Ciceis dos canteiros

Canteiros

Os ciceis e punteiros son ferramentas máis ou menos cilíndricas, rematadas en forma de pico ou gume que os canteiros empregan para dar forma ás pedras. Bátese neles cunha maceta, ferramenta semellante a un martelo pero cunha gran cabeza de ferro lixeiramente cónica, producindo así un son característico, no que participan a pedra o punteiro e a maceta. Os canteiros aproveitaban este son para acompañar os cantos que os distraían durante o tedioso picar na pedra, imprimíndolle ademais un ritmo axeitado ao seu traballo. Esta copla recollida por Antonio Fraguas en terra de canteiros, en Cotobade (Pontevedra), deixa enxergar a relación entre estes útiles de traballo, o propio traballo e a música:

Canta, miña pedra, canta

ó compás deste punteiro,

canta, miña pedra, canta

faille compaña ó canteiro

[CDC, 35]

Á parte dos cantos relaxados e tranquilos interpretados ao son dos punteiros e macetas, os canteiros posuían outro curioso e único tipo de canto. O traballo de erguer e colocar as pedras na construción esixía unha coordinación e simultaneidade perfectas dos canteiros da cuadrilla que manexaban a mesma pedra, posto que estas eran por veces extremadamente pesadas. O sistema escollido por estes homes para obter un bo grao de coordinación é moi orixinal e cadra á perfección coa musicalidade do pobo galego: interpretar cantos de ritmo libre, baseados na mestura de ordes como arriba!, puxar! con sílabas de esforzo como ouh!, eih!, facendo tamén referencias ás propias pedras. Estas melodías ían guiadas polo capataz e respondidas polos outros membros da cuadrilla, conseguindo así imprimir un ritmo preciso e coordinar perfectamente os lugares de esforzo conxunto.

Os cantos dos canteiros lémbranse nas coplas tradicionais:

Os canteiros xuran, xuran,

que non marchan desta terra

sin que engañen ónha nena

ó son do picar na pedra

[CTC, 60]

Non te namores meniña

do canteiro que ben canta,

que é a fariña da pedra

que se lle pon na garganta

[CG, II, 122]

Como oficio ambulante que era, o canteiro chegou a ter certa sona de rouba corazóns, o que tamén se reflicte en moitas coplas tradicionais:

Canteiriños, canteiriños

que traballades na pedra,

aquí falta unha rapaza

tendes que dar conta dela

[CDC, 35]

Canteiros e carpinteiros,

canteiriños polo menos,

pola terra de onde andades

deixás a criar os nenos

[CDC, 35]

Segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs, os ciceis e punteiros así empregados convértense en idiófonos que pertencen ao apartado 111.211 “Paus de percusión”. No noso sistema de cultura tradicional son usados exclusivamente por homes e non son considerados como instrumentos musicais, pois nacen con outra función ben diferente.

Patrocinadores e colaboradores