Axóuxer (de metal)
Os únicos axóuxeres metálicos que temos documentados en Galicia son de forma esférica, conteñen unha peciña de metal libre no seu interior, levan unha argoliña para penduralos e unha ou varias aberturas para deixar saír o son. O seu tamaño oscila entre os 7-8 mm ata os 4-5 cm de diámetro. Son fabricados polos fundidores de campás e campaíñas normalmente polo método da cera perdida. Penduran dos arreos de burros e cabalos e moitas veces do pescozo de gatos e cans, existindo tamén antigamente o costume de colgalos nos traxes tradicionais dos homes dos séculos XVIII e XIX, incluso facendo de botóns. Poucas son as coplas tradicionais nas que se menciona este instrumento e todas o mencionan co seu nome castelán, cascabel:
María Manuela
corpo delicado
quén che pux’o nombre
cascabel furado
cascabel furado
cascabel furado
María Manuela
corpo delicado
[CPGDS, IV, II, 227]
Ordes (A Coruña)
Vamos indo a Cais,
qu’hai moito que ver:
un canciño branco
con un cascabel.
[PPG, <P 297> <L 0> <A 1864>]
A la jota, jota
de los cascabeles,
vale más un hombre
que siete mujeres 1
[CFG, I, 59]
Os axóuxeres metálicos son seguramente descendentes relativamente modernos dos axóuxeres de cabaza dos que vimos de falar. Aínda así son instrumentos bastante antigos e amplamente distribuídos nas culturas do planeta. Normalmente fabricados de bronce, documéntanse nas culturas antigas europeas, africanas e mesoamericanas e o seu uso podería estar relacionado coa xa mencionada capacidade apotropaica dos sons tintineantes. Esta ampla distribución fala moi a favor dunha grande antigüidade.
Ramón Andrés 2 explica que existe un arancel do 1488 no que os axóuxeres se amosan como obxecto de importación, constituíndo un importante accesorio cabaleiresco. Covarrubias (1611) describe tamén estes instrumentos e fai constar que se penduraban dos cabalos e que “los dançantes en las fiestas y regozijos, se ponen sartales de cascabeles en los jarretes de las piernas, y los mueven al son del instrumento”. É moi frecuente observar este uso durante todo o medievo, pendurados dos traxes dos xograres e bufóns, velaí senón a iconografía da capela do Hospital Real de Santiago de Compostela.
Os axóuxeres pertencen aos idiófonos de golpe indirecto, sacudidos, con forma de vaso (112.13). Dentro do sistema de cultura tradicional galego non están considerados como instrumentos musicais e carecen dunha filiación sexual clara, se ben os bufóns adoitaban ser homes e só se penduraban dos traxes tradicionais masculinos.
Ver notas