Culleres

As culleres pertencen a esa clase de instrumentos domésticos que son convertidos de xeito ocasional por nenos e adultos en instrumentos musicais. Feitas de pau ou de metal úsanse por parellas para entrebatelas e producir golpes e redobres que acompañan melodías ou cantos.

O termo culler provén do latín cochlear/cochlearis, e pódese dicir que é un dos instrumentos máis antigos dos que se valeu a humanidade tanto para comer, como para servir, malia que nun principio contase con formas moi dispares. Desde o paleolítico os homes xa utilizaron diferentes tipos de utensilios para poder tomar os alimentos pastosos ou líquidos, ­unhas veces con forma de pá e outras cun pouco máis de concavidade. Dependendo da zona xeográfica onde estas primeiras comunidades estaban asentadas, estes utensilios podían ser de diferentes materiais. As comunidades asentadas a carón do mar, adoitaban empregar cunchas, as do interior valíanse de codias, ósos e algunhas outras materias primas que lles era doado conseguir. Non entanto, para achar vestixios seguros de útiles semellantes a culleres temos que remontarnos ao neolítico, onde as comunidades do medio rural, que vivían da gandaría e a agricultura, elaboraban xa utensilios que lles servían para cociñar, para levar líquidos á boca ou para pasalos dun recipiente a outro.

O deseño destes primeiros utensilios, aínda bastante rudimentarios, asemellábase xa ao actual: unha pá cóncava e un mango. Os materiais máis utilizados eran o óso, madeira, algúns tipos de pedra e barro cocido. Moitos dos útiles considerados como culleres non tiñan unha función expresa para a alimentación, senón que eran empregados para diversas actividades médicas, produtivas ou cerimoniais. Uns tres mil anos a.C., en Mesopotamia, Siria e Exipto producíanse estupendas culleres con mangos tallados e outros ornamentos, acadando unha grande variedade de modelos e formas. No Museo do Louvre áchanse algunhas das mellores culleres de todos os tempos. Convertida en obxecto sagrado, a culler formou ás veces parte do enxoval funerario dos faraóns exipcios. O uso da culler nas culturas antigas parece restrinxido á alimentación das clases altas, ao trasego de líquidos, preparación de alimentos e cerimoniais. Con estes fins na Grecia clásica fabricábanse culleres de ouro, prata, bronce e óso, e este útil rara vez se empregou como cuberto de mesa. Só a partir do s. III a.C., o uso da culler comeza a impoñerse no ámbito doméstico das clases altas das cidades gregas. Na Roma clásica dispoñían de complexas vaixelas con múltiples tipos de culleres destinadas a alimentos moi específicos: a culler pequena e apuntada ou cochlear (nome derivado dunha medida de capacidade) que se empregaba para baleirar ovos, mariscos e caracois; a ligula, algo maior, usada para tomar sopas e purés; e a trulla, especie de cazo, con capacidade dun decilitro, que tiña como función trasegar líquidos.

Ata o século XIX a culler foi a miúdo –á parte do coitelo ou a navalla– o único instrumento utilizado nas comidas. Por suposto descoñecemos cando as culleres comezaron a ser empregadas como instrumentos musicais, pero ao xenio humano non se lle debeu escapar esta utilidade desde que a súa forma o permitiu. O que si sabemos é que en moitas culturas do planeta as culleres achan un uso musical, caso do kemank balinés que está formado por dúas culleres de metal, ou as culleres lochkis (que poden ser de madeira) empregadas polos rusos 1. As culleres galegas fabricábanse fundamentalmente de madeiras duras, principalmente de buxo (Buxus sempervirens) ata que o metal substituíu a esta materia.

¿Quen che fixo pau de buxo,

que naceches pra culleres?:

as verdades son dos homes,

as mentiras das mulleres

(e viceversa)

[CFG, I, 59]

Usadas como instrumento musical áchanse por toda Galicia, mais os xeitos de sostelas e producir música con elas son variados, reflectindo á perfección tanto a nosa imaxinación musical coma as posibilidades deste sinxelo utensilio.

O máis común é suxeitalas coa man dereita, metendo unha culler entre o índice e o corazón, e a outra entre o índice e o polgar, enfrontando as súas partes convexas. Así suxeitas, fanse bater alternativamente entre a parte superior da perna esquerda e a man esquerda situadas a unha distancia como dunha cuarta. Neste xeito de tocar os redobres obtéñense pasando, de arriba a abaixo, a punta da culler inferior sobre os dedos estendidos da man esquerda. Existen hoxe en Galicia moitos virtuosos que empregan este xeito de tocar as culleres. Outra maneira diferente consiste en sostelas desta mesma forma pero coa man esquerda e facer pasar entre as súas partes convexas o mango doutra culler ou garfo sostido coa dereita. Aínda un terceiro xeito moi común consiste en tocalas como se fosen dúas tarrañolas, sosténdoas como xa indicamos no apartado correspondente a este instrumento.

Unha cuarta forma de manexalas permite, curiosamente, a emisión dunha melodía ao tempo que se fai o ritmo. Este xeito documentámolo na comarca de Ordes a Manuel Miranda (Quintán, Abellá, Frades, A Coruña) e consiste en soster unha culler diante da boca entreaberta, coa parte cóncava cara aos beizos e case en contacto con eles, mentres que a outra culler golpea nela movéndose de abaixo a arriba. Variando entón a capacidade da cavidade bucal pódese escoller un ou outro harmónico do son e facer unha melodía. As culleres tocadas deste xeito pasarían a engrosar as filas dos idiófonos que poden emitir unha melodía.

Por último, as culleres poden ser empregadas a modo de paus de tambor para bater nunha mesa, nunha lata, caldeiro ou calquera outra superficie adecuada ao fin ruidoso que se persegue.

Por suposto, no sistema de cultura tradicional galego as culleres non son consideradas en abstracto como instrumentos musicais, o que non quere dicir que os que as manexan con habilidade non sexan tidos en boa consideración e, nese intre no que son tocadas con virtuosismo e acompañando a algún instrumento melódico, as culleres adquiran a dimensión dun auténtico instrumento musical. Hoxe os artesáns fabrícanas especificamente con este fin en madeiras preciosas como o granadillo ou o ébano, existindo, como xa dixemos, verdadeiros virtuosos deste versátil instrumento. Pertencen ao grupo dos idiófonos de golpe directo da clasificación de Hornbostel e Sachs, situándose no mesmo apartado que as castañetas, 111.141 “Vasos de entrebater”.

Ver notas
  1. [1] Tranchefort, F-R. Los instrumentos musicales en el mundo. Ed. Alianza Música. Madrid, 1994; p. 34 e ss.
Patrocinadores e colaboradores