Botella

As botellas labradas, tipicamente de anís, percutidas e refregadas cunha chave ou co mango dun garfo ou culler empregáronse nalgúns lugares de Galicia como complemento rítmico para o canto, especialmente naquelas zonas onde as pandeiretas se acompañaban de tixolas, cunchas e outros instrumentos, polo que son un instrumento fundamentalmente feminino.

O seu uso como instrumento musical non pode ser moi antigo, pois aínda que o anís foi introducido en Europa polos árabes e otománs, as primeiras botellas deste tipo que contiveron o licor datan do século XIX. O aproveitamento deste útil doméstico para a execución musical pon de relevo, unha vez máis, a imaxinación musical do pobo galego ademais de ser testemuña dunha tradición de instrumentos refregados que como vimos de ver pode ser antiquísima.

A botella sostense coa man esquerda en posición horizontal, refregándoa ritmicamente co vaivén do ferriño ao ritmo adecuado.

Dentro da clasificación técnica segundo Hornbostel e Sachs acharíamos este instrumento dentro dos idiófonos refregados, no grupo 111.23 “Tubos percutidos”. No sistema de cultura tradicional galego non é considerado como un instrumento musical propiamente dito, pois non é fabricado con esa pretensión.

Patrocinadores e colaboradores