,

o diñeiro pouco importa,

se a vïola toca ben.

[MV, 918] (Probablemente da Ulla)

Esta copla do Cantigueiro popular da Baixa Limia de Xaquín Lorenzo deixa claro que, en todo caso, os galegos arraianos coñecían perfectamente o uso da viola en Portugal:

Miña Virxen do Xurés,

ten unha ventana nova

para ver os portugueses

cómo tocan a viola.

[CPLB, 105]

Outra semellante aparece recollida en Cotobade por Antonio Fraguas Fraguas:

Portugués non me ronqués,

non me toqués a viola

eu xa fun a Portugal,

Portugal non me namora

[CDC, 76]

Mozos coa guitarra e o laúde en Lagartóns (A Estrada, Pontevedra, c. 1965). Do arquivo do autor.

A antiga guitarra española aparece descrita a finais do século XVI por Juan Carlos Amat 9 e representa a fusión da guitarra de catro ordes coa antiga vihuela de seis, dando un instrumento de cinco ordes duplas. Desta época data o bando de Juan de San Clemente, Arcebispo de Santiago de Compostela, onde se fai referencia ás guitarras empregadas polos estudantes que facían roldas nocturnas.

O século XVII marca o apoxeo desta nova forma de guitarra como instrumento erudito ou pacego, que nese nivel se difunde por toda Europa ao mesmo tempo que desaparece a viola. Deste século datan as dúas representacións de guitarras que aparecen no cadeirado do coro da Igrexa de San Martiño Pinario: nunha tres anxos tocan a viola de gamba, a arpa e a guitarra; na outra, este instrumento aparece en compaña de dúas chirimías e unha corneta, posiblemente de metal. Do século XVIII son as dúas representacións de guitarras que aparecen na catedral de Tui. Unha fermosa iconografía da guitarra barroca aparece no cadro de Ramón Bayéu (1746-1793), El majo de la guitarra. Un século despois Eugenio Lucas (1824-1870) pinta un cadro, chamado La Ronda onde se aprecia unha guitarra acompañada da pandeireta e os ferriños ao máis puro estilo dos cegos cantores.

Despois do visto podemos concluír que a guitarra debeu ser empregada polo pobo seguramente entre os séculos XIV e XVI, cando diversos cordófonos foron instrumentos que aparecían na música popular tanto nos bailes como para acompañar o canto. Despois do XVI parece que os cordófonos sofren en Galicia un retroceso paulatino que culmina coa súa practica extinción no século XX, cando a guitarra pasou a ser un instrumento máis ben ligado á tradición urbana. Como lembranza do seu recente deceso, na lírica tradicional fican aínda algunhas coplas que nos falan do instrumento:

Estando la blanca niña

estando la blanca flor

sentadita en su banqueta

bordando en su bordador

pasó por allí don Carlos,

hijo del emperador,

tocando en una guitarra,

cantando en esta canción:

[CG, II, 141] Extraído dun romance recollido en A Cova (O Saviñao, Lugo)

Na fonte de Santa Comba

xuntouse Patas e Baba

Manuel e os cagallóns

e Ánxela ca guitarra

[CPGDS, IV, II, 223] Outes (A Coruña)

Miña muller é guitarra

guitarra é miña muller

o que ten muller guitarra

toca nela cando quer

[CPGDS, VI, II, 50] Bande (Ourense)

Guitarra miña guitarra

que me costou un vintén 10

arrebenteime do peito

i a guitarra toca ben

[CPGDS, VI, II, 50] Bande (Ourense)

¡Ai! Manuel, Manuel,

¡que borracho ves!

tocas a guitarra

coas uñas dos pes

[CTC, 61]

Sobra dicir que hoxe en día a guitarra carece completamente de uso na música tradicional das aldeas nin tampouco o tivo ata onde acadan as memorias dos informantes consultados; con todo, segue a empregarse dentro de agrupacións musicais de moi diversa índole, pero non por mor dunha continuidade na tradición, senón por influencia da música global, sendo quizais as tunas as únicas agrupacións musicais que conservan a sombra do uso tradicional pretérito deste instrumento.

Ver notas
  1. [1] Martínez Torner, E. e Bal y Gay, J. Cancionero Gallego. Estudo crítico de Carlos Villanueva. Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza. Facsímil da edición de 1973. A Coruña, 2007, tomo II, p. 149.
  2. [2] Álvarez Blázquez, X.M. (Recadádiva, limiar e notas). Cantares de cego. Anónimos. Dentro da colección “O Moucho”. Ed. Castrelos. Vigo, 1972, p. 8.
  3. [3] Rei Cebral, C. Op. cit.
  4. [4] Salazar, A. La Música en Cervantes y otros ensayos. Ed. Insula. Madrid, 1961, p. 145.
  5. [5] Salazar, A. Op. cit. p.141.
  6. [6] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 153.
  7. [7] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, p. 153-175.
  8. [8] Rei Cebral, C. Os instrumentos tradicionais na lírica popular galega. Obra inédita, en prensa.
  9. [9] Amat, J. C. Instrucción de Música sobre la guitarra española y método de sus primeros rudimentos hasta tañerla con destreza. Barcelona, 1596.
  10. [10] Vintén: antiga denominación popular para os dous centésimos de peso. Orixinalmente aplicábase ás pezas de vinte centésimos, pero sucesivos cambios de signo monetario reduciron o valor malia que se conservou o nome.
Patrocinadores e colaboradores