Lapeta, estraloque

Lapeta de millo

Trátase dun aparello de madeira cunha ou dúas láminas móbiles que ao ser axitado no aire, collido por un mango, fai percutir estas láminas contra outra que leva xunguido o mango. En Touro comentáronnos que os nenos fabricaban as lapetas de codia de eucalipto. No libriño Xoguetes e sons da natureza, coordinado por Jaime López Picallo 1, aparece un instrumento semellante, pero fabricado fendendo ao longo unha cana grosa e verde de millo que contén un nó, de xeito que fican feitas tres láminas, as das beiras baten contra a do medio, máis grosa. Segundo estes autores, o instrumento recibe o nome de estraloque de millo. Esta denominación procede seguramente de estalar, pois outros xogos que fan un ruído semellante reciben un nome parecido, por exemplo, as flores de estalote ou bilicroca (Digitalis purpurea).

Ernesto Veiga de Oliveira describe en Portugal un instrumento moi semellante, fabricado de madeira e denominado castanholas, que era empregado polos rapaces para escorrentaren os paxaros das leiras sementadas 2. Durante a Idade Media os leprosos avisaban da súa presenza cun instrumento construído con tres taboíñas de madeira xunguidas cuns cordeis, tendo a do medio un mango por onde se agarraba e axitaba. Ramón Andrés denomina a este instrumento “Tablilla de San Lázaro” 3 e o Diccionario de Autoridades (1732) abunda nesta descrición, apuntando que se empregaban para pedir esmola para os hospitais de San Lázaro. Pode ser que as lapetas e os estraloques de millo sexan herdeiras destes crótalos de esmoleiros. En todo caso, no século XX foron simplemente brinquedos de nenos e non participaron en absoluto na música, e por tanto non son instrumentos musicais propiamente ditos. Pertencen á categoría dos idiófonos de golpe directo, dentro do grupo 111.13 “Quenllas de entrebater” da clasificación de Hornbostel e Sachs.

Ver notas
  1. [1] López Picallo, J. (Coor.) Borreiros Freire, E., Rodríguez Rodríguez, S. e Rubio Alvariño, M.T. Xoguetes e Sons da Natureza. Ed. Xunta de Galicia, (2ª Ed.) Santiago, 2004; p.53.
  2. [2] Veiga de Oliveira, E. Instrumentos Musicais Populares Portugueses. Ed. Fundación Calouste Goulbenkian, (3ª Ed) Lisboa 2005, pp. 300 e 449.
  3. [3] Andrés, R. Diccionario de Instrumentos Musicales. Ed. Península. Barcelona 2001; p. 363.
Patrocinadores e colaboradores