Violín de millo


En Galicia achamos un curioso tipo de cítara con paralelos no sueste asiático 1 e en África, onde estes instrumentos se fabrican desprendendo unhas finas tiras da cortiza dun tubo de cana, e separando estas primitivas cordas do tubo -cunhas pequenas pontes. Fabricado exactamente deste mesmo xeito, pero cun talo de millo verde, documentamos en Galicia un instrumento denominado violín de millo composto por dúas destas cítaras que, para emitiren o son, eran refregadas unha contra a outra. A que fai de arco leva só dúas cordas bastante máis grosas que as que se poñen en vibración. O talo que se refrega con este arco leva tres ou catro cordiñas finas de diferentes lonxitudes que permiten a obtención -doutras tantas notas. Estas cordas van levantadas e ténsanse máis ou menos por medio de dous anaquiños de madeira postos debaixo de cada unha delas que, situados debaixo dos extremos onde a corda se xunta co talo, poden moverse por debaixo desta incrementando ou diminuíndo a súa lonxitude e a súa tensión. O son do instrumento así construído é moi débil, pois carece de caixa de resonancia.

Exactamente este mesmo instrumento aparece descrito en Asturias por Eugenio M. Zamora 2 coas denominacións de: tarucu, violín, violín de maíz e vigulín de maíz. O autor documenta a súa presenza principalmente na zona noroccidental, malia achalo tamén en concellos máis centrais ou orientais como Oviedo, Tineo, Colunga ou Llanes. Zamora refire o achado do instrumento en Cataluña por Violant 3 quen o documenta, así mesmo, na veciña Francia. Pese a que nós só o puidemos achar en Abadín (Lugo), Antón Cortizas informounos que ten novas deste instrumento en moitos outros lugares de Galicia.

Na clasificación de Hornbostel e Sachs este curioso “violín de millo” pertence ao grupo das cítaras de tubo idiocordas, por estaren as cordas parcialmente talladas no mesmo tubo que forma o corpo do instrumento. Na clasificación que os galegos facemos, este útil non é un instrumento musical, senón un xogo de nenos.

Ver notas
  1. [1] Sachs, C. Op. cit. p. 223.
  2. [2] Zamora, E. M. Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana. Oviedo, 1989. p. 195
  3. [3] Violant, B. “Instrumentos músicos de construcción infantil y pastoril en Cataluña”. En: Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, 10 (1954); pp. 331-348 e 548-590.
Patrocinadores e colaboradores